quarta-feira, 31 de março de 2010

MATO, SEN SILVAS


No Pleno municipal deste xoves pasado, Mato, o único concelleiro do Partido Popular de Silleda demitiu. Decidiu cesar nas súas funcións como representante público da cidadanía porque non quería ser “un cero á esquerda” e porque non se encontraba nunha situación “cómoda”, polo tanto quixo ser coherente e marchar dunha corporación que por méritos, xa se converteu na máis convulsa da historia da política trasdezá.

Teño relación con el desde hai apenas dous anos, mais a suficiente para comprobar que é, tal como me comentaba o outro día algún silledense, “un home dos de antes”, isto é, de palabra, dos que aínda gardan formalidade e consecuencia nas accións. Todos e todas puidémolo verificar cando a moción de censura, que el non apoiou, decantándose por seguir no Partido Popular, aínda a pesar de ficar só e perder os seus compañeiros embarcados na viaxe popular non adscrita. A min, persoalmente, demostroume en máis ocasións o que estou a aseverar, mesmo cando rexoubabamos antes de cada pleno o chiste do trato afábel que tiñamos por ocupar nós o dous os extremos ideolóxicos da corporación.

Sei que lle molestaba profundamente estar na situación actual na que era protagonista sen buscalo, na que os ollos se pousaban nel cando falaba e cando non; nun período, este, no que apoiaba aos antigos compañeiros (ex-xefes de filas e algún antagonista) desde as siglas que cada vez sentía menos, por, precisamente, faltar nelas rigor e seriedade.

O xoves deu unha lección ao seu Partido e aos embarcados. Con catro palabras ben ditas, sen alardes, mais coa razón dun santo, abandonou a corporación con dignidade entre o recoñecemento dos seus adversarios á súa coherencia e o desleixo dos seus “amigos”. Raiou á altura merecida, mágoa que o PP, o adscrito e o non adscrito, non lle chegue á sola dos zapatos.


Matías R. da Torre

Concelleiro do BNG

Póker de ases en Silleda


Tiven oportunidade de coñecer nestes días a admisión a trámite por parte do xulgado do recurso presentado polo PSOE contra a dedicación exclusiva de Javier Presas, Tenente de Alcalde –non adscrito- do Concello de Silleda. E parta daquí o meu escrupuloso respecto polo labor e decisións xudiciais. O que me preocupa é que se interpoñan recursos, antes que palabras, denuncias sobre aspectos que a propia lei recoñece. Porque se en Silleda houbo unha patética moción de censura –vergonzante internacionalmente- onde se poñían en causa todas as circunstancias persoais posíbeis e non as políticas ou sociais, non foi porque a lei o permitiu?

Advertiran desde o PSOE desde a efectivización da moción de censura, que os concelleiros non adscritos non tiñan máis dereitos “económicos” que os que adquiriran de onde proviñan no tempo anterior, polo que anunciaron daquelas a súa lícita intención de recorrer. Lembro que o BNG apoiou estes salarios, os dos gobernantes gañadores que comezaron a lexislatura e os dos actuais “vencedores” non adscritos, baseándose en dúas cuestións fundamentais: 1º. Iso foi o que acordaramos no principio desta convulsa lexislatura, pois dende a nosa organización, considerabamos que nestes catro anos Silleda debía ter dúas dedicacións. 2º. A lei non prohibe dereitos a un concelleiro electo que detenta unha acta de edil, independentemente do uso que faga dela. E con todo, coido que ten que se modificar este precepto. En resultas contas, isto deriva nunha máxima fundamental: goberne quen goberne ten que haber acción de goberno.

E ao parecer no Trasdeza a acción goberno non é o importante, xa que o verdadeiramente ansiado é un estatus social que“aparentemente” debe dar o ser concelleiro ou concelleira. Tanto valerán ou darán eses sillóns, eses despachos municipais, nun dos concellos máis endebedados do mundo occidental?

Na segunda cuestión é na que desexo profundizar, xa que por todas e todos é sabido que ás eleccións se presentan listas de organizacións políticas, con independentes ou non, mais son candidaturas que a xente pode avalar co seu voto desde un punto de vista global. E digo eu desde o BNG, se se escollen así as candidaturas, por que non se asegura por lei que a acta elixida pertence a esa lista e non é nominal e intransferíbel para a persoa que a detenta?

