sexta-feira, 29 de outubro de 2010

"Se a un lle dan paus de cego, a única resposta é dar paus de vidente."




Xa o dicía Benedetti, e razón tiña cando pronunciou tan sabias verbas. Dar paus de cego, tal expresión emprégase para significar o prexuizo que se sofre ao proceder sen tino nen cautela, simplificando: ao tolo. Pois ben, o Concello de Silleda, dende o departamento de servicios sociais, pretende organizar unha festa de Halloween o vindeiro día 31 do presente mes. Sinal, unha vez máis de que dende o Concello dan paus de cego. Que é o Halloween? Ou mellor dito, que simboliza para nós, os galegos, o Halloween? Episodios dos Simpsons bañados en sangue? Películas americanas nas que os nenos petan ás portas berrando "trick or treat"? O normal sería que en vez de celebrarse tal festividade, que os propios estadounidenses alteraron a respecto do samain levado polos emigrantes irlandeses a América, se conmemore unha festa autenticamente galega,que mesmo na nosa zona tiña acordo non hai tantos anos, o propio Samaín. O Samaín é unha festividade de orixe céltico que se celebra por Tódolos santos. Ten as súas orixes na antiguidade, fai 3000 anos, nos pobos celtas de Europa, entre eles en Galiza, Irlanda e distintas zonas de Gran Bretaña. Segundo a tradición, no Samaín expoñianse as cabezas dos enemigos derrotados nas portas das casas para alonxar aos malos espíritus. Mágoa da que a iniciativa cultural que se leva a cabo no concello se dé só por parte das distintas asociacións culturais. Mágoa que os intentos por parte do Concello de promover algunha actividade cultural sexan tan desafortunados. Non queda máis que, seguindo as palabras de Benedetti, dar paus de vidente.

Andrea Díaz Casal. Responsábel local de Galiza Nova.

quinta-feira, 28 de outubro de 2010

Auto(e)moción


A marca SEAT ten un lema publicitario que leva por nome Autoemoción, e aproveitando, por tanto, que o Deza pasa por Silleda, quero mandar unhas liñas aos catro ventos para que sirvan de desafogo, e tamén, de reflexión.

Hai cousa de pouco máis dun ano o Concello de Silleda era obxecto do asalto ao poder por medio dunha moción de censura, levada a cabo con premeditación, aleivosía e á luz do día. Nela dirimíase unha loita por acadar o posto do sillón dunha prezada Alcaldía como a de Trasdeza, a cal había que recuperar por parte do PP a toda traza.

Pasaron os meses e daqueles asaltantes que pregoaban un cambio de dirección no goberno e na política local, pouco se sabería, pois ían esvaecendo ou desaparecendo directamente. Primeiro coas baixas médicas e a falta de presenza no Concello, logo a marcha de Mato, único concelleiro do PP, despois a de Roucho (do que aínda non coñecemos qué pretendeu neses meses de tránsito), a volta dos dous protagonistas da moción, Ofelia e Javier Cuíña....e todo cunha rara, incríbel e patética estratexia do PP: facemos un golpe de estado con toma de poder con sete tránsfugas (cinco meus e dous ex-PSOE) para desgobernar un Concello que antes xa desgobernabamos.

Velaí a cuestión, algo cheira raro en Trasdeza -como diría Hamlet-, para qué me meto en tal lea se despois non sei dar a talla nin como partido? (lembremos que agora ten dous edís novos e sen máis cometido que avalar a xestión da xente que teoricamente non debe avalar o PP no futuro por transfuguismo recoñecido). Deste xeito se atopa o Partido Popular, sen clareza na organización do partido a nivel local, con problemas internos para escoller un candidato polo sistema tradicional do dedazo que os conduza á soñada vitoria absoluta, e cunha división tan forte como a que forzou a creba do CIS (eses críticos do PP, mellor dito de Roucho, que acabaron sendo independentes do PSOE, para finalmente gobernar dándolle a todos un pouquiño por onde o lombo perde o nome).

Eu, como membro do BNG, integrante da corporación máis circense das habidas en Silleda, e testemuña de hai tempo da política local, sigo sen saber hoxe por hoxe, cal era a estratexia político-electoral do PP. Así como tamén continúo sen comprender por que se programou unha moción de censura nun momento no que o único que se acadaron foi crispar á sociedade, entrar nun proceso de fanatización xunto co PSOE, o cal non beneficiou para nada os intereses e a vida dos silledenses, e chegar ao momento actual sen saber qué camiño coller, o da dereita extrema, o da extrema dereita ou o que lle marquen eses que volveron ao rego como sector crítico.

Ás veces penso que a censura foi proposta por Louzán, Roucho, a cúpula do PP local e os proscritos da lista do PSOE, simplemente, para autoemocionarse.

Matías R. da Torre

Concelleiro do BNG