domingo, 18 de abril de 2010

A ampliación de Vista Alegre


Ultimamente teño ouvido nomear en varias ocasións a petición de remate das obras de ampliación do Centro Cultural Vista Alegre. Téñollo escoitado ao PSOE, pois a verdade é que o PP ou o que se semella a el, nunca demostrou interese ningún por tal obra. Mais eu desexaría contarlles brevemente nunhas liñas aos lectores e veciños/as a curiosa historia desta ampliación, da que a xente do Centro é ben sabedora e consciente que nos ocupa e preocupa. A finais do ano 2005, a Asociación Cultura Vista Alegre convidou por mediación do BNG local a Luís Bará, daquela director xeral de creación e difusión cultural da Consellaría de Cultura e Deporte ao 75º aniversario da Escola na Bandeira. Alí, logo de telo informado previamente da historia e marcha do centro, Alberto Maceira e eu mesmo, propuxémoslle investir neste edificio de tan relevante memoria. Preparouse desde Cultura un convenio a fin de ampliar o centro en varias fases. En 2006 a pesar de todos os atrancos habidos e por haber que puña o Alcalde Roucho, renunciando a asinar en tempo para non sei que tipo de presións facer e perder unha oportunidade marabillosa para a veciñanza, decidíuse desde Cultura, aínda así, achegar 50.000 euros para infraestrutura e mobiliario. En 2007 comezouse coa 1ª fase da ampliación e un ano despois coa 2ª, ambas con 120.000 euros, un engadido que proxectaba aularios e amplitude suficiente mesmo para que na Bandeira puidese asentarse unha digna e auténtica biblioteca e non houbese nunca máis problemas de espazo para desenvolver as múltiplas actividades. Posteriormente o tempo foi contra-reloxo e o BNG non puido revalidar o goberno da Xunta, caendo nas mans do PP o executivo autonómico e, por desgraza, tamén a xestión da Cultura. Velaí o principio do fin do proxecto mencionado, xa que deles depende unha derradeira 3ª fase por valor de 280.000 euros que remate a obra e poida converter o Centro Cultural Vista Alegre nun dos mellores referentes dinamizadores do interior de Galiza. Con todo, está visto que a aposta cultural dos “populares” non pasa por ampliar Vista Alegre, nunca pasou por aí, mais o certo é que agora a obra está por terminar e non hai vontade de facelo nin desde o Concello nin desde a Consellaría. Talvez o teñamos claro se nos decatamos de quen está a gobernar realmente en Silleda, pois algún protagonista de alta asesoría municipal é o mesmo que se negaba belixerantemente a asinar un convenio tan vantaxoso para a formación, o lecer e a cultura na Bandeira e a súa zona.

Matías R. da Torre
Concelleiro do BNG

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.