quarta-feira, 28 de abril de 2010

LADRAR EN PALLEIRA ALLEA


Cando os ex compañeiros de filas socialistas nos dician que Paula e Cuiña de cara aos medios de comunicación facían ver que o PP era o seu inimigo político pero portas adentro estaban obsesionados co BNG, nunca lle quixen dar crédito. Mais a carta de Cuiña ven a confirmalo. Rezuma odio. Eu pregúntome: Qué mal lle fixemos nós ao PSOE? Que eu saiba, só lle demos o voto para que fosen goberno en Silleda (de non ser así nunca terían cheirado o poder) e estarmos calados durante dous anos para non danar a que se supoñía alternativa silledense. Sr. Cuiña: se en Silleda vai o rio revolto, será responsabilidade do PP e do PSOE porque até onde eu chego o BNG non ten ningún tránsfuga que participase na mocion de censura. Foron do PP e tamén PSOE e era de dominio público a mala sintonía que reinaba no seo da candidatura “socialista” xa antes das eleccións. Aínda así presentáronse ante a cidadanía como alternativa seria, verdade? Pois agora, tócalles apandar coas consecuencias a vostedes, que non a nós. Estea tranquilo, que no cauce do río da clase politica de Silleda non hai nada que pescar porque vai cheo de lodo, só leva merda. A isto contribuiron na cota que queiran repartirse tanto o PP como o PSOE. Agora cada un ocupa o lugar que se forxou durante os dous anos da pre-moción EN NOME DO NOSO POBO UNS VAN DE VÍTIMAS E OUTROS SALVAPATRIAS. Nin vitimas nin salvadores. A propósito, agora que xa pasou un tempo prudencial podían dicir públicamente cales foron os motivos de desencontro para chegaren a unha moción de censura? A ousadía da clase política silledense lévanos a escoitar cousas como as que a continuación relato nas que se describen a si mesmos e deixan entrever o seu talante e o seu talento: Hai dous anos, o agora deostado, pero antes ben amado nas filas socialistas, Gerardo Lázara fixo públicas as conclusións ás chegaran nunha reunión do PSOE local: “os independentes xa os asimilamos, o BNG vai desaparecer porque leva un ano calado, o PSOE vai arrasar”. Despois saíu outro ilustrado político local, Aurelio, dicíndolle ao BNG que para falar dos problemas do centro de saúde da Bandeira antes tiña que pedirlle permiso a el. Agora sae o insigne bandeirense Manuel Cuiña, que aproveitando unha desputa de mozos, ataca ao BNG dicindo que de tanto falar corremos o risco de desaparecer. Agora seica é responsabilidade do BNG que o millón de € de débeda da Semana Verde ficou reducida a uns cantos euros, é que non se cobre máis seica é por culpa do BNG, e que os empresarios non cobren a débeda que os distintos gobernos silledense contraeron con eles tamén é por causa do BNG. Se tanto poder ten un só concelleiro na oposición, convirá conmigo en que vostedes e todos os gobernos que pasaron por Silleda foron uns inútiles. Vostedes sigan ladrando (e non dialogando) ao seu son, que nós seguiremos cabalgando ao noso trote e con respecto.

Óscar Ares Pazos
Responsábel local do BNG de Silleda

domingo, 25 de abril de 2010

MANOLO: SENTIDIÑO!


Eu tamén lin a carta de Manolo Cuíña e quedei abraiado. Propoño con este nome un grupo nalgunha rede social desas nas que aparecen cousas curiosas, anecdóticas ou vergoñentas. E o terceito cualificativo é o que mellor lle acaería neste caso.

Manolo Cuíña, o edil do PSOE e veciño da Bandeira, recollendo a testemuña dun artigo de Xerado Díaz, un moi preparado mozo de Galiza Nova, utilízao como desculpa para faltar ao respecto, ser un maleducado e, o que é pior, manter unha actitude que raia a xenofobia contra un mozo por non ter vivido toda a vida, en ao que parecer é “a vila a súa propiedade” e non acudir aos plenos, cousa que Manolo sempre fixo, como todo o mundo é sabedor, até hai pouco máis de dous anos, cando non tiña nen a mínima idea do que era ser concelleiro, da política, do PSOE ou de todo o que tivese que ver coa vida pública municipal. Mais xa digo, esta é a desculpa, pois o que el persegue é atacarme a min persoalmente, con toda a malicia, saña e resentimento (que non sei de onde sae), que podemos imaxinar.

