domingo, 25 de abril de 2010

MANOLO: SENTIDIÑO!


Eu tamén lin a carta de Manolo Cuíña e quedei abraiado. Propoño con este nome un grupo nalgunha rede social desas nas que aparecen cousas curiosas, anecdóticas ou vergoñentas. E o terceito cualificativo é o que mellor lle acaería neste caso.

Manolo Cuíña, o edil do PSOE e veciño da Bandeira, recollendo a testemuña dun artigo de Xerado Díaz, un moi preparado mozo de Galiza Nova, utilízao como desculpa para faltar ao respecto, ser un maleducado e, o que é pior, manter unha actitude que raia a xenofobia contra un mozo por non ter vivido toda a vida, en ao que parecer é “a vila a súa propiedade” e non acudir aos plenos, cousa que Manolo sempre fixo, como todo o mundo é sabedor, até hai pouco máis de dous anos, cando non tiña nen a mínima idea do que era ser concelleiro, da política, do PSOE ou de todo o que tivese que ver coa vida pública municipal. Mais xa digo, esta é a desculpa, pois o que el persegue é atacarme a min persoalmente, con toda a malicia, saña e resentimento (que non sei de onde sae), que podemos imaxinar.

Trátame coma o líder dunha especie de seita que “pesca votos en río revolto”. Supoño que será o mesmo río do que el, o seu partido e moitos excompañeiros/as del xuntaron as augas de todas as castes e condicións persoais e ideolóxicas en 2007 para que “todo o que entrase na rede fose peixe”. E eu digo, Manolo: Iso non é tentar acadar un puñado de votos, iso é desmantelar o caladeiro enteiro!

Acúsame de tratalos a todos por igual na moción de censura. Ao que lle retruco, que está gravada para verificar que non é certo, porque na intervención falo de mazás verdes e mazás podres e de falta de diálogo. Por certo, a mesmiña que estás a amosar na túa carta, pois saberás que a responsabilidade dun político é dialogar e servir ao pobo e se pretendes presentarte e tentar gobernar o Trasdeza para as seguintes eleccións municipais, terás que falar cos demais e non caer no mesmo erro, pois senón fraco favor lle farás ao teu pobo, que non ten culpa das excentricidades e intereses persoais de cada un dos seus representantes políticos.

Por ir rematando, se fas favor, non mestures o touciño coa velocidade. Non confundas a xestión das débedas, a vontade política de liquidalas coa cobranza de facturas por parte de empresarios e comerciantes. Non lle debuxes á xente castelos no aire, non lle vendas fume, nen quimeras en papel xa mollado. As contas son as contas, outra cousa son outro tipo de negociacións que non chegaron a desembarcar en bo porto, que se poden retomar, mais xa non cos mesmos axentes, caso de Méndez Romeu, que moito latricaron e non as solventaron.

Debes saber que un concelleiro ten que ser digno de tal e non pode ir ameazando por aí como un capitán de barco furtivo e sen escrúpulos. Un concelleiro debe ser exemplarizante en moitas cousas e o primeiro é manter a educación básica. Eu son un concelleiro, compañeiro teu de corporación e tento representar o mellor posíbel, con ética, traballo e dignidade ao BNG, e para que vexas que non che gardo rancor, cando quixeres tomamos un café e dialogamos. Con todo, pídoche sentidiño, Manolo!

Matías R. da Torre

Concelleiro do BNG e veciño de Trasdeza

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.