Eu creo ter a resposta e é moi simple: nin ao PP, nin ao PSOE, lles interesa. Ás veces rompe a baralla para uns e outras para os outros. Todo é cuestión de quen e como se dea na altura determinada. “Unha man lévoa eu e outra ti; cortamos e voltamos xogar para os dous” e así sucesivamente.

En Silleda a baralla é sectaria, ten as cartas marcadas. Só xogan os máis listos da clase, é un póker de ases que vai de farol en farol, de envite en envite, até desbancar a propia banca, isto é, o Concello, é dicir, o pobo, que é quen as paga.


Publicado o 31/03/10


Matías Rodríguez da Torre

Concelleiro do BNG

E ao terceiro mes… resucitou Roucho


Debo confesar que nin me acordaba que Roucho seguía na política municipal até que o domingo pasado resucitou, logo da mociónde censura, para replicar por partida dobre ao BNG. Debemos ter nós a facultade de sacarlle o melloriño do que leva dentro.

O que eu viña dicir na carta que se publicou, era que Silleda non estaba incluída no Plan Estratéxico Empresarial de Galiza até 2015 porque non hai solo industrial, e responsabilicei deste déficit aos distintos gobernos municipais. Roucho sae por onde lle peta, como nos ten afeitos.

1º. Di que non sacou o PXOM por non frear un período de crecemento que nunca experimentara Silleda derivado da construción. Aínda non se decatou que a construcción non foi progreso, foi un dos desencadenantes da actual crise económica, que propiciaron os gobernos, casados coa economía especulativa abandonando os sectores produtivos e o I+D. Que progreso? Eu vin durante anos traballadores portugueses na construcción e agora vexo edificios fantasmas sen ninguén dentro. E tamén lembro palabras textuais de Roucho como alcalde “O PXOM non se leva adiante para favorecer a edificabilidade de Silleda”. A edificabilidade parou e tal como nós anuciabamos foi pan para onte e fame para hoxe.

2º Compara 18 anos de goberno do PP na Xunta con 3 anos e medio do Bipartito. Rapaña para si e os seus todo canto hai en Silleda. Sr. Roucho xa lle teño dito moitas veces que os pobos avanzan a pesar dos seus gobernantes. Aínda así, teño que puntualizalo en varias cuestións:

Os centros educativos. Os CEIPs de Silleda e A Bandeira son da época franquista. O instituto veu para Silleda a pesar do PP. Ou hai que recordarlle que foi a sociedade silledense quen saíu á rúa para reivindicar un centro público fronte ao PP que só quería o privado? Cousa lóxica coa súa ideoloxía posto que o PP pensa que só debe estudar quen tén cartos. O resto, coas vacas para o monte para que non teñan competencia no campo intelectual. Con respecto á Escola pública infantil, hai que recordarlle que o proxecto do PP era facela no centro privado. Cousa lóxica para eles. Eles, que cobran do Público, detestan a xestión pública dos servizos públicos, pois para iso xa están as empresas amigas que fan grandes negocios á costa dos impostos dos cidadáns.

Canto ao polígono industrial de Silleda, hai que recordarlle que o primeiro proxectado da comarca foi Área 33 e que foron os do PP quen o postergaron até que Lalín fixo, executou e encheu o seu, impedindo eles mesmos durante moitos anos botar a andar o de Silleda. Ou tamén lle temos que recordar cando o BNG convocou a empresarios silledenses e Xestur para falar do Polígono na famosa reunión de 2006 no Hotel Ramos e o sr. Roucho pasou a noite boicoteando a asistencia dos empresarios a dita reunión, e como finalmente non o conseguíu, uníuse a ela.

A semana Verde tampouco é mérito exclusivo do PP. Houbo quen tirou moito dela e sería un gran proxecto se fose o único recinto feiral galego, pero rematou competindo cun cento de recintos abertos polo PP.

No único en que estou de acordo con Roucho é en que nos separan profundas diferenzas ideolóxicas. É evidente, por iso el está, estaba, no PP e eu no BNG.


