domingo, 19 de dezembro de 2010

A Cegueira


O finado José Saramago escribiu hai uns anos unha novela de belísima factura, excepcionalmente reflexiva titulada Ensaio sobre a cegueira, na que segundo as súas palabras “a través da escrita, tentei dicir que non somos bos e que é preciso que teñamos coraxe para recoñecer iso.". Nesta obra o nobel portugués facía unha intensa crítica aos valores da sociedade, e ao que acontece cando un dos sentidos vitais falta. Anos despois escribiría a resposta revoltada dunha cidadania esperta e aguda ante o maltrato e as malas formas da clase política no Ensaio sobre a lucidez.
Decidín daquelas escribir unhas liñas a respecto dos pasquíns insultantes repartidos estes días por Silleda, que, entre outros, fan referencia á miña persoa, a nove membros máis da Corporación municipal e á directiva da Asociacion de Veciños de Silleda Olaia, e para a redacción das mesmas voume basear no espírito sempre vital do grande pensador que foi e sempre será Saramago, porque ante os improperios, enxuizamentos persoais e ataques de pésimo gusto que rozan unha esperpéntica esquizofrenia antisocial, sen procurar en ningún caso a lexítima crítica sobre a acción política, o que teño que dicir é o seguinte:
“Ninguén ten neste mundo e, por suposto, en Silleda tampouco, ten a autoridade moral para delimitar que son os bos e os malos, porque hai que gañarlle a partida á coraxe máis engreída, egocéntrica e egoísta para ser así e ademais facelo”. E amais disto, comunico a todos e todas que polo menos eu e supoño que a maioría dos seilledenses, non queremos vivir nunha sociedade na que o sentido da vista se ve privado pola cegueira máis belixerante e obtusa e á que se lle una a falta do sentido máis fundamental, o común, e que este se vexa eivado por cousas tan básicas para vivir en comunidade como o civismo, a urbanidade, o respecto, a convivencia, o diálogo, a palabra e, en definitiva, a paz social. E o mesmo respecto que pido para min que para todos e todas os concelleiros e concelleiras de Trasdeza, sexan da cor e idea que sexan, (incluídos tamén os non aludidos, evidentemente), pois unha cousa é botar a lingua a pacer un pouco e outra moi distinta ter que observar caladamente un folleto anonimamente vergoñento, que dá reparo, pudor e noxo até nomear”
Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda

sexta-feira, 19 de novembro de 2010

Aclaracións públicas do BNG ao PSOE de Silleda pola negociación do convenio colectivo do persoal laboral do Concello:

Hoxe comprobamos nos medios de comunicación como o PSOE de Silleda,
novamente, carga as tintas contra o BNG de xeito inxustificado debido
ás informacións parciais que posúe:

1. O BNG acudiu á reunión convocada polo grupo de goberno por levar
máis dun ano reclamando pleno tras pleno saber do estado do convenio
para, precisamente, participar nunhas negociacións das que consideran
os nacionalistas que non se poden facer de costas á corporación.
2. Foi o BNG quen na propia reunión pediu que este proceso se tiña que
abrir aos todos os membros da corporación municipal de Silleda que
quixesen participar, o que (sen ser moi agudos, vese que tamén inclué
ao PSOE). Asemade tamén se pediu con todo o rigor político que
puidesen asistir á reabertura e reinicio da mesa de negociación, os
catro sindicatos maioritarios, alén do que ten representación (CCOO),
pois iso é o que marca a lei (e de aí vén o rigor).

3.- Xa se lle realizou hai unha semana unha suxestión ao PSOE que se reitera:
o adversario político é o PP, non o BNG. O BNG só trata de garantir
un proceso democrático aberto, transparente e plural no trasdeza en
beneficio dos veciños e veciñas, sen exclusións nin sectarismos. Iso é
a política participativa e outra cousa é atrancala.

4.- Como quedou demostrado a presenza dialogante do BNG na xuntanza
referida, axudou notabelmente a desbloquear unha negociacion que levaba
meses nunha calella sen saida.

BNG de Silleda.

sexta-feira, 12 de novembro de 2010

En resposta á agresividade do PSOE de Silleda.