Trátame coma o líder dunha especie de seita que “pesca votos en río revolto”. Supoño que será o mesmo río do que el, o seu partido e moitos excompañeiros/as del xuntaron as augas de todas as castes e condicións persoais e ideolóxicas en 2007 para que “todo o que entrase na rede fose peixe”. E eu digo, Manolo: Iso non é tentar acadar un puñado de votos, iso é desmantelar o caladeiro enteiro!

Acúsame de tratalos a todos por igual na moción de censura. Ao que lle retruco, que está gravada para verificar que non é certo, porque na intervención falo de mazás verdes e mazás podres e de falta de diálogo. Por certo, a mesmiña que estás a amosar na túa carta, pois saberás que a responsabilidade dun político é dialogar e servir ao pobo e se pretendes presentarte e tentar gobernar o Trasdeza para as seguintes eleccións municipais, terás que falar cos demais e non caer no mesmo erro, pois senón fraco favor lle farás ao teu pobo, que non ten culpa das excentricidades e intereses persoais de cada un dos seus representantes políticos.

Por ir rematando, se fas favor, non mestures o touciño coa velocidade. Non confundas a xestión das débedas, a vontade política de liquidalas coa cobranza de facturas por parte de empresarios e comerciantes. Non lle debuxes á xente castelos no aire, non lle vendas fume, nen quimeras en papel xa mollado. As contas son as contas, outra cousa son outro tipo de negociacións que non chegaron a desembarcar en bo porto, que se poden retomar, mais xa non cos mesmos axentes, caso de Méndez Romeu, que moito latricaron e non as solventaron.

Debes saber que un concelleiro ten que ser digno de tal e non pode ir ameazando por aí como un capitán de barco furtivo e sen escrúpulos. Un concelleiro debe ser exemplarizante en moitas cousas e o primeiro é manter a educación básica. Eu son un concelleiro, compañeiro teu de corporación e tento representar o mellor posíbel, con ética, traballo e dignidade ao BNG, e para que vexas que non che gardo rancor, cando quixeres tomamos un café e dialogamos. Con todo, pídoche sentidiño, Manolo!

Matías R. da Torre

Concelleiro do BNG e veciño de Trasdeza

quarta-feira, 21 de abril de 2010

Tocar en Playback. (Resposta a Klaus Brey)




Hai uns días escribía un artigo criticando a falta de criterio das Novas Xeracións do PP con respecto á política en Silleda. Teño que recoñecer que o que menos agardaba era a resposta de Klaus Brey, presidente das Xuventudes Socialistas. Asistir asiduamente aos plenos e poñer a orella propia pode estar ben. Mais, a súa afirmación vai demasiado lonxe cando di que un cidadán da pé que non asiste con regularidade aos plenos non está capacitado "para participar activamente da política municipal", o cal supón darlle a razón aos que pensan, dende principios poucos democráticos, que non se debe opinar da "política de maiores", ámbito restrinxido a uns poucos. Máxime cando os maiores se dedican a infantilizar a política reducíndoa a cuestións persoais Afirmaba Klaus que toda a oposición presentaba mocións. Sendo isto certo, se asiste aos plenos, parece esquecer que é o BNG quen máis propostas presenta e a quen máis propostas se lle tumban. Por outra banda aclaraba Klaus que existen disputas e malas relacións nos plenos entre Ofelia e Paula. Ao facelo validaba vostede aquilo que eu afirmaba: ambas decidiron levar a pleno o persoal, amosando a ingobernabilidade no Trasdeza. E reafírmome en que ambas son culpábeis desta situación, cada unha pola parte que lle corresponde. Non nego que Paula sexa vítima absoluta dunha disputa persoal. Pero cando di que Ofelia ten unha actitude distinta no persoal con Matías, e se insinúan certos fedores desde a incapacidade de xustificalos politicamente, amósase a actitude de quen, quizais proxectando as súas responsabilidades, é incapaz de transcender ao plano político, facendo do persoal o centro arredor do cal xira todo o seu mundo. Sen dúbida se algo me chamou poderosamente a atención foi que insinuase calquera tipo de relación entre o BNG e os “indePPendentes”. Quede tranquilo, pois entre ambas formacións non existe o máis mínimo nexo nin pasado común. Tampouco o BNG se deixa aleccionar polo PSOE, a pesar do desexo de algúns, dedícase a facer política, como Klaus recoñece, pasando das leas persoais que converten o pleno nun plató de sálvame. Xa por último fala de que toco de oído. Asegúrolle que no BNG ninguén alecciona a ninguén. Sei que non todos na política poden dicir isto con esta rotundidade. En calquera caso sempre é mellor tocar de oído (por un mesmo) que facelo en “playback”

Xerardo Díaz Casal
Militante de Galiza Nova Trasdeza

terça-feira, 20 de abril de 2010

A estafa piramidal volta a Galiza

Chegan a Galiza empresas que enmascaran o método de venta do sistema piramidal e chámanlle multinível ou duplicación, pero o resultado sempre é o mesmo

As empresas de venta directa con sistema piramidal mobilizan millóns de euros que van parar sempre a uns poucos. Precisamente agora, ante a necesidade de emprego, moita xente deposita a cegas a esperanza nelas. Hai que ver como danan económica, psicolóxica e fisicamente á xente. Chegan a Galiza empresas que enmascaran o método de venta do sistema piramidal e chámanlle multinível ou duplicación, pero o resultado sempre é o mesmo, cando se analizan os plans de marketing resulta que a venda é un sistema piramidal. Para ingresar neste sistema, o aspirante a vendedor deberá firmar un acordo, mercar unha suma de productos e comprometerse a acadar os obxetivos que lle foron impostos. Nun principio os custes non son moi significativos, mais conforme avanza a actividade, chegar ás metas implica un desembolso cada vez maior que nunca coincide cos ingresos prometidos. O sistema de captación de persoas sempre é o mesmo. Unha persoa de boa reputación (como no caso que eu coñezo) un directivo dun Banco da localidade que recomenda e convida a acudir a unha xuntanza nun hotel de catro estrelas da capital da nación para un negocio redondo. Os posibles candidatos vanse someter a un control psicolóxico, onde lle demostran como familias ilustres, caso dos Urquijo en España, estaban arruinadas e hoxe son multimillonarios. Todas elas referencias de prestixio. Partindo destas mentiras case calquer artígo ou servizo é comerciable. O que se está intentando introducir agora en Galiza é a venda piramidal dos servizos de telefonía. Pero o que convén suliñar é que o que menos importa neste tipo de negocios é o producto ou servizo. O importante é ter o maior número de persoas traballando para eles. Dende que a xente con dificultades económicas ingresan na rede, son obxeto dun intenso bombardeo psicolóxico coa finalidade de inculcarlles unha mentalidade positiva e interiorizar a idea de que un pode e debe cumprir os obxetivos, e decir, vender ben o producto ou servizo en cuestión e motivar acaidamente aos vendedores que están ao seu cargo para que fagan o mesmo. O primeiro obxectivo destes vendedores é intentar convencer aos máis coñecidos: amigos íntimos e familiares. Un dos atractivos para desenvolver a actividade é a introducción da idea de que se trata dunha actividade complementaria ao traballo, que se pode facer en tempo libre. Pero segundo pasan os meses, a tarefa comercial e de convencemento comeza a absorver cada vez máis tempo porque o importante para este tipo de organizacións sectarias é estructurar a semana de xeito que non queden ocos libres coa finalidade de evitar a distracción ou replantexar a situación do estafado. Mais o adoutrinamento e a manipulación non rematan nas reunións, senón que o lavado de cerebro que lle fan aos vendedores que comezan neste tipo de organizacións tales como seminarios, casetes, eventos, cursos de capacitación, etc., están dirixidos a moldear a psique do candidato e lucrarse del. Mais alá do aspecto legal destes sistemas de comercialización, coma os servizos de telefonía móbil que intentan introducir no caso de Galiza, o certo é que este tipo de negocio en cadea, tén tantos eslabóns que cando chega ao consumidor final, o prezo é comparativamente moi alto respecto a outros similares que circulan polo mercado, e por conseguinte a cadea racha. Os estafados venden cantidades moi pequenas do producto ou servizo e de acordo ás marxes que lles quedan, non lles chegan para o ingreso mínimo legal. Todo o esforzo que fixeron os que se introduciron na rede non cumpren coa promesa de que chegarán as cantidades astronómicas. Non só perderon os cartos e o tempo, senón que sofren moito dano psicolóxico e físico.