Publicado o 31/03/10


Carme Fidalgo

sábado, 27 de março de 2010

Racismo no sentido literal do termo


Non se pode permanecer impasibles ante a difamación, o insulto, o menosprezo a un pobo; en definitiva, ao racismo.
Su Señoría Rosa Díez, deputada no Parlamento Español -esa mesma a que se lle enche a boca falando de liberdades, de que se se conculcan dereitos individuais por aquí e por aló-, vén de utilizar por segunda, e ata por terceira vez, o termo “gallego” como descalificativo para alguén. A primeira vez fai poucos meses para facelo sobre Feijoo, a segunda e a terceira vez esta mesma semana no transcurso dunha entrevista. Esta reincidencia, que rebenta, pois, o anecdótico, amosa que esta señora ten arraigado na súa persoa a concepción de “gallego” como algo pexorativo, que non pode ser máis, nun esquema de lóxica, que o froito a súa vez dunha visión negativa dos galegos.
Cando se interiorizan visións pexorativas e de inferiodade sobre un colectivo incórrese en racismo. A mesma visión pexorativa que levou aos negros a segregación nos EUA ou ao apartheid en Sudáfrica; aos xudeos, ciganos e comunistas ao campo de concentración na Alemaña Nazi; á masacre do pobo Palestino por parte dos sionistas xudeus. Mais non fai falla a agresión física para ser racista. Basta unha visión negativa sobre un colectivo para tratalos como inferiores. “Aos negros hai que respectalos… pero non sería quen de que a miña filla/fillo teña como parella a unha/un negra/negro”. Cantas veces!
En racismo é no que incorre Rosa Díez cando utiliza o termo “gallego” para desprestixiar e insultar aos demais. O cal da boa mostra da visión españolista-chovinista que roza o nazismo (no sentido racista do termo, concretemos) desta señora.
Non abondando co bochornoso espectáculo da entrevista, o colmo do asunto xa foi que a sua formación, UPyD, e ela mesma sen pediren desculpas polas declaracións sacasen un comunicado dicindo que non se podían sacar de contexto as declaracións, porque se trataba dunha entrevista informal. Pero vamos a ver: queren ademais de tomarnos por parvos que actuemos como tales e non reaccionemos pedindo dignidade e respecto?
O que non se pode é pedir que estas cousas tan graves se pasen por alto, xa que son unha mostra de denostación, menosprezo e racismo cara o pobo galego co agravante de utilización reiterada do noso xentilicio para a descalificación pública. A señora Díez se tan pulcra e correcta se cre que dimita dunha vez, xa que non esta lixitimada para cobrar un soldo público, como deputada, que lle pagamos todas e todos (incluídos os “gallegos”), e a súa formación política, UpyD, que pida inmediatas desculpas públicas e sancione e cese nas súas responsabilidades a esta señora. Con que cara vai andar agora predicando liberdade nalgures?
Esperpéntico tamén segue a ser que a Real Academia Española conceda ao termo “gallego” as acepcións de tatexo e tonto. Dende logo son aldraxes intolerables por racistas.

Publicado o 27/03/2010

Pablo Santomé Souto
Responsábel Comarcal de Galiza Nova

O BNG non vira a chaqueta.


Moito se está a falar estes días de transfuguismo, mocións de censura, argalladas, corrupcións, voltas e reviravoltas da política. Máis aínda: de puro oportunismo. Actitudes, en moitos casos, que denigran a mesma palabra política. Estas, o que deberían cando menos, é espertar conciencias entre o pobo, pois non se pode permanecer impasibles ante tan ruín espectáculo. Ás veces parece que razóns non faltan para o recurrente “en política son todos iguais”. Cousa que, loxicamente, non é certa, pois polas súas obras coñecerédelos.

Hai a miúdo unha grande falta de escrúpulos por parte dalgunhas e dalgúns á hora de gobernar. Todo vale con tal de ocupar o sillón e facerse o líder mesiánico que o pobo precisa. Utilízase o que sexa e acúsase do que sexa a quen sexa. Móntase un circo se fai falla; coma o que se está a montar en Silleda entre o PP, PsoE e independentes. O mesmo acontece á hora de facer oposición. Ata hai quen queréndose esquecer de como gobernaba, fai oposición do que él mesmo facía cando tiña poltrona e bastón de mando. E non faltan seareiros que acomparsan tales actitudes. Cando se concibe a política dende a convicción caciquil e dende o interese persoal, non importa estar agora a aplaudir e ser cómplice do desgoberno dun, para máis tarde ser un acérrimo defensor do que veña. Farase o que faga falla; nada importa. Despois de todo, parece que tamén hai quen ten estómago para comulgar con rodas de muíño e crer o que lle boten.

Ante tal situación o que non pode valer é o acostumarse ao esperpento, ao circo, á demagoxia... E o máis grave aínda: a actuármonos deste xeito sen ruborizarnos.
Pero quede claro que o BNG non é o monaguillo de ningún funeral, nin a charanga de ningún espectáculo, pois non somos todos iguais.