Desde a miña posición de concelleiro do BNG de Silleda desexo realizar uns comentarios en resposta á agresividade manifesta mostrada polo PSOE de Silleda en relación á opinión vertida polo meu grupo pola situación de desinformación na que se encontra o PXOM de Silleda. En primeiro lugar dicir que deixen de tomarnos por parvos, pois o BNG procura as súas formas de traballar con raciocinio, vontade de diálogo e transparencia. En segundo lugar comentarei que, é evidente, que somos coñecedores da páxina web aberta pola Consellaría de Medio Ambiente e tamén, da escaseza de medios para dar unha especificación ao que debe ser unha avaliación ambiental precisa, de aí o noso interese por coñecer de primeira man e coa redactora as directrices básicas do PXOM en canto aos núcleos urbanos, solo empresarial e, posteriormente, os rurais. Polo que queda de manifesto que o BNG se pereocupa por ter a maior campo informativo posíbel, ao non ter até o de agora acceso ao PXOM, nin as propostas redactadas polo goberno anterior (de aí que exista xa, á partida, privilexio na información), nin co anterior, até o momento. Por último, está claro que o BNG estivo sen representación no Concello durante practicamente tres meses (debido, por certo, a unha administración máis preocupada pola burocracia que por atender a dar saída rápida aos temas que concernen aos representantes públicos da cidadanía nos concellos), e é por isto que se lle pediu en reiteradas ocasións a Paula, como alcaldesa o acceso á redacción da súa proposta de PXOM, á que sempre asentiu e nunca mostrou, polo que dicirnos agora que non o fixo porque non tiña obriga de atender a simples cargos orgánicos dos que xa era pública e oficial a petición da acta de concelleiro, é ningunearnos, desprezarnos e non ter o máis mínimo sentido do respecto democrático e da participación cidadá que exixe gobernar o concello de Silleda, sobre todo na situación de fiasco económico noa que se encontra. Por iso lle solicitamos formalmente ao PSOE de Silleda que non nos tome por parvos, que xa sobran "listillos" no Concello como para comezar unha guerra que non leva a ningún lado e na que o adversario nion somos nós, pois é común e chámase PP (quen aínda que pareza que non segue a existir en Silleda).

Matias R. da Torre Concelleiro do BNG en Silleda

sexta-feira, 29 de outubro de 2010

"Se a un lle dan paus de cego, a única resposta é dar paus de vidente."




Xa o dicía Benedetti, e razón tiña cando pronunciou tan sabias verbas. Dar paus de cego, tal expresión emprégase para significar o prexuizo que se sofre ao proceder sen tino nen cautela, simplificando: ao tolo. Pois ben, o Concello de Silleda, dende o departamento de servicios sociais, pretende organizar unha festa de Halloween o vindeiro día 31 do presente mes. Sinal, unha vez máis de que dende o Concello dan paus de cego. Que é o Halloween? Ou mellor dito, que simboliza para nós, os galegos, o Halloween? Episodios dos Simpsons bañados en sangue? Películas americanas nas que os nenos petan ás portas berrando "trick or treat"? O normal sería que en vez de celebrarse tal festividade, que os propios estadounidenses alteraron a respecto do samain levado polos emigrantes irlandeses a América, se conmemore unha festa autenticamente galega,que mesmo na nosa zona tiña acordo non hai tantos anos, o propio Samaín. O Samaín é unha festividade de orixe céltico que se celebra por Tódolos santos. Ten as súas orixes na antiguidade, fai 3000 anos, nos pobos celtas de Europa, entre eles en Galiza, Irlanda e distintas zonas de Gran Bretaña. Segundo a tradición, no Samaín expoñianse as cabezas dos enemigos derrotados nas portas das casas para alonxar aos malos espíritus. Mágoa da que a iniciativa cultural que se leva a cabo no concello se dé só por parte das distintas asociacións culturais. Mágoa que os intentos por parte do Concello de promover algunha actividade cultural sexan tan desafortunados. Non queda máis que, seguindo as palabras de Benedetti, dar paus de vidente.

Andrea Díaz Casal. Responsábel local de Galiza Nova.

quinta-feira, 28 de outubro de 2010

Auto(e)moción


A marca SEAT ten un lema publicitario que leva por nome Autoemoción, e aproveitando, por tanto, que o Deza pasa por Silleda, quero mandar unhas liñas aos catro ventos para que sirvan de desafogo, e tamén, de reflexión.

