domingo, 19 de setembro de 2010

28 anos facendo País

Cúmprense estes días 28 anos da histórica asemblea celebrada no Frontón de Riazor ( A Coruña) onde boa parte do nacionalismo galego formalizou a creación do que hoxe coñecemos como BNG. Nun esforzo colectivo de responsabilidade política nacía a organización que estaba chamada a recoller e continuar a labor de emancipación da sociedade galega, a loitar e facer valer os intereses dun pobo moitas veces esquecido e maltratado pola historia e polas dinámicas caciquís aínda hoxe existentes.

Ao longos dos primeiros anos continuou este proceso de concentración das forzas políticas do espectro galeguista no seo do Bloque, o que , ao abeiro dun activismo político contaxioso, supuxo un significativo aumento en apoio social. As claves do éxito foron a loita polos valores propios da esquerda e o exercicio inquebrantable de compromiso nacionalista co país.

Así, foi o BNG quen ergueu a voz perante a situación do sector agro-gandeiro e pesqueiro, enormemente perxudicados polas políticas europeas de cotas e restricións; perante o maltrato ao sector industrial; fronte á política de negación da nosa identidade cultural como colectivo, exemplificada nos ataques á lingua galega; diante dos ataques aos nosos ecosistemas naturais. O nacionalismo galego estivo sempre á vangarda na loita pola igualdade das mulleres; sempre loitando a prol dos dereitos dos traballadores e dos sectores sociais nunca antes escoitados.

Temas que, lamentablemente, seguen a estar de actualidade hoxe en día. A lousa do “fraguismo” e das máis de dúas décadas de gobernos de conservadores, fixeron e fan mella nunha sociedade galega que segue a padecer moitos dos problemas de entón. Así, as políticas de Feijoo, de ataque á lingua, de recorte en investimento educativo, de privatización da sanidade, de abandono do sectores produtivos primarios e de recuperación de vellas prácticas caciquís e antidemocráticas non parecen ser o mellor camiño para superar as eivas deste país.

E diante desta situación, 28 anos despois, o BNG segue sendo esa forza útil. Unha ferramenta válida para mellorar a nosa sociedade, para dar voz e solucionar os problemas da xente. Para trasladar as demandas e propoñer solucións dende o compromiso cos intereses galegos. Así o demostran a diario deputados, concelleiros e toda a militancia que compón o Bloque, forza sen a que non se podería entender o panorama político galego, especialmente nos Concellos, onde se fan máis próximas as políticas de país, pero tamén na Xunta e no propio Estado.

Sabedores das nosas eivas e sen esquecer de onde vimos, os nacionalistas miramos ao futuro e seguiremos traballando outros tantos anos por unha sociedade máis xusta, na que por fin os galegos sexamos donos dos nosos destinos. Seguiremos cumprindo os nosos compromisos. No noso 28 aniversario, a loita continúa.

Xerardo Díaz Casal

Militante de Galiza Nova Trasdeza