quarta-feira, 31 de março de 2010

E ao terceiro mes… resucitou Roucho


Debo confesar que nin me acordaba que Roucho seguía na política municipal até que o domingo pasado resucitou, logo da mociónde censura, para replicar por partida dobre ao BNG. Debemos ter nós a facultade de sacarlle o melloriño do que leva dentro.

O que eu viña dicir na carta que se publicou, era que Silleda non estaba incluída no Plan Estratéxico Empresarial de Galiza até 2015 porque non hai solo industrial, e responsabilicei deste déficit aos distintos gobernos municipais. Roucho sae por onde lle peta, como nos ten afeitos.

1º. Di que non sacou o PXOM por non frear un período de crecemento que nunca experimentara Silleda derivado da construción. Aínda non se decatou que a construcción non foi progreso, foi un dos desencadenantes da actual crise económica, que propiciaron os gobernos, casados coa economía especulativa abandonando os sectores produtivos e o I+D. Que progreso? Eu vin durante anos traballadores portugueses na construcción e agora vexo edificios fantasmas sen ninguén dentro. E tamén lembro palabras textuais de Roucho como alcalde “O PXOM non se leva adiante para favorecer a edificabilidade de Silleda”. A edificabilidade parou e tal como nós anuciabamos foi pan para onte e fame para hoxe.

2º Compara 18 anos de goberno do PP na Xunta con 3 anos e medio do Bipartito. Rapaña para si e os seus todo canto hai en Silleda. Sr. Roucho xa lle teño dito moitas veces que os pobos avanzan a pesar dos seus gobernantes. Aínda así, teño que puntualizalo en varias cuestións:

Os centros educativos. Os CEIPs de Silleda e A Bandeira son da época franquista. O instituto veu para Silleda a pesar do PP. Ou hai que recordarlle que foi a sociedade silledense quen saíu á rúa para reivindicar un centro público fronte ao PP que só quería o privado? Cousa lóxica coa súa ideoloxía posto que o PP pensa que só debe estudar quen tén cartos. O resto, coas vacas para o monte para que non teñan competencia no campo intelectual. Con respecto á Escola pública infantil, hai que recordarlle que o proxecto do PP era facela no centro privado. Cousa lóxica para eles. Eles, que cobran do Público, detestan a xestión pública dos servizos públicos, pois para iso xa están as empresas amigas que fan grandes negocios á costa dos impostos dos cidadáns.

Canto ao polígono industrial de Silleda, hai que recordarlle que o primeiro proxectado da comarca foi Área 33 e que foron os do PP quen o postergaron até que Lalín fixo, executou e encheu o seu, impedindo eles mesmos durante moitos anos botar a andar o de Silleda. Ou tamén lle temos que recordar cando o BNG convocou a empresarios silledenses e Xestur para falar do Polígono na famosa reunión de 2006 no Hotel Ramos e o sr. Roucho pasou a noite boicoteando a asistencia dos empresarios a dita reunión, e como finalmente non o conseguíu, uníuse a ela.

A semana Verde tampouco é mérito exclusivo do PP. Houbo quen tirou moito dela e sería un gran proxecto se fose o único recinto feiral galego, pero rematou competindo cun cento de recintos abertos polo PP.

No único en que estou de acordo con Roucho é en que nos separan profundas diferenzas ideolóxicas. É evidente, por iso el está, estaba, no PP e eu no BNG.


Publicado o 31/03/10


Carme Fidalgo

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.