domingo, 25 de julho de 2010

No día da nosa Patria

Resultaría reiterado repararmos aquí, en por que Galiza é una nación. Éo por historia, éo por economía, éo por cultura e por folclore, éo por idiosincrasia. É unha realidade total en si mesma. Galiza é obxectivamente unha nación en tódolos seus elementos constitutivos. Máis aínda así, hai quen segue sen telo claro.

Afirmaba rotundamente Castelao que “se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”. Velaquí a proba irrefutable de que a nación galega existe: o idioma galego; o noso único e xenuíno idioma. Non resulta, pois, preciso comernos libros de historia rebuscando un pasado glorioso, autónomo política e economicamente, para xustificar a nosa existencia como tal e os nosos ancellos. Podemos descubrir a nación galega cunha ollada de presente. Témolo todo; mais sobre todo, temos o idioma. A lingua galega é a obra máis sublime que puidemos ter creado como colectividade, e a que mellor nos define como tal. Recolle a totalidade do noso ser, o que fomos, o que somos. Naceu do latín ao igual que o español, o catalán, o francés ou o italiano. E ata é a lingua nai do Portugués. Podemos e debemos coñecer outras linguas, máis na propia Terra estas outras nunca recollerán tan ben como a nosa todo o noso universo.

Dicía o pasado domingo, nun artigo, un coñecido escritor, que o que nos falta a “Galicia” é conciencia nacional. Eu quedaríame con conciencia a secas. Aínda así notaremos que parece haber un consenso en chamarlle País. Ata o mesmísimo Feijoo. O que non é entendible, é como coincidindo en que o somos, non se asume a defensa dos dereitos que nos corresponde exercer. Caben dúas explicacións. Ou se é un cínico e un farsante, ou hai una covardía suicida.

Nunha data como a de hoxe, a nosa ollada como galegas e galegos non pode ser outra, mais que unha ollada de futuro. Para nós, o día da nosa patria, o Día da Patria Galega é, ante todo, un día de manifestación da increbable vontade de sermos e de gañarmos o noso porvir. O porvir roubado. Non vivimos nunha Terra pobre, somos conscientes que non. Máis cal é a explicación de que a nosa economía non estea plenamente desenvolta? Cal é a explicación de que a nosa lingua e a nosa cultura estean relegadas? De onde nos vén esa falla de conciencia nacional? Da imposta dependencia económica e política de Madrid. Que está na nosa man? A forza necesaria para dotármonos da plena capacidade de decidirmos como queremos estar no Estado español e no mundo.

Pablo Santomé Souto

Responsable Comarcal de Galiza Nova

domingo, 18 de julho de 2010

Máis que palabras, fume.

Na semana pasada recibín na casa, penso que coma na totalidade das de Trasdeza, o boletín informativo Silleda do Concello de Silleda, “convenientemente” enviado antes das festas do verán da capital municipal. O boletín, con máis 32 páxinas a toda cor, ilústranos cos “feitos” do goberno municipal non adscrito froito da moción de censura de outubro de 2009. Comeza cun editorial do goberno referido que nos presenta actuacións xestionadas durante estes 9 meses que “comprenden accións en diversos ámbitos encamiñadas a mellorar o noso municipio”... un esforzo por volver activar o interese dos organismos provinciais, autonómicos e estatais para que...Trasdeza forme parte dos proxectos de futuro que permitan dinamizar o noso Concello”. Fálanos tamén do compromiso coa cidadanía e o intereses polas súas necesidades. Loxicamente con este artigo o que pretendemos é debruzar o contido deste boletín, que a priori, xa lles digo, presume de captar a atención das demais administracións, ás que responsabiliza de “pasar e nós” antes de asaltar eles o goberno.

Relata un por un os proxectos do 2º Plan E do goberno do Estado, que como xa demostramos, en moitos casos, están mal calculados e non pensan nas necesidades urxentes para o emprego e a sustentabilidade, pois xa me dirán vostedes cando se completen se o de humanización e seguridade viaria de todo o municipio vai preocuparse pola accesibilidade de persoas con problemas de mobilidade, ou se a falta de sinalización, clamorosa en moitos lugares, se vai acometer aquí. Se cadra, a humanización refírese a humanizar a muller labrega da rotonda da Travesía de Silleda. Tamén gostaría de rescatar aquí o programa alumeado público e aforro enerxético que realmente non vai supor o auténtico aforro económico en electricidade que o noso Concello ten que facer para poder aforrar gasto e investir noutras cousas. Noutra epígrafe infórmanos dos investimentos da Deputación, os do Plan anticrise do que se leva falando desde novembro, e que aínda non vimos por causa de preocupar só o seu carácter electoralista para ilo xuntando coas eleccións de 2011, cando sabemos da necesidade urxente desde hai moito tempo que teñen esas pistas anunciadas.