Publicado o 4/10/09

Pablo Santomé Soto
Responsábel Comarcal de Galiza Nova

Carta Aberta


Non, non me doeron nada os resultados electorais do 2007. Aquela noite electoral o meu máximo desexo era que o PSOE acadara a maioría absoluta, por unha soa razón: que se esnafraran eles sós sen salpicar ao BNG. A sorte non se puxo do meu lado aquela noite e quixo que o PSOE ficara en minoría. A partires de aí fomos de espectáculo en espectáculo, de mentira en mentira e de estratéxia en estratéxia, que para iso si ten tempo o goberno municipal por moi minoritario que sexa. Aquela noite electoral, mentras o PSOE celebrara o seu trunfo, eu estaba na Sede do BNG, recibindo pésames e as primeiras impresións dos propios votantes da candidatura do PSOE. Viñan botábanse as mans á cabeza por que disque había elementos no goberno moi perigosos. Recomendábanme entrar no goberno para controlalos e poñer orde e sentido común. A miña resposta, textual e sen acritude, foi: “ vos poñedes ao lobo a gardar das ovellas e logo vides onda min para que garde do lobo que non coma as ovellas. Moitas grazas”. O outro día, un/unha silledense decía que eu o/a decepcionara porque non asumín a responsabilidade que ( segundo el ou ela) as furnas me deran: entrar no goberno para controlar a dous elementos moi perigosos para que Paula poidera traballar por Silleda. Só os dictadores pensan a política como unha relación de vasalaxe, os demócratas acreditamos na política como unha relación en pe de igualdade, de respecto mutuo, no que cada quen asume as súas propias responsabilidades. Resístome a crer que os silledenses votasen unha candidatura con elementos moi perigosos porque non falaría moi ben dos/as silledenses. Pero se queremos afondar neste tema eu boto unha pregunta ao aire tamén. ¿quen é máis perigoso, dous elementos que levan anos na política municipal sen obter ningún beneficio a cambio ou aquel outro que a sabendas de que hai dous elementos moi perigosos se xunta con eles co fin último de sentar na poltrona, administrar xustiza? En política o máis fácil é decepcionar. Os únicos que nunca chegan a decepcionarse son aqueles que profesan o papanatismo. A min o PP nunca me decepcionou nin me decepcionará. Non ten capacidade para elo porque non agarda nada deles. Tampouco o PSOE tén moita capacidade para decepcionarme porque tampouco agardo gran cousa del. Pero sí agardaba, aínda que só fora porque fun eu quen co voto do BNG lles deu o goberno de Silleda, un aceno, aínda que só fose de cara para a galería, que xustificara que o tiñan merecido. Non houbo nada de nada. Agrádame sentir que decepcionei a algúns. Seguro que os que se senten decepcionados son aqueles que pensan que os cambios de goberno son só cambios de caras, non cambios de actitude.

Publicado o 7/07/09

Carme Fidalgo

Castaño escuro, case negro


Cando o xoves lin as declaracións da sra alcaldesa nas que insinuaba que o BNG tamén estaba manipulado por Javier Cuiña e Gerardo Lázara e dicía claramente que o único que buscabamos era o minuto de gloria nos plenos, non me puiden resistir a escribir esta carta porque xa pasa de castaño escuro. Vaia por diante que a min non me manipula nin Gerardo Lázara, nin Javier Cuiña, nin Ofelia Rey, nin Roucho, nin a sra alcaldesa. Das súas declaración aos medios sacamos en conclusión que todos son (fomos) malos, -malísimos de la muerte-, perversos, persoas de pouca confianza… ela é, sinxelamente, divina de la muerte, alguén que chegou á conclusión de que “está mellor soa que mal acompañada”… Vaiamos por partes: -¿Cómo é posible que un ser tan impoluto, tan decente, tan puro…se xuntara nunha candidatura con xente “tan indesexable, tan desprezable, tan manipulable, tan marioneta”, …? Ao principio resultábame incomprensible, co paso do tempo obtiven a resposta: a súa obsesión polo poder é tan desmesurada que supera as náuseas que lle poidan producir xuntarse con xente de tan baixa catadura moral. Iso tén unha definición: non ter escrúpulos, todo vale para conseguir o obxectivo: o poder. Hai un refrán que di que pola boca morre o peixe. Dixo a sra alcaldesa que chegara á conclusión de que estaba mellor soa que mal acompañada. Traizóouna o subconsciente. A sra alcaldesa non está soa, aínda ten dous concelleiros con ela, pero cando alguén tén en pouca consideración a quen o arrodea está convencida de que está soa. Soa era como quería estar, soa tomar as decisións, (algo inverosímil nun sistema democrático) co único obxectivo de facer de cada minuto da súa propia existencia, un minuto de gloria que non podía compartir con ninguén. Sinto decirlle á sra alcaldesa que tivo tremendamente fácil chegar ao poder (grazas aos votos que aportaron os Independentes e ao voto que lle deu o BNG na investidura) e tamén tivo relativamente fácil chegar ao remate da lexislatura con gloria, (sobre todo pola actitude irreprochable do BNG que pasou dous anos calado para non danar a “alternativa” silledense), pero ela dedicou unha boa parte da súa xornada laboral á intriga, a conspirar, a manipular, a terxiversar e a diversas entelequias que trouxeron como consecuencia o que agora estamos vivindo. Desde a miña humilde posición pediríalle que fixera unha viaxe introspectiva. Se despois diso saca en conclusión que non se arrepinte de nada, que volvería facer todo o que fixo e que tén a conciencia tranquila, é que non tén conciencia.