Hai cousa de pouco máis dun ano o Concello de Silleda era obxecto do asalto ao poder por medio dunha moción de censura, levada a cabo con premeditación, aleivosía e á luz do día. Nela dirimíase unha loita por acadar o posto do sillón dunha prezada Alcaldía como a de Trasdeza, a cal había que recuperar por parte do PP a toda traza.

Pasaron os meses e daqueles asaltantes que pregoaban un cambio de dirección no goberno e na política local, pouco se sabería, pois ían esvaecendo ou desaparecendo directamente. Primeiro coas baixas médicas e a falta de presenza no Concello, logo a marcha de Mato, único concelleiro do PP, despois a de Roucho (do que aínda non coñecemos qué pretendeu neses meses de tránsito), a volta dos dous protagonistas da moción, Ofelia e Javier Cuíña....e todo cunha rara, incríbel e patética estratexia do PP: facemos un golpe de estado con toma de poder con sete tránsfugas (cinco meus e dous ex-PSOE) para desgobernar un Concello que antes xa desgobernabamos.

Velaí a cuestión, algo cheira raro en Trasdeza -como diría Hamlet-, para qué me meto en tal lea se despois non sei dar a talla nin como partido? (lembremos que agora ten dous edís novos e sen máis cometido que avalar a xestión da xente que teoricamente non debe avalar o PP no futuro por transfuguismo recoñecido). Deste xeito se atopa o Partido Popular, sen clareza na organización do partido a nivel local, con problemas internos para escoller un candidato polo sistema tradicional do dedazo que os conduza á soñada vitoria absoluta, e cunha división tan forte como a que forzou a creba do CIS (eses críticos do PP, mellor dito de Roucho, que acabaron sendo independentes do PSOE, para finalmente gobernar dándolle a todos un pouquiño por onde o lombo perde o nome).

Eu, como membro do BNG, integrante da corporación máis circense das habidas en Silleda, e testemuña de hai tempo da política local, sigo sen saber hoxe por hoxe, cal era a estratexia político-electoral do PP. Así como tamén continúo sen comprender por que se programou unha moción de censura nun momento no que o único que se acadaron foi crispar á sociedade, entrar nun proceso de fanatización xunto co PSOE, o cal non beneficiou para nada os intereses e a vida dos silledenses, e chegar ao momento actual sen saber qué camiño coller, o da dereita extrema, o da extrema dereita ou o que lle marquen eses que volveron ao rego como sector crítico.

Ás veces penso que a censura foi proposta por Louzán, Roucho, a cúpula do PP local e os proscritos da lista do PSOE, simplemente, para autoemocionarse.

Matías R. da Torre

Concelleiro do BNG

domingo, 19 de setembro de 2010

28 anos facendo País

Cúmprense estes días 28 anos da histórica asemblea celebrada no Frontón de Riazor ( A Coruña) onde boa parte do nacionalismo galego formalizou a creación do que hoxe coñecemos como BNG. Nun esforzo colectivo de responsabilidade política nacía a organización que estaba chamada a recoller e continuar a labor de emancipación da sociedade galega, a loitar e facer valer os intereses dun pobo moitas veces esquecido e maltratado pola historia e polas dinámicas caciquís aínda hoxe existentes.

Ao longos dos primeiros anos continuou este proceso de concentración das forzas políticas do espectro galeguista no seo do Bloque, o que , ao abeiro dun activismo político contaxioso, supuxo un significativo aumento en apoio social. As claves do éxito foron a loita polos valores propios da esquerda e o exercicio inquebrantable de compromiso nacionalista co país.

Así, foi o BNG quen ergueu a voz perante a situación do sector agro-gandeiro e pesqueiro, enormemente perxudicados polas políticas europeas de cotas e restricións; perante o maltrato ao sector industrial; fronte á política de negación da nosa identidade cultural como colectivo, exemplificada nos ataques á lingua galega; diante dos ataques aos nosos ecosistemas naturais. O nacionalismo galego estivo sempre á vangarda na loita pola igualdade das mulleres; sempre loitando a prol dos dereitos dos traballadores e dos sectores sociais nunca antes escoitados.

Temas que, lamentablemente, seguen a estar de actualidade hoxe en día. A lousa do “fraguismo” e das máis de dúas décadas de gobernos de conservadores, fixeron e fan mella nunha sociedade galega que segue a padecer moitos dos problemas de entón. Así, as políticas de Feijoo, de ataque á lingua, de recorte en investimento educativo, de privatización da sanidade, de abandono do sectores produtivos primarios e de recuperación de vellas prácticas caciquís e antidemocráticas non parecen ser o mellor camiño para superar as eivas deste país.

