domingo, 19 de dezembro de 2010

A Cegueira


O finado José Saramago escribiu hai uns anos unha novela de belísima factura, excepcionalmente reflexiva titulada Ensaio sobre a cegueira, na que segundo as súas palabras “a través da escrita, tentei dicir que non somos bos e que é preciso que teñamos coraxe para recoñecer iso.". Nesta obra o nobel portugués facía unha intensa crítica aos valores da sociedade, e ao que acontece cando un dos sentidos vitais falta. Anos despois escribiría a resposta revoltada dunha cidadania esperta e aguda ante o maltrato e as malas formas da clase política no Ensaio sobre a lucidez.
Decidín daquelas escribir unhas liñas a respecto dos pasquíns insultantes repartidos estes días por Silleda, que, entre outros, fan referencia á miña persoa, a nove membros máis da Corporación municipal e á directiva da Asociacion de Veciños de Silleda Olaia, e para a redacción das mesmas voume basear no espírito sempre vital do grande pensador que foi e sempre será Saramago, porque ante os improperios, enxuizamentos persoais e ataques de pésimo gusto que rozan unha esperpéntica esquizofrenia antisocial, sen procurar en ningún caso a lexítima crítica sobre a acción política, o que teño que dicir é o seguinte:
“Ninguén ten neste mundo e, por suposto, en Silleda tampouco, ten a autoridade moral para delimitar que son os bos e os malos, porque hai que gañarlle a partida á coraxe máis engreída, egocéntrica e egoísta para ser así e ademais facelo”. E amais disto, comunico a todos e todas que polo menos eu e supoño que a maioría dos seilledenses, non queremos vivir nunha sociedade na que o sentido da vista se ve privado pola cegueira máis belixerante e obtusa e á que se lle una a falta do sentido máis fundamental, o común, e que este se vexa eivado por cousas tan básicas para vivir en comunidade como o civismo, a urbanidade, o respecto, a convivencia, o diálogo, a palabra e, en definitiva, a paz social. E o mesmo respecto que pido para min que para todos e todas os concelleiros e concelleiras de Trasdeza, sexan da cor e idea que sexan, (incluídos tamén os non aludidos, evidentemente), pois unha cousa é botar a lingua a pacer un pouco e outra moi distinta ter que observar caladamente un folleto anonimamente vergoñento, que dá reparo, pudor e noxo até nomear”
Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda