sábado, 15 de janeiro de 2011

De noite, noitebús!


Ao longo desta semana milleiros de mozos e mozas galegos puidemos observar como ían desaparecendo as rutas de “Noitebús”. Unha iniciativa pioneira no país que fora posta en marcha polo anterior goberno e que facilitaba os desprazamentos nocturnos aos lugares de lecer.

A súa gran importancia residía non só no feito de que permitía o acceso á mocidade rural e do interior galego ao ocio, senón que o facía garantindo a seguridade e polo tanto diminuíndo a siniestralidade; un factor clave nunha comarca como a nosa na que nos últimos anos temos perdido a algúns veciños da man das estradas.

De nada serviron os chamamentos feitos por numerosas organizacións xuvenís, as mocións aprobadas por diversos concellos con gobernos de múltiples e variadas ideoloxías (incluído o de Silleda a instancias do BNG) ou os milleiros de sinaturas entregadas no Parlamento galego esixindo unha rectificación. A política antisocial da Xunta volvíase facer visible para recortar unha vez máis, e xa levamos unhas cantas, benestar á cidadanía.

Así, desaparecían os cartos adicados a subvencionar este servizo, que supoñía un custo anual semellante ao investido pola Xunta na visita do Papa; servizo que era usado por uns 400,000 usuarios cada ano.

Botándolle unha ollada ao programa electoral do PP para as pasadas eleccións á Xunta tentei descubrir se esta actuación respondía ao “compromiso” alí adquirido coa cidadanía. Mais que sorpresa levei ao descubrir que ao longo das 326 páxinas do mesmo a palabra “xuventude” só se mencionaba en tres ocasións. O grave é que en todo o programa non existe ningún epígrafe adicado aos problemas da mocidade galega, nin a analizar a súa situación, nin a proporlle solucións.

Pretendo dende a miña humilde posición facer un chamamento á reflexión á cidadanía e actuar como altofalante dunha mocidade farta de ver como se tenta criminalizar o noso tempo de lecer. A culpa ao parecer é da xuventude por querer divertirse e non da Xunta por eliminar as axudas. Este é o “delito” que nos queren facer cargar á mocidade.

Mais neste, como noutros moitos temas, existe unha alternativa. O BNG dende as concellerías de xuventude está a desenvolver programas de lecer nocturno alternativo. É o caso de “Noitenova” na Coruña ou “Noites Abertas” en Pontevedra que pretenden acadar unha maior implicación e dinamización dos mozos e mozas en actividades lúdico-festivas de carácter saudable.

Esperemos que algún día a “xuventude” forme parte das políticas de todos os Concellos, da Xunta e do conxunto de organizacións políticas. Por sorte, na mentres, quédanos unha alternativa!

Xerardo Díaz Casal

Militante de Galiza Nova