sábado, 27 de março de 2010

Xogar con lume. (Resposta ó artigo de A. C. Álvarez titulado “Dona Carme Fidalgo, a min defraudoume”).

A noite do 27 de Maio, mentres algúns celebrabades un pretenso cambio no Concello de Silleda, outros, cautelosos e na casa, presaxiabamos –con ou sen maioría absoluta do PSdG- o que tristemente ó final ocorreu. O esfarelamento era de agardar despois de observar o espectáculo, que Valle Inclán bautizou co nome de esperpento, de algúns dos caciques locais, vinculados de sempre á dereita preconstitucional, facendo campaña polo PSdG. Algo cheiraba nunha lista construída dende arriba e non dende o traballo de base e os Principios ideolóxicos do “socialismo”. Coma Vde. mesmo recoñece, votou esa lista a sabendas de que nela había “dous elementos perigosos en postos de saída” (e abofé semella que se quedou curto no de “dous”!).
Que a dereita municipal se dividise en dúas listas non era, en principio, cousa mala para a esquerda. O problema é que agora os “elementos perigosos” acubillábanse baixo siglas “socialistas” que a xente de ben, entre a cal quizais se atope Vde., vincula á esquerda e ó cambio respecto das prácticas políticas e das formas de exercer o poder pola dereita. Mais nestes dous anos dun goberno –entrante co apoio no voto de Carme Fidalgo- non apreciamos grandes diferencias dos anteriores, cando non simple continuísmo.
Non foi Carme Fidalgo quen xogou coas ilusións da xente achegándose e abrazando temeraria e conscientemente certos “perigos”. Non foi ela quen deixou debilitada (máis se cabe) a credibilidade na clase política por parte do pobo de Silleda. O seu labor foi o da responsabilidade ética e política. Sen se deixar seducir polas cantigas de serea do poder, mantivo unha distancia elegante do esperpento, dos que se botaban a eito, coma esfameados, sobre a larpeirada dun petisco de pastel que fica moi pequeno entre tanto lambón. Foi o seu o exercicio difícil, solitario, sensato e prudente de quen se mantén á debida distancia dos “elementos perigosos”, ora chámense PP, ora chámense PSdG-PSOE.
Cadaquén que varra a súa casa e asuma as súas responsabilidades e só a partir de aí se fale e se traballe por e para
unha maioría social e un Concello de esquerda plural a través (por que non?) dun pacto entre PSdG e BNG no que o cambio sexa real e non puramente nominal.
Os que non deixamos de vota-lo cambio real, conscientes dos “elementos perigosos” doutras listas, non nos sentimos defraudados por Carme Fidalgo. Non. Madía leva. Mais ben, estámoslle agradecidos por mante-la dignidade perante o para nós previsible, e polo tanto non decepcionante, grotesco espectáculo. Por desgraza, non todos os votantes do PSdG tiñan consciencia, coma Vde. e nós, da existencia de “elementos perigosos” na lista que votaron.
Se Vde. recoñece que xoga con lume, non responsabilice a outros por se queimar.

Publicado o 22/07/09

Asinado: Alberto Domínguez Mato. Veciño do Concello de Silleda.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.