Alberte Maceira Balboa. Responsábel comarcal do BNG


domingo, 18 de abril de 2010

A ampliación de Vista Alegre


Ultimamente teño ouvido nomear en varias ocasións a petición de remate das obras de ampliación do Centro Cultural Vista Alegre. Téñollo escoitado ao PSOE, pois a verdade é que o PP ou o que se semella a el, nunca demostrou interese ningún por tal obra. Mais eu desexaría contarlles brevemente nunhas liñas aos lectores e veciños/as a curiosa historia desta ampliación, da que a xente do Centro é ben sabedora e consciente que nos ocupa e preocupa. A finais do ano 2005, a Asociación Cultura Vista Alegre convidou por mediación do BNG local a Luís Bará, daquela director xeral de creación e difusión cultural da Consellaría de Cultura e Deporte ao 75º aniversario da Escola na Bandeira. Alí, logo de telo informado previamente da historia e marcha do centro, Alberto Maceira e eu mesmo, propuxémoslle investir neste edificio de tan relevante memoria. Preparouse desde Cultura un convenio a fin de ampliar o centro en varias fases. En 2006 a pesar de todos os atrancos habidos e por haber que puña o Alcalde Roucho, renunciando a asinar en tempo para non sei que tipo de presións facer e perder unha oportunidade marabillosa para a veciñanza, decidíuse desde Cultura, aínda así, achegar 50.000 euros para infraestrutura e mobiliario. En 2007 comezouse coa 1ª fase da ampliación e un ano despois coa 2ª, ambas con 120.000 euros, un engadido que proxectaba aularios e amplitude suficiente mesmo para que na Bandeira puidese asentarse unha digna e auténtica biblioteca e non houbese nunca máis problemas de espazo para desenvolver as múltiplas actividades. Posteriormente o tempo foi contra-reloxo e o BNG non puido revalidar o goberno da Xunta, caendo nas mans do PP o executivo autonómico e, por desgraza, tamén a xestión da Cultura. Velaí o principio do fin do proxecto mencionado, xa que deles depende unha derradeira 3ª fase por valor de 280.000 euros que remate a obra e poida converter o Centro Cultural Vista Alegre nun dos mellores referentes dinamizadores do interior de Galiza. Con todo, está visto que a aposta cultural dos “populares” non pasa por ampliar Vista Alegre, nunca pasou por aí, mais o certo é que agora a obra está por terminar e non hai vontade de facelo nin desde o Concello nin desde a Consellaría. Talvez o teñamos claro se nos decatamos de quen está a gobernar realmente en Silleda, pois algún protagonista de alta asesoría municipal é o mesmo que se negaba belixerantemente a asinar un convenio tan vantaxoso para a formación, o lecer e a cultura na Bandeira e a súa zona.

Matías R. da Torre
Concelleiro do BNG

sábado, 3 de abril de 2010

POLÍTICA DE MAIORES?


O pasado 27 de marzo a presidenta de Novas Xeracións de Silleda aparecía nos medios para dar a coñecer; nada máis nin nada menos que, a súa falta de postura sobre a dimisión do edil do PP, Manuel Mato.

Alegaba Ana Belén Seco que eles “son unha organización xuvenil e non queren entrar a facer política de maiores”. Resulta canto menos sorprendente esta posición de eludir o debate público (unha vez máis) tal vez sabedores de que carecen de razón. Nada novidoso se lembramos o mutismo que esta organización mantivo arredor da vergoñenta moción de censura.

Acaso non somos os mozos parte integrante e fundamental deste Concello? Acaso non nos afectan as decisións que tome a alcaldía? A resposta é obvia, malia que as Novas Xeracións do PP parezan descoñecela.

Como membro de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG) podo asegurarlle que aos mozos tamén nos interesa, e moito, o que pase no Concello. Interésanos saber que a alcaldía vén de aprobar un orzamento desproporcionado; ou as continuas liortas entre Paula e Ofelia, que en vez de poñerse a traballar por Silleda optaron por levar a pleno os asuntos persoais, amosando a ingobernabilidade na que sumiron o Trasdeza. Preocúpanos o escaso impulso que se fai do deporte de base, ou a case nula programación cultural dos distintos gobernos que se sucederon. Aos mozos todo isto interésanos.

