sábado, 3 de abril de 2010

POLÍTICA DE MAIORES?


O pasado 27 de marzo a presidenta de Novas Xeracións de Silleda aparecía nos medios para dar a coñecer; nada máis nin nada menos que, a súa falta de postura sobre a dimisión do edil do PP, Manuel Mato.

Alegaba Ana Belén Seco que eles “son unha organización xuvenil e non queren entrar a facer política de maiores”. Resulta canto menos sorprendente esta posición de eludir o debate público (unha vez máis) tal vez sabedores de que carecen de razón. Nada novidoso se lembramos o mutismo que esta organización mantivo arredor da vergoñenta moción de censura.

Acaso non somos os mozos parte integrante e fundamental deste Concello? Acaso non nos afectan as decisións que tome a alcaldía? A resposta é obvia, malia que as Novas Xeracións do PP parezan descoñecela.

Como membro de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG) podo asegurarlle que aos mozos tamén nos interesa, e moito, o que pase no Concello. Interésanos saber que a alcaldía vén de aprobar un orzamento desproporcionado; ou as continuas liortas entre Paula e Ofelia, que en vez de poñerse a traballar por Silleda optaron por levar a pleno os asuntos persoais, amosando a ingobernabilidade na que sumiron o Trasdeza. Preocúpanos o escaso impulso que se fai do deporte de base, ou a case nula programación cultural dos distintos gobernos que se sucederon. Aos mozos todo isto interésanos.

Participar da política implica preocuparse dos asuntos do Concello dende unha perspectiva global; significa opinar sobre os temas que inquietan e propoñer solucións. Todo iso que vostedes non fan. Por desgraza no PP cambian os tempos pero non as actitudes.


Xerardo Díaz Casal

Militante de Galiza Nova Trasdeza

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.