domingo, 18 de setembro de 2011

DOS LOCALISMOS E A INVIDENCIA POLÍTICA I



Vou aproveitar este artigo para puntualizar varias cuestións referentes á resposta dada por varios políticos locais e comarcais no tocante á situación da Semana Verde, o localismo que pregoan algúns e a cegueira na politíca que posúen outros.

1.- Gobernando o PP construíuse o Recinto da Semana Verde - Feira internacional de Galiza, no que se investiron miles de millóns de pesetas para convertelo en internacional, o único internacional, apostar por un escaparate nos anos noventa e para o século XXI de presente e de futuro para os galegos e as galegas. Era esta unha aposta para desonvolver cos tempos un mercado feiral, empresarial, industrial.Que llo pregunte Crespo (ao cal se lle ve a veta localista lanzando o órdago de que quedemos co recinto para Silleda, xa que e o que faria el no caso de Lalín), pois que llo pregunte, repito, ao señor Fraga, ao exconselleiro de industria Juan Fernandez, a pesar das pexas que sempre se puxeron para este recinto en Silleda desde certos políticos lalinenses (entre os que se incluirá o Alcalde de Lalín).

2.- Pouco a pouco o PP, como partido que só atende e fai favores, foi dotando cidades e vilas galegas de chiringuitos para convertelos en novos recintos que acabaron todos competindo entre si. Grande responsabilidade esa de por uns votiños ir desagregando a visión comercial que teñen todas as sociedades modernas. Unha cousa é favorecer un mercado feiral interno e outra distinta é promover recintos que combaten entre si por un mercado semellante. Que llo pregunten a moitos expositores galegos que tiñan que ir paseando polo país de feira en feira para quedar ben con todos, cando o seu mercado era moito mais produtivo fóra de Galiza por se encontrar con auténticas feiras profesionais, onde podían optar a facer negocio e non gastar os cartos por gastalos. Non só chegando cos numerosísimos recintos feirais para diversificar os esforzos, mandaron construír a cidade da cultura, altamente produtiva para as arcas da Xunta e o peto dos galegos e as galegas. Iso é xestión, alta xestión!

3. O PP permitiu todos os dispendios habidos e por haber sen poñer couto á anterior xestión da Semana Verde, aínda que ai tamén se viu moi acompañado por Méndez Romeu prececesor de Rueda no cargo de Presidente do Padroado da Semana Verde e campión das irrresponsabilidades, con promesa sobre promesa nunca concretadas. Entre o PP e o PSOE acabaron coa Semana Verde, porque nunca tiveron visión de Pais para ela. Nunca. E seguen sen tela.

4. Do BNG direi que é ben coñecido por todos aqueles que non teñan cortedade ou cegueira na visión, que nunca ocupou a Presidencia do Padroado da Fundación, mais sendo socio do goberno da Xunta co PSOE traballou a reo por ela, ou quen salvou a última edición da Semana Verde do goberno bipartito? So hai que mirar para a especial preocupación que poñen agora as consellarías de Industria e Medio Rural pola Semana Verde, pois iso e nada é o mesmo. Pola contra, quen leva a voz cantante segue a ser o Conselleiro da Presidencia, que non ten relación con sector. E de aí un dos grandes problemas da Semana Verde. Quen a rexe e tutotiza non ten responsabilidade directa co sector.

5. Podería falar moito e longo da Semana Verde, da súa historia e do seu presente, e non só como silledense e persoa que medrou con ela e a súa evolución, como cidadán que contempla a involución á que a conduciron, senón que como galego que cre que a Xunta de Galiza non pode tomar decisións de presunto aforro que só benefiecien ao final aos grandes grupos empresariais e faga que esmoreza todo o que non significa encher os petos de uns cantos, no prexuízo das grandes maiorias. Que algo polo que se apostou inicialmente non tivese a xestión política e profesional adecuada, non significa que a teñamos que afogar. E este á o caso da Fundación Semana Verde, a cal xestiona o maior recinto de Galiza, ao que lle teremos que dar contidos e non só pensar non que produce e deixa de producir para o peto da adminitración autonómica.

6. A Paula direille como lle dixen na Xunta de Goberno (a cal non está para render contas das posicións políticas de cada grupo, e si da xestion que se fai no Concello e só no Concello), que o Concello ten que tomar cartas neste asunto e vainas tomar queira ou non, e que eu son o portavoz municipal do BNG, non o secretario do PSOE en Silleda, e que o pacto de goberno non se pon en causa por tratar temas que afecten globalmente a Silleda (por certo, ben puido ter consultado os portavoces dos grupos municipais antes de ir á xuntanza do Padroado a tratar o tema que icluirá finalmente a proposta de inicio do ERE). Aínda que o Concello non teña o poder para decidir, si o ten para influir. Que non todos pensamos igual e temos liberdade para expresalo cando e onde queiramos, que iso e a democracia. E por iso a miña responsabilidade e a do BNG con Silleda e con Galiza. Nós non miramos só para o noso embigo. Finalmente, sobre a construción do edificio ese en Lalín, que lle pregute a Maril e a Crespo. Eles saben máis ca nós.

7.- Á asociacion feiral e tamén a representante dos silledenses no Padroado (a Alcaldesa), só lles repito de novo que o seu voto que non foi o axeitado. Non tiñan nin a informacion nin as garantías suficientes de que se cumpriran todos os tempos e explicacións precisas para iniciar este proceso proposto para os despedimentos como para dar o si no padroado.

7.- Por último, mais non menos importante, a Pin advírtolle que se deixe de esbardallar e se poña a traballar dunha vez como líder que é da oposición, e isto non o conclúo eu, é cousa dos seus votantes que xa temen como van ter que cabiar outra vez de cabeza, porque este non se lles move, e cando o fai é para non dicir nada relevante. Mais que faga as súas declaracións sobre a situación da Semana Verde, da que aínda non dixo nada de nada.

Eu son trasdezao e galego, preocupame a miña terra, o meu país, as súas xentes e o seu traballo. Penso no porvir de Galiza e non miro para outros intereses que non sexan os do noso benestar, o colectivo, e dentro disto entra a Fundación Semana Verde. Os que me criticaron e que tanto saber ao parcer dela , trátena co respecto e a preocupacion que non tiveron ate agora.. E logo sigan pregoando polas cactro esquinas o neolibralismo e as súas verdades e bondades absolutas, pois xa vemos o resultado do mesmo. E iso non é demagoxia, é unha realidade.


Matías Rodriguez da Torre.

Concelleiro de Silleda