E diante desta situación, 28 anos despois, o BNG segue sendo esa forza útil. Unha ferramenta válida para mellorar a nosa sociedade, para dar voz e solucionar os problemas da xente. Para trasladar as demandas e propoñer solucións dende o compromiso cos intereses galegos. Así o demostran a diario deputados, concelleiros e toda a militancia que compón o Bloque, forza sen a que non se podería entender o panorama político galego, especialmente nos Concellos, onde se fan máis próximas as políticas de país, pero tamén na Xunta e no propio Estado.

Sabedores das nosas eivas e sen esquecer de onde vimos, os nacionalistas miramos ao futuro e seguiremos traballando outros tantos anos por unha sociedade máis xusta, na que por fin os galegos sexamos donos dos nosos destinos. Seguiremos cumprindo os nosos compromisos. No noso 28 aniversario, a loita continúa.

Xerardo Díaz Casal

Militante de Galiza Nova Trasdeza

sexta-feira, 20 de agosto de 2010

Orde e Progreso


Nos últimos tempos houbo xente que tivo a reacción de cuestionar e recriminar algunha das posición públicas do BNG de Silleda a respecto do flagrante incumprimento por parte dalgunhas persoas ou do propio Concello das ordenanzas municipais ou a normativa básica ou leis superiores de ordenación urbanística. Os trasdezaos e trasdezás debemos ser definitivamente conscientes de que o noso urbanismo nun sentido amplo ten sido un escándalo de grande embergadura desde hai moitos anos, proba de todas as falcatruadas que se teñen cometido en nome do progreso ou do descarado beneficio individual son, por exemplo, as fantasmagóricas, enganosas e discriminatorias alturas permitidas ano tras ano para a promoción dunha habitabilidade irregular nos edificios de Silleda e A Bandeira; a desaparición das frondosas carballeiras que existían nas prazas da feira das nosas vilas; a escura falta de espazos verdes ou o mínimo sentido estético; as despropositadas eivas nas exixencias por parte do Concello na limpeza de terreos urbanos, vivendas, rúas, ou, como non, o patético incumprimento da normativa básica de accesibilidade para as persoas discapacitadas ou con mobilidade reducida, atrancos que seguen a ser obvios, e etc, etc, etc. A todo isto podemos engadir o clamoroso favoritismo que se ten dado cara algúns na concesión de licenzas ilegais decididas e asinadas polos gobernantes municipais, algunhas con sentenzas xudiciais en contra, que non farán máis que carrexar aínda máis gasto ás arcas públicas, ao diñeiro de todos, co que se xogou e se segue a xogar, ben por clientelismo ou manifesta inoperancia municipal. Todo isto demostra, pois, dúas necesidades fundamentais para levar a cabo xa no noso Concello: 1º O escrupuloso cumprimemento das normas das que nos temos dotado. 2º A aprobación inmediata dun PXOM que nos serva para poder progresar e ordenar dun xeito legal, xusto e equitativo para todos os cidadáns por igual. Un PXOM que se cumpra e do que nos beneficiemos tanto particulares, como emprendedores e, por suposto tamén, a empresa colectiva que supón a construción do noso Concello, logo da desfeita que até o momento se deixou facer no urbanismo e na xestión económica. É a hora de concienciármonos todos e todas, individual e colectivamente, que temos que ser iguais ante a lei, e esta non pode ser a da selva na que se fai e de desfai ao antollo dalgúns para lavarlles despois a cara. (Semella) que xa chegou o momento e este é o de cumprir co pobo, para que, porén, o pobo tamén cumpra. Esta é a liña a seguir polo BNG, a da reivindicación, defensa e posta en valor dun urbanismo ben entendido, solidario e normativizado, que nos dea deberes de verdade, co cumprimento dunhas normas, as únicas, que en todo o caso, permitan que todos sexamos iguais ante a lei (a de Silleda e non a da selva) para a acadar a orde e o progreso.

Matías R. Da Torre Concelleiro do BNG

domingo, 25 de julho de 2010

No día da nosa Patria

Resultaría reiterado repararmos aquí, en por que Galiza é una nación. Éo por historia, éo por economía, éo por cultura e por folclore, éo por idiosincrasia. É unha realidade total en si mesma. Galiza é obxectivamente unha nación en tódolos seus elementos constitutivos. Máis aínda así, hai quen segue sen telo claro.

