quarta-feira, 28 de abril de 2010

LADRAR EN PALLEIRA ALLEA


Cando os ex compañeiros de filas socialistas nos dician que Paula e Cuiña de cara aos medios de comunicación facían ver que o PP era o seu inimigo político pero portas adentro estaban obsesionados co BNG, nunca lle quixen dar crédito. Mais a carta de Cuiña ven a confirmalo. Rezuma odio. Eu pregúntome: Qué mal lle fixemos nós ao PSOE? Que eu saiba, só lle demos o voto para que fosen goberno en Silleda (de non ser así nunca terían cheirado o poder) e estarmos calados durante dous anos para non danar a que se supoñía alternativa silledense. Sr. Cuiña: se en Silleda vai o rio revolto, será responsabilidade do PP e do PSOE porque até onde eu chego o BNG non ten ningún tránsfuga que participase na mocion de censura. Foron do PP e tamén PSOE e era de dominio público a mala sintonía que reinaba no seo da candidatura “socialista” xa antes das eleccións. Aínda así presentáronse ante a cidadanía como alternativa seria, verdade? Pois agora, tócalles apandar coas consecuencias a vostedes, que non a nós. Estea tranquilo, que no cauce do río da clase politica de Silleda non hai nada que pescar porque vai cheo de lodo, só leva merda. A isto contribuiron na cota que queiran repartirse tanto o PP como o PSOE. Agora cada un ocupa o lugar que se forxou durante os dous anos da pre-moción EN NOME DO NOSO POBO UNS VAN DE VÍTIMAS E OUTROS SALVAPATRIAS. Nin vitimas nin salvadores. A propósito, agora que xa pasou un tempo prudencial podían dicir públicamente cales foron os motivos de desencontro para chegaren a unha moción de censura? A ousadía da clase política silledense lévanos a escoitar cousas como as que a continuación relato nas que se describen a si mesmos e deixan entrever o seu talante e o seu talento: Hai dous anos, o agora deostado, pero antes ben amado nas filas socialistas, Gerardo Lázara fixo públicas as conclusións ás chegaran nunha reunión do PSOE local: “os independentes xa os asimilamos, o BNG vai desaparecer porque leva un ano calado, o PSOE vai arrasar”. Despois saíu outro ilustrado político local, Aurelio, dicíndolle ao BNG que para falar dos problemas do centro de saúde da Bandeira antes tiña que pedirlle permiso a el. Agora sae o insigne bandeirense Manuel Cuiña, que aproveitando unha desputa de mozos, ataca ao BNG dicindo que de tanto falar corremos o risco de desaparecer. Agora seica é responsabilidade do BNG que o millón de € de débeda da Semana Verde ficou reducida a uns cantos euros, é que non se cobre máis seica é por culpa do BNG, e que os empresarios non cobren a débeda que os distintos gobernos silledense contraeron con eles tamén é por causa do BNG. Se tanto poder ten un só concelleiro na oposición, convirá conmigo en que vostedes e todos os gobernos que pasaron por Silleda foron uns inútiles. Vostedes sigan ladrando (e non dialogando) ao seu son, que nós seguiremos cabalgando ao noso trote e con respecto.

Óscar Ares Pazos
Responsábel local do BNG de Silleda

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.