quinta-feira, 28 de outubro de 2010

Auto(e)moción


A marca SEAT ten un lema publicitario que leva por nome Autoemoción, e aproveitando, por tanto, que o Deza pasa por Silleda, quero mandar unhas liñas aos catro ventos para que sirvan de desafogo, e tamén, de reflexión.

Hai cousa de pouco máis dun ano o Concello de Silleda era obxecto do asalto ao poder por medio dunha moción de censura, levada a cabo con premeditación, aleivosía e á luz do día. Nela dirimíase unha loita por acadar o posto do sillón dunha prezada Alcaldía como a de Trasdeza, a cal había que recuperar por parte do PP a toda traza.

Pasaron os meses e daqueles asaltantes que pregoaban un cambio de dirección no goberno e na política local, pouco se sabería, pois ían esvaecendo ou desaparecendo directamente. Primeiro coas baixas médicas e a falta de presenza no Concello, logo a marcha de Mato, único concelleiro do PP, despois a de Roucho (do que aínda non coñecemos qué pretendeu neses meses de tránsito), a volta dos dous protagonistas da moción, Ofelia e Javier Cuíña....e todo cunha rara, incríbel e patética estratexia do PP: facemos un golpe de estado con toma de poder con sete tránsfugas (cinco meus e dous ex-PSOE) para desgobernar un Concello que antes xa desgobernabamos.

Velaí a cuestión, algo cheira raro en Trasdeza -como diría Hamlet-, para qué me meto en tal lea se despois non sei dar a talla nin como partido? (lembremos que agora ten dous edís novos e