domingo, 13 de março de 2011

Concello anticrise


Quero compartir convosco unha idea que nos anda a moitos de esquerdas a fedellar na cabeza porque non comungamos con máis do mesmo, cun sistema que aperta e abafa até afogar. Para min, para as persoas da esquerda real, a saída, ou cando menos o asentamento dunhas bases para ir saíndo da crise, pasan por construír outro modelo de sociedade diferente que se basee na xente, na economía real, na do día a día, na aposta pola economía produtiva, que defenda e desenvolva traballos dignos, estábeis, a que está cos comerciantes, co pequeno empresario, cos autónomos, auténticos motores do auto-emprego. Renegamos desa figura mítica, referente social en moitos casos, dos magnates que lles marcan as condicións aos gobernos, deses que se din empresarios e a súa única empresa é amasar diñeiro para acabar cos demais. Apostamos pola corresponsabilidade, pola alianza entre as clases populares e os sectores produtivos.

Dicimos isto nun Concello (como no meu caso é o de Silleda) e nunha comarca onde o salario medio está pouco por enriba dos 800 euros mensuais, onde comprobamos que o desmantelamento do sector primario (o lácteo, a agricultura) foi practicamente un feito, onde o futuro do comercio se complica. Isto é produto das máis duras condicións impostas polos grandes centros de negocios que promocionan a economía especulativa, a que non é real e se impón á produtiva, a que representamos a maioría. Esa economía especulativa foise interiorizando á forza, forzada e promocionada polo capital financeiro, a grande farsa de facer castelos no aire que significa “ese diñeiro inventado que é o da banca”. Ese que anda no aire e só se ve cando non se precisa, porque logo cando realmente fai falla, todo son pegas para conseguilo.

Mais hai persoas que estamos aquí para dicirvos que ten que haber unha alternativa. Unha alternativa que, por exemplo en Silleda, protexa os nosos autónomos, traballadores e traballadoras desenvolvendo un Plan Xeral de Ordenación Municipal, que permita novos asentamentos en áreas empresariais, que permita que a nosa cidadanía poida fixar a habitabilidade na súa terra rural, sen a necesidade de ter que mercar vivenda nas Vilas forzosamente a prezos máis caros. Unha alternativa que a nivel municipal pase porque o Concello sexa un dinamizador autenticamente prestador de servizos, de asesoramento e formación profesional e empresarial.

Como vedes, tamén no Trasdeza se pode intervir para tentar atallar a crise. Unha crise económica que, se ben é universal, tamén se fomenta desde a realidade social máis próxima, pois todo o mundo é consciente dos momentos que estamos a vivir. Non existe unha receita máxica, mais esta pasa por cambiar os hábitos de consumo, por apostar polo noso, por cambiar o capitalismo polo nacionalismo, por un cambio real dos gobernos que nos fornezan de políticas que favorezan a nosa economía produtiva. Repito: a dos traballadores, a dos gandeiros, a dos autónomos e comerciantes, e non a dos puramente especuladores co capital.

Matías R. da Torre

Concelleiro do BNG en Silleda