sábado, 11 de abril de 2015

LOUZÁN PPLOTEIRO

Dous dos núcleos de poder que máis corrupción teñen orixinado nos últimos anos son a política e o fútbol. Tod@s coñecemos –ou cando menos sospeitamos de polític@s corrupt@s- e tod@s tamén batallamos que no mundo do deporte rei se dá a corrupción en moitos dos estamentos profisionais. E seguimos sen explicarnos como hai xente que sen vocación ningunha de servizo público –e din eles que tamén sen pretensións económicas- segue a troulear por estar nun sitio e noutro.

Hai días lin e escoitei nos medios que Rafael Louzán, Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, meditaba presentarse á presidencia da Federación Galega de Fútbol (outro niño que non se salvou da corrupción económica). E de seguro que non nos sorprenderá porque a afección a este deporte por parte de Louzán debe ser extraordinaria, pois hai ben anos que enche a provincia de Pontevedra de carísimos campos de herba artificial, fagan ou non fagan falta, sexa o investimento prioritario ou non, para agora tomar unha decisión na que presuntamente os clubes deberán renderlle pleitesía e devolverlle o favor, desta vez con votos que o entronicen no cargo directivo máis relevante do fútbol galego.

E nisto se afanou Louzán desde hai unha tempada, poñendo a traballar a todo  o Partido Popular e toda a Deputación Provincial, coma se as dúas cousas fosen a mesma, á procura de votos entre os clubes (tamén no Deza). Favor por favor piden. El tróuxovos ou tráevos o campo e vós xa sabedes… Todo moi democrático, ou polo menos, máis democrático que a súa elección consecutiva e reiterada como Presidente da Depo, porque para ostentar ese cargo a cidadanía nunca o votou directamente. Acceder a el, se cadra, é un proceso que debe ser semellante ao das eleccións futboleiras que citei: falo con este alcaldiño por aquí, con estoutro por alá, promesa de aquí, campo de fútbol por alá e xa está a presidencia.

Non sei se lle chegou o seu sanmartiño político; se hai medo por algo e procura esa presunta saída honrosa; se botou contas e venta que en 2015 talvez perda o poder da Deputación… O que si teño claro é que ao igual que as Deputacións (a de Pontevedra especialmente) non lle renden contas a ningún organismo público nen á cidadanía -porque a súa escolla é sempre indirecta- e meten os cartos caciquilmente onde lles peta. E agora os elementos do fútbol teñen a oportunidade de ver que é o Partido Popular, ese partido limpo, puro, impoluto e incorruptíbel, quen demanda o voto para que un dos seus xestione os designios do fútbol galego. Son ben ppeloteiros ho, e Louzán o primeiro!

Matias R. da Torre

Concelleiro do BNG en Silleda

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.