Participar da política implica preocuparse dos asuntos do Concello dende unha perspectiva global; significa opinar sobre os temas que inquietan e propoñer solucións. Todo iso que vostedes non fan. Por desgraza no PP cambian os tempos pero non as actitudes.


Xerardo Díaz Casal

Militante de Galiza Nova Trasdeza

quinta-feira, 1 de abril de 2010

As grandes empresas, ante o escaso negocio que xeran, xa precisan do montante de traballo que estaban a realizar as pequenas empresas


Ao sistema económico galego sóbranlle autónomos. Só produce para quen paga

Ao sistema económico galego sóbralle xente traballadora porque as corporacións empresariais privadas, que controlan dende os recursos naturais até os sistemas económicos produtivos, precisan das faragullas que lle poden quitar os autónomos deste pais. As grandes empresas, ante o escaso negocio que xeran, xa precisan do montante de traballo que estaban a realizar as pequenas empresas. Dentro da lóxica económica funcional do capitalismo, os dirixentes políticos dos estados capitalistas só cumpren unha función reguladora e controladora sobre a actividade económica, é dicir, son os delegados rexios ao servizo do sistema e se este precisa liquidar e controlar a quen lle estorba o fan sen ningún tipo de escrúpulos. Imos ver algunhas actuacións do goberno da Xunta para cos autónomos galegos Limpeza de autónomos galegos. Unha das prioridades dos autónomos galegos é o aceso á financiación para o circulante. En case todas as enquisas que se realizaron, a verdadeira prioridade dos autónomos galegos foi a apertura do crédito. Nin reforma laboral nin farrapos de gaita. Ata o de agora, as liñas de liquidez aprobadas polo goberno da Xunta e transmitidas a través do IGAPE non chegaron coa forza suficiente ás pequenas empresas e aos autónomos galegos. Unha das causas fundamentais do fracaso destas liñas é o crecente volume de impagados que teñen que afrontar os autónomos galegos. Para ter acceso a estas liñas de financiación avaladas pola Xunta, os autónomos galegos que a soliciten deben estar ao corrente coas entidades financieiras, con Facenda e coa Seguridade Social. Este requisito, arestora, o incumpren moitos autónomos galegos debido fundamentalmente á onda de impagados e aos retrasos que sofren nas súas contas. Nesta situación de multicrise na que estamos mergullados, as ventas redúcense e os impagados de clientes e provedores multiplícanse. Deste xeito aparece o risco de non poder atender os seus compromisos financieiros, producíndose a valoración á baixa das súas contas por parte da banca tradicional. E dicir, os impagados afectan á maioría das pequenas empresas galegas, que á súa vez inflúen directamente no fluxo de diñeiro nas pequenas empresas e a banca lles corta a súa capacidade de endebedamento. Como consecuencia, moitos autónomos vense na obriga de aprazar á súa vez pagos e facturas e, ao non estar ao corrente dos seus pagos, a porta do crédito, tanto público como privado, péchase. Pódese concluir que as axudas só son para quen pode pagar e moitos dos autónomos van ter que pechar. Poderíamos dicir que estamos ante unha limpeza ou exclusión de autónomos e pequenas empresas galegas. Control dos autónomos. Moitos dos impedimentos deseñados para facer limpeza nos autónomos galegos non van ser suficientes para poder con aqueles que mellor se atopen economicamente. Mais compre controlalos. Cando un autónomo comeza unha actividade industrial, ou cando precisa mellorar as súas instalacións coa intención de aumentar o sistema de produción, e decide mercar unha parcela nun polígono galego, atópase con que o valor de taxación das parcelas é inferior ao prezo de venta que o propio Xestur ou outra entidade pública aplica polas súas parcelas. Polo tanto, a capacidade de financiación para os autónomos deste país non é suficiente para mellorar e aumentar as súas infraestruturas industrias. O que está a suceder co solo industrial galego é un xeito de controlar e frear o crecemento dos autónomos galegos. Se temos en conta que os traballadores autónomos da nosa nación son os que frean a caída da maior parte dos postos de traballo podemos rematar dicindo que o capital lle sobramos moitos.

Alberte Maceira Balboa.
Responsábel comarcal do BNG.