quarta-feira, 31 de março de 2010

MATO, SEN SILVAS


No Pleno municipal deste xoves pasado, Mato, o único concelleiro do Partido Popular de Silleda demitiu. Decidiu cesar nas súas funcións como representante público da cidadanía porque non quería ser “un cero á esquerda” e porque non se encontraba nunha situación “cómoda”, polo tanto quixo ser coherente e marchar dunha corporación que por méritos, xa se converteu na máis convulsa da historia da política trasdezá.

Teño relación con el desde hai apenas dous anos, mais a suficiente para comprobar que é, tal como me comentaba o outro día algún silledense, “un home dos de antes”, isto é, de palabra, dos que aínda gardan formalidade e consecuencia nas accións. Todos e todas puidémolo verificar cando a moción de censura, que el non apoiou, decantándose por seguir no Partido Popular, aínda a pesar de ficar só e perder os seus compañeiros embarcados na viaxe popular non adscrita. A min, persoalmente, demostroume en máis ocasións o que estou a aseverar, mesmo cando rexoubabamos antes de cada pleno o chiste do trato afábel que tiñamos por ocupar nós o dous os extremos ideolóxicos da corporación.

Sei que lle molestaba profundamente estar na situación actual na que era protagonista sen buscalo, na que os ollos se pousaban nel cando falaba e cando non; nun período, este, no que apoiaba aos antigos compañeiros (ex-xefes de filas e algún antagonista) desde as siglas que cada vez sentía menos, por, precisamente, faltar nelas rigor e seriedade.

O xoves deu unha lección ao seu Partido e aos embarcados. Con catro palabras ben ditas, sen alardes, mais coa razón dun santo, abandonou a corporación con dignidade entre o recoñecemento dos seus adversarios á súa coherencia e o desleixo dos seus “amigos”. Raiou á altura merecida, mágoa que o PP, o adscrito e o non adscrito, non lle chegue á sola dos zapatos.


Matías R. da Torre

Concelleiro do BNG

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.