terça-feira, 21 de abril de 2015


O BNG ASEMBLEAS ABERTAS PRESÉNTASE EN SILLEDA PARA ACABAR CO CACIQUISMO COMO XEITO DE FACER POLÍTICA
Os nacionalistas consideran que PsoE e Pp son dúas caras da mesma moeda, con intereses persoais contrarios á maioría social
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO ASEMBLEAS ABERTAS fixo pública a súa candidatura ás eleccións municipais ao Concello de Silleda co obxectivo  de acabar coas políticas baseadas no caciquismo e os favores, mais de costas á xente, levadas a cabo en gobernos pasados e presentes tanto polo PP como polo PSOE.
O Bloque pretende devolverlle o Concello á xente, que esta sexa dona del e non dependa dos caprichos do alcalde de turno para levar a cabo o que lle peta. Para o BNG as persoas deben ser as protagonistas da política municipal e deden ter, polo tanto, capacidade para dicidir e mesmo xestionar os intereses públicos, e non ser considerados como meras masas de votantes para opinar cada catro anos nada máis.
Para o BNG Asembleas Abertas faise fundamental no Trasdeza recuperar os servizos públicos recortados ou perdidos coas políticas de dereitas de todos estes anos pasados, apostar pola economía podutiva e polo Concello cono axente de emprego e políticas laborais e sociais, que conduzan, por exemplo, ao apoio á mocidade e empresari@s autónom@s para traballar e vivir en Silleda, ou iniciativas orixinais e alternativas que transformen o Concello a partir da xestión política a nivel cultural, turístico ou ambiental.
O Bloque tamén considera fundamental unha boa previsión para a atención ao noso medio rural, a aprobación, ordenación e posibilidade de construción a través do PXOM, a construción do Centro de Día-Residencial, ou o establecemento de políticas para as urxencias sociais económicas ou de vivenda deste tempos.
Para todo isto, o Bloque AA pon ao dispor dos silledenses unha candidatura renovada ao 60% con respecto a hai catro anos e coa entrada de xente con carácter totalmente independente froito do proceso do contacto directo e plural aberto coa cidadanía na acción denominada Asembleas Abertas, a cal finalmente, se reflicte de xeito moi relevante na listaxe electoral.

Por todo iso, o BNG AA pretende ser o depositario da confianza dos trasdezaos e trasdezás para non perpetuar  maiorías  que van directamente en contra dos dereitos democráticos das persoas ao caer na tentación omnipotente de alcaldes ditadores, e por isto, se erixe  na voz e na  representación da alternativa e a pluralidade no Concello de Silleda, facendo á vez un chamamento a aquelas persoas que se sintan nacionalistas, galeguistas e de esquerdas, pois a candidatura do BNG AA diferénciase nomeadamente  das outras por non atender os intereses persoais, e si  os  comúns e xerais d@s silledenses.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.