domingo, 27 de junho de 2010

Un virus en Silleda

A política fronte o virus do exhibicionismo .


O exhibicionismo, no sentido amplo, é a inclinación de un individuo a expoñerse en público de forma espontánea sen axustarse ás normas sociais, e a política designa o proceso e a actividade, orientada ideoloxicamente, de toma de decisión dun grupo para a consecución duns obxectivos.

Aclarados os termos política e exhibicionismo quero entrar nunha percepción persoal da cal gostaría que todos e todas, vos detiverádes un intre para ver desde o lonxe o que se percibe na política municipal da lexislatura vixente. Eu comezarei por describir a miña perspectiva dende arriba cara abaixo.

O goberno actual artimañado dende o Partido Popular sofre o síndrome do exhibicionismo a causa do trastorno de personalidade paranoide que sofre dita organización política, velaí os feitos amosados da organización dende que acadaron o goberno tras a moción de censura: desconfianza entre eles, unha conduta teatral , relacións sociais superficiais co pobo, inestabilidade do estado de ánimo do goberno , subordinación e incapacidade do goberno para valerse por si mesmo, demisión tras demisión dos seus concelleiros ou dos que o apoian, pasividade nos plenos para que os demais asuman responsabilidades e decisións de ben para a sociedade trasdezá, etc. Son características coas que en psicoloxía se chegaría a un diagnóstico dun trastorno de personalidade dun grado moi preocupable para a convivencia dos achegados ao paciente, neste caso somos os Trasdezaos os que sufrimos os problemas da convivencia política municipal, por culpa da organización trastornada que apoiou aos que nos xestionan dende o concello coa súa alporizante desgobernabilidade. Na linguaxe vulgar sería unha organización “Tola”.

O goberno anterior artimañado dende os independentes de Silleda e algún do PSOE, producindo unha conxestión de xente baixo unhas siglas dunha organización política que deu o visto e prace desa lista para chegar a sufrir por primeira vez unha moción de censura en Silleda. Esta organización, o PSOE, padece tamén un síndrome de exhibicionismo a causa dun trastorno de personalidade narcisista: sentimentos de grandiosidade e de importancia, fantasías de éxito, necesidade de exhibicionismo de atención e admiración de tres membros fronte á organización, discursos encamiñados a infravalorar a democracia para acadar os seus obxectivos políticos, actos hedonistas onde se plantexa que os desexos persoais de algúns dos membros da organización débense satisfacer de inmediato sen importar os intereses dos demais, etc. Apréciase unha obsesión polo poder custe o que lle custe, sen pensar nos demais, que na linguaxe vulgar se diría que “ só miran o seu cu ”.

O BNG tamén sofre un síndrome de exhibicionismo, pero a diferenza que vexo é que non é ocasionado por ningún trastorno da personalidade, se non que dentro dun virus exhibicionista que afecta a todos e a todas, pois o BNG está contaxiado por tal virus. Pero o que discerne o BNG das demais organizacións é na procura día tras día da vacina que cure a todos e todas os trasdezaos e trasdezás. Velaí ten a búsqueda da vacina a través da política, do valor da democracia en todos os seus síntomas: reunións asemblearias participativas en todas as parroquias onde todos e todas os/as asistentes deliberan e deciden sobre todo asunto de interés veciñal que entraña a vida de cada parroquia, propostas en todos os plenos dos asuntos de relevancia e importancia veciñal de todas as parroquias do concello, cohesión das súas ideas e dos seus feitos desde o comezo da lexislatura ata tal día, información ao cidadán de todas as súas mocións e propostas nos plenos a través da prensa e de internet, etc. Apréciase un interese constante polas preocupacións e inquedanzas de todos e todas sen excluír a ninguén deste concello. Na linguaxe vulgar diríase “currantes”.

A vacina de librarnos deste virus que estamos a sufrir neste concello témola nós soíños, témola nós ao exercer o poder sobre eles elixindo aos nosos representantes. Só se trata de valorar qué sociedade queremos, e iso depende dos gobernantes que escollamos. Polo que eu aprecio temos onde escoller, entre organizacións trastornadas que nos fan a vida municipal imposíbel ou organizacións que buscan co seu traballo a creación dunha sociedade con personalidade e solidaria, e que nós mesmos sexamos os protagonistas das decisións municipais a través do asemblearismo e da democracia horizontal e directa, e que se axuste ás normas sociais para o bo convivir de todos e todas.

Os feitos son de quen os fai.

Anxo Lois Diéguez.