Afirmaba rotundamente Castelao que “se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”. Velaquí a proba irrefutable de que a nación galega existe: o idioma galego; o noso único e xenuíno idioma. Non resulta, pois, preciso comernos libros de historia rebuscando un pasado glorioso, autónomo política e economicamente, para xustificar a nosa existencia como tal e os nosos ancellos. Podemos descubrir a nación galega cunha ollada de presente. Témolo todo; mais sobre todo, temos o idioma. A lingua galega é a obra máis sublime que puidemos ter creado como colectividade, e a que mellor nos define como tal. Recolle a totalidade do noso ser, o que fomos, o que somos. Naceu do latín ao igual que o español, o catalán, o francés ou o italiano. E ata é a lingua nai do Portugués. Podemos e debemos coñecer outras linguas, máis na propia Terra estas outras nunca recollerán tan ben como a nosa todo o noso universo.

Dicía o pasado domingo, nun artigo, un coñecido escritor, que o que nos falta a “Galicia” é conciencia nacional. Eu quedaríame con conciencia a secas. Aínda así notaremos que parece haber un consenso en chamarlle País. Ata o mesmísimo Feijoo. O que non é entendible, é como coincidindo en que o somos, non se asume a defensa dos dereitos que nos corresponde exercer. Caben dúas explicacións. Ou se é un cínico e un farsante, ou hai una covardía suicida.

Nunha data como a de hoxe, a nosa ollada como galegas e galegos non pode ser outra, mais que unha ollada de futuro. Para nós, o día da nosa patria, o Día da Patria Galega é, ante todo, un día de manifestación da increbable vontade de sermos e de gañarmos o noso porvir. O porvir roubado. Non vivimos nunha Terra pobre, somos conscientes que non. Máis cal é a explicación de que a nosa economía non estea plenamente desenvolta? Cal é a explicación de que a nosa lingua e a nosa cultura estean relegadas? De onde nos vén esa falla de conciencia nacional? Da imposta dependencia económica e política de Madrid. Que está na nosa man? A forza necesaria para dotármonos da plena capacidade de decidirmos como queremos estar no Estado español e no mundo.

Pablo Santomé Souto

Responsable Comarcal de Galiza Nova

domingo, 18 de julho de 2010

Máis que palabras, fume.

Na semana pasada recibín na casa, penso que coma na totalidade das de Trasdeza, o boletín informativo Silleda do Concello de Silleda, “convenientemente” enviado antes das festas do verán da capital municipal. O boletín, con máis 32 páxinas a toda cor, ilústranos cos “feitos” do goberno municipal non adscrito froito da moción de censura de outubro de 2009. Comeza cun editorial do goberno referido que nos presenta actuacións xestionadas durante estes 9 meses que “comprenden accións en diversos ámbitos encamiñadas a mellorar o noso municipio”... un esforzo por volver activar o interese dos organismos provinciais, autonómicos e estatais para que...Trasdeza forme parte dos proxectos de futuro que permitan dinamizar o noso Concello”. Fálanos tamén do compromiso coa cidadanía e o intereses polas súas necesidades. Loxicamente con este artigo o que pretendemos é debruzar o contido deste boletín, que a priori, xa lles digo, presume de captar a atención das demais administracións, ás que responsabiliza de “pasar e nós” antes de asaltar eles o goberno.

Relata un por un os proxectos do 2º Plan E do goberno do Estado, que como xa demostramos, en moitos casos, están mal calculados e non pensan nas necesidades urxentes para o emprego e a sustentabilidade, pois xa me dirán vostedes cando se completen se o de humanización e seguridade viaria de todo o municipio vai preocuparse pola accesibilidade de persoas con problemas de mobilidade, ou se a falta de sinalización, clamorosa en moitos lugares, se vai acometer aquí. Se cadra, a humanización refírese a humanizar a muller labrega da rotonda da Travesía de Silleda. Tamén gostaría de rescatar aquí o programa alumeado público e aforro enerxético que realmente non vai supor o auténtico aforro económico en electricidade que o noso Concello ten que facer para poder aforrar gasto e investir noutras cousas. Noutra epígrafe infórmanos dos investimentos da Deputación, os do Plan anticrise do que se leva falando desde novembro, e que aínda non vimos por causa de preocupar só o seu carácter electoralista para ilo xuntando coas eleccións de 2011, cando sabemos da necesidade urxente desde hai moito tempo que teñen esas pistas anunciadas.

