sexta-feira, 16 de março de 2012

O razoábel é ser razoábel


Lin con atención o artigo  de Xosé Crespo o Alcalde de Lalín sobre a razoabilidade na fusión de Concellos, postulándose de novo en artífice do Concello de Deza unido.
Á partida xunguir concellos pode parecer unha idea positiva no momento en que se poñan sobre a mesa datos incuestionábeis que o avalen, á parte da aceptación da veciñanza e a perda do localismo acirrado de moitos politiquiños e caciques que aínda andan por aí. Isto pode pintar ben  para concellos que compartan núcleos, que teñan unha proximidade ou afinidade vital, que precisen un do outro por seren interdependentes.
O que acontece é que o que nos propón o señor Crespo, novamente e de forma oportunista polos últimos anuncios a respecto das negociacións de fusión entre diversos concellos galegos, vén a ser a  anexión non sabemos en que pé de igualdade dos 6 termos municipais da comarca dezá. Eu, que non son localista –por ser precisamente o contrario do nacionalismo-, nin presumo de cacique, voulle dar unha visión política e de inviabilidade social, ou mesmo socio-económica.
Temos unha Deputación de Pontevedra que até o de agora nunca se preocupou por atender de xeito conxunto e equitativo a aqueles concellos que o necesitasen máis; temos unha Mancomunidade de Terras de Deza que nunca serviu para nada, só tivo como fin uns bacheos  de pistas e uns desbroces de comareiros que nunca xustifican o que teñen que pór anualmente moitos dos concellos mancomundados, unha Mancomunidade que nunca cumpriu a comarcalización e abaratamento dos 11 servizos básicos que propoñen os seus estatutos fundacionais.
Temos na palestra  un novo desafío para acadar un Concello de Deza que acumularía 1.026, 80 km” (unha das maiores extensións do País) para atender 161 parroquias, 1.063 núcleos de proboación, cunha dispersión brutal, unha cantidade inxente de lugares e un avellentamento da cidadanía moi considerábel. Amais coa responsabilidade de xestionar  7 vilas de referencia.
Coido que o futuro da comarca do Deza pode pasar por abrir o debate, mais nunca por acrecentar  tal cantidade de datos que tan só de por si xa invalidan grande parte da proposta. É ben certo que os concellos minúsculos poden non ter  razón de ser perante unha xestión que se podería dimensionar máis, de aí a importancia que teñen os servizos a nivel comarcal ou de País. No entanto, a futura ordenación do territorio non se debe facer para marcar tendencias ou modas, ou ser o máis listo dos alcaldes, ou os primeiros en que Feijóo nos pendure unha  medalla; senón que pasa por razoar a xenerosidade, o orgullo e a prepotencia.


Matías Rodríguez da Torre. Concelleiro do BNG en  Silleda