sábado, 27 de março de 2010

Castaño escuro, case negro


Cando o xoves lin as declaracións da sra alcaldesa nas que insinuaba que o BNG tamén estaba manipulado por Javier Cuiña e Gerardo Lázara e dicía claramente que o único que buscabamos era o minuto de gloria nos plenos, non me puiden resistir a escribir esta carta porque xa pasa de castaño escuro. Vaia por diante que a min non me manipula nin Gerardo Lázara, nin Javier Cuiña, nin Ofelia Rey, nin Roucho, nin a sra alcaldesa. Das súas declaración aos medios sacamos en conclusión que todos son (fomos) malos, -malísimos de la muerte-, perversos, persoas de pouca confianza… ela é, sinxelamente, divina de la muerte, alguén que chegou á conclusión de que “está mellor soa que mal acompañada”… Vaiamos por partes: -¿Cómo é posible que un ser tan impoluto, tan decente, tan puro…se xuntara nunha candidatura con xente “tan indesexable, tan desprezable, tan manipulable, tan marioneta”, …? Ao principio resultábame incomprensible, co paso do tempo obtiven a resposta: a súa obsesión polo poder é tan desmesurada que supera as náuseas que lle poidan producir xuntarse con xente de tan baixa catadura moral. Iso tén unha definición: non ter escrúpulos, todo vale para conseguir o obxectivo: o poder. Hai un refrán que di que pola boca morre o peixe. Dixo a sra alcaldesa que chegara á conclusión de que estaba mellor soa que mal acompañada. Traizóouna o subconsciente. A sra alcaldesa non está soa, aínda ten dous concelleiros con ela, pero cando alguén tén en pouca consideración a quen o arrodea está convencida de que está soa. Soa era como quería estar, soa tomar as decisións, (algo inverosímil nun sistema democrático) co único obxectivo de facer de cada minuto da súa propia existencia, un minuto de gloria que non podía compartir con ninguén. Sinto decirlle á sra alcaldesa que tivo tremendamente fácil chegar ao poder (grazas aos votos que aportaron os Independentes e ao voto que lle deu o BNG na investidura) e tamén tivo relativamente fácil chegar ao remate da lexislatura con gloria, (sobre todo pola actitude irreprochable do BNG que pasou dous anos calado para non danar a “alternativa” silledense), pero ela dedicou unha boa parte da súa xornada laboral á intriga, a conspirar, a manipular, a terxiversar e a diversas entelequias que trouxeron como consecuencia o que agora estamos vivindo. Desde a miña humilde posición pediríalle que fixera unha viaxe introspectiva. Se despois diso saca en conclusión que non se arrepinte de nada, que volvería facer todo o que fixo e que tén a conciencia tranquila, é que non tén conciencia.

Publicado o 11/10/09

Carme Fidalgo Colmeiro
Cidadá de a pé.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.