A partir da páxina 7 dinos que as consellarías da Xunta están ao abeiro do Concello. Aí aparecen entrevistas, encontros, moita palabra, poucos feitos. E se non que llo digan aos veciños da estrada Silleda-Laro, que seguen á espera, especialmente os de Oleiros, que nunca foron visitados para expor as súas queixas. Asemade destacamos o desaparecimento do Conselleiro de Cultura, porque foi anunciada a súa presenza en marzo e ao parecer non está nin se espera. Ou o famoso “imposto por traer o gando á lonxa e Silleda”, que polo visto, foi obra da nosa Alcaldesa e non decisión tomada desde a Consellaría do Medio Rural, que por certo, foi quen o impuxo e logo o rebaixou sen retiralo. E seguimos con actos institucionais, dos que non se advirte á oposición, sendo a grande maioría deles propiciados por outros organismos e non o Concello, como os certames feirais da Semana Verde, etc.

Aínda teñen a cara de vender arranxos en pistas das parroquias: en Cervaña pola AP-53, coa espera veciñal de anos e con cartos públicos que sempre debeu pagar a concesionaria da autoestrada. E como non hai pistas arranxadas en máis parroquias téñennos que amosar as de Toiriz e o calello da empanada, nos núcleos urbanos. Aínda que si vemos referencias ao chapapote que mandou a Deputación que até aos operarios municipais lles daba vergoña botar por non aguantar nin dous días no firme. Algún arranxo fíxose, claro, mais en nove meses e ao abeiro de Papá Deputación e Mamá Xunta, son poucos feitos. Por atención ás parroquias non se poderá incluír nunca, e os veciños e veciñas ben o saben, as visitas aos afectados do AVE, nunca atendidos debidamente, xa que cunha cartiña e unha xuntanza co ADIF para procurar quedar ben, non se solucionan catro anos de penurias e desprezo.

E logo fálanos da Cooperativa Indega e apútanse o mérito de tela axudado. Home, digo eu, á sociedade de máis asociados do Concello e clave no sector agro-gandeiro e agora de transformación, hai que botarlle unha man. É unha obriga!, mais publicitarse descaradamente a conta deles, non lles fai favor ningún.

E despois a escola infantil, que por fin en 2010, grazas ao BNG no goberno da Xunta e despois de todas as trabas impostas toda a vida polo PP, abriu. Aínda ben. E o programa Silleda Recicla, que estivo ben, mais por curto e escaso xa se auto-reciclou, porque á vista está que no noso concello non se pode reciclar o lixo. E a intensa actividade de reunións con colectivos. Naturalmente estas refírense simplemente ás xuntanzas, pois é coñecido no tema sociocultural o activismo das asociacións e a inactividade do Concello, reducido practicamente por parte deste a celebrar datas célebres só cos centros de ensino. Do deporte non se fala moito porque tampouco se innovou ao non estar atendido desde a súa propia concellaría. E acabamos coa Romaría do Rapaz, evidentemente, aí o desafío é que poida continuar outros 22 anos e non pensar nela unicamente un mes antes. E o Xacobeo, ese que vemos maltratado en Silleda por non dispor os peregrinos dun albergue público, e cando dispoñan del, quedaremos os silledenses sen pavillón.

Con todo este relatorio crítico só quero agradecer ao goberno por aquilo que puido facer ben, pouca cousa puido ser porque todo vén doutras administracións, á parte de botar desaparecido parte deste goberno case a metade do tempo da súa xestión. No entanto, quero expresar que isto que se enviou, e vólvese incorrer no erro do goberno do PSOE, non é información, senón propaganda, e como propaganda que é, precisamente non barata, exiximos que o BNG poida ter a súa parte proporcional para informar, ou cando menos promocionarse, que ao fin é para o que se editou. A redacción, impresión e envío foron pagados con cartos de todos e todas. Iso si que é un feito!. O que vemos aquí son palabras, máis que palabras, fume. Así que ou nos afumamos todos ou rompemos a revista.

Matias R. da Torre

Concelleiro do BNG en Silleda