Publicado o 11/10/09

Carme Fidalgo Colmeiro
Cidadá de a pé.

Xogar con lume. (Resposta ó artigo de A. C. Álvarez titulado “Dona Carme Fidalgo, a min defraudoume”).

A noite do 27 de Maio, mentres algúns celebrabades un pretenso cambio no Concello de Silleda, outros, cautelosos e na casa, presaxiabamos –con ou sen maioría absoluta do PSdG- o que tristemente ó final ocorreu. O esfarelamento era de agardar despois de observar o espectáculo, que Valle Inclán bautizou co nome de esperpento, de algúns dos caciques locais, vinculados de sempre á dereita preconstitucional, facendo campaña polo PSdG. Algo cheiraba nunha lista construída dende arriba e non dende o traballo de base e os Principios ideolóxicos do “socialismo”. Coma Vde. mesmo recoñece, votou esa lista a sabendas de que nela había “dous elementos perigosos en postos de saída” (e abofé semella que se quedou curto no de “dous”!).
Que a dereita municipal se dividise en dúas listas non era, en principio, cousa mala para a esquerda. O problema é que agora os “elementos perigosos” acubillábanse baixo siglas “socialistas” que a xente de ben, entre a cal quizais se atope Vde., vincula á esquerda e ó cambio respecto das prácticas políticas e das formas de exercer o poder pola dereita. Mais nestes dous anos dun goberno –entrante co apoio no voto de Carme Fidalgo- non apreciamos grandes diferencias dos anteriores, cando non simple continuísmo.
Non foi Carme Fidalgo quen xogou coas ilusións da xente achegándose e abrazando temeraria e conscientemente certos “perigos”. Non foi ela quen deixou debilitada (máis se cabe) a credibilidade na clase política por parte do pobo de Silleda. O seu labor foi o da responsabilidade ética e política. Sen se deixar seducir polas cantigas de serea do poder, mantivo unha distancia elegante do esperpento, dos que se botaban a eito, coma esfameados, sobre a larpeirada dun petisco de pastel que fica moi pequeno entre tanto lambón. Foi o seu o exercicio difícil, solitario, sensato e prudente de quen se mantén á debida distancia dos “elementos perigosos”, ora chámense PP, ora chámense PSdG-PSOE.
Cadaquén que varra a súa casa e asuma as súas responsabilidades e só a partir de aí se fale e se traballe por e para
unha maioría social e un Concello de esquerda plural a través (por que non?) dun pacto entre PSdG e BNG no que o cambio sexa real e non puramente nominal.
Os que non deixamos de vota-lo cambio real, conscientes dos “elementos perigosos” doutras listas, non nos sentimos defraudados por Carme Fidalgo. Non. Madía leva. Mais ben, estámoslle agradecidos por mante-la dignidade perante o para nós previsible, e polo tanto non decepcionante, grotesco espectáculo. Por desgraza, non todos os votantes do PSdG tiñan consciencia, coma Vde. e nós, da existencia de “elementos perigosos” na lista que votaron.
Se Vde. recoñece que xoga con lume, non responsabilice a outros por se queimar.

Publicado o 22/07/09

Asinado: Alberto Domínguez Mato. Veciño do Concello de Silleda.