quarta-feira, 21 de abril de 2010

Tocar en Playback. (Resposta a Klaus Brey)




Hai uns días escribía un artigo criticando a falta de criterio das Novas Xeracións do PP con respecto á política en Silleda. Teño que recoñecer que o que menos agardaba era a resposta de Klaus Brey, presidente das Xuventudes Socialistas. Asistir asiduamente aos plenos e poñer a orella propia pode estar ben. Mais, a súa afirmación vai demasiado lonxe cando di que un cidadán da pé que non asiste con regularidade aos plenos non está capacitado "para participar activamente da política municipal", o cal supón darlle a razón aos que pensan, dende principios poucos democráticos, que non se debe opinar da "política de maiores", ámbito restrinxido a uns poucos. Máxime cando os maiores se dedican a infantilizar a política reducíndoa a cuestións persoais Afirmaba Klaus que toda a oposición presentaba mocións. Sendo isto certo, se asiste aos plenos, parece esquecer que é o BNG quen máis propostas presenta e a quen máis propostas se lle tumban. Por outra banda aclaraba Klaus que existen disputas e malas relacións nos plenos entre Ofelia e Paula. Ao facelo validaba vostede aquilo que eu afirmaba: ambas decidiron levar a pleno o persoal, amosando a ingobernabilidade no Trasdeza. E reafírmome en que ambas son culpábeis desta situación, cada unha pola parte que lle corresponde. Non nego que Paula sexa vítima absoluta dunha disputa persoal. Pero cando di que Ofelia ten unha actitude distinta no persoal con Matías, e se insinúan certos fedores desde a incapacidade de xustificalos politicamente, amósase a actitude de quen, quizais proxectando as súas responsabilidades, é incapaz de transcender ao plano político, facendo do persoal o centro arredor do cal xira todo o seu mundo. Sen dúbida se algo me chamou poderosamente a atención foi que insinuase calquera tipo de relación entre o BNG e os “indePPendentes”. Quede tranquilo, pois entre ambas formacións non existe o máis mínimo nexo nin pasado común. Tampouco o BNG se deixa aleccionar polo PSOE, a pesar do desexo de algúns, dedícase a facer política, como Klaus recoñece, pasando das leas persoais que converten o pleno nun plató de sálvame. Xa por último fala de que toco de oído. Asegúrolle que no BNG ninguén alecciona a ninguén. Sei que non todos na política poden dicir isto con esta rotundidade. En calquera caso sempre é mellor tocar de oído (por un mesmo) que facelo en “playback”

Xerardo Díaz Casal
Militante de Galiza Nova Trasdeza

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.