A partir da páxina 7 dinos que as consellarías da Xunta están ao abeiro do Concello. Aí aparecen entrevistas, encontros, moita palabra, poucos feitos. E se non que llo digan aos veciños da estrada Silleda-Laro, que seguen á espera, especialmente os de Oleiros, que nunca foron visitados para expor as súas queixas. Asemade destacamos o desaparecimento do Conselleiro de Cultura, porque foi anunciada a súa presenza en marzo e ao parecer non está nin se espera. Ou o famoso “imposto por traer o gando á lonxa e Silleda”, que polo visto, foi obra da nosa Alcaldesa e non decisión tomada desde a Consellaría do Medio Rural, que por certo, foi quen o impuxo e logo o rebaixou sen retiralo. E seguimos con actos institucionais, dos que non se advirte á oposición, sendo a grande maioría deles propiciados por outros organismos e non o Concello, como os certames feirais da Semana Verde, etc.

Aínda teñen a cara de vender arranxos en pistas das parroquias: en Cervaña pola AP-53, coa espera veciñal de anos e con cartos públicos que sempre debeu pagar a concesionaria da autoestrada. E como non hai pistas arranxadas en máis parroquias téñennos que amosar as de Toiriz e o calello da empanada, nos núcleos urbanos. Aínda que si vemos referencias ao chapapote que mandou a Deputación que até aos operarios municipais lles daba vergoña botar por non aguantar nin dous días no firme. Algún arranxo fíxose, claro, mais en nove meses e ao abeiro de Papá Deputación e Mamá Xunta, son poucos feitos. Por atención ás parroquias non se poderá incluír nunca, e os veciños e veciñas ben o saben, as visitas aos afectados do AVE, nunca atendidos debidamente, xa que cunha cartiña e unha xuntanza co ADIF para procurar quedar ben, non se solucionan catro anos de penurias e desprezo.

E logo fálanos da Cooperativa Indega e apútanse o mérito de tela axudado. Home, digo eu, á sociedade de máis asociados do Concello e clave no sector agro-gandeiro e agora de transformación, hai que botarlle unha man. É unha obriga!, mais publicitarse descaradamente a conta deles, non lles fai favor ningún.

E despois a escola infantil, que por fin en 2010, grazas ao BNG no goberno da Xunta e despois de todas as trabas impostas toda a vida polo PP, abriu. Aínda ben. E o programa Silleda Recicla, que estivo ben, mais por curto e escaso xa se auto-reciclou, porque á vista está que no noso concello non se pode reciclar o lixo. E a intensa actividade de reunións con colectivos. Naturalmente estas refírense simplemente ás xuntanzas, pois é coñecido no tema sociocultural o activismo das asociacións e a inactividade do Concello, reducido practicamente por parte deste a celebrar datas célebres só cos centros de ensino. Do deporte non se fala moito porque tampouco se innovou ao non estar atendido desde a súa propia concellaría. E acabamos coa Romaría do Rapaz, evidentemente, aí o desafío é que poida continuar outros 22 anos e non pensar nela unicamente un mes antes. E o Xacobeo, ese que vemos maltratado en Silleda por non dispor os peregrinos dun albergue público, e cando dispoñan del, quedaremos os silledenses sen pavillón.

Con todo este relatorio crítico só quero agradecer ao goberno por aquilo que puido facer ben, pouca cousa puido ser porque todo vén doutras administracións, á parte de botar desaparecido parte deste goberno case a metade do tempo da súa xestión. No entanto, quero expresar que isto que se enviou, e vólvese incorrer no erro do goberno do PSOE, non é información, senón propaganda, e como propaganda que é, precisamente non barata, exiximos que o BNG poida ter a súa parte proporcional para informar, ou cando menos promocionarse, que ao fin é para o que se editou. A redacción, impresión e envío foron pagados con cartos de todos e todas. Iso si que é un feito!. O que vemos aquí son palabras, máis que palabras, fume. Así que ou nos afumamos todos ou rompemos a revista.

Matias R. da Torre

Concelleiro do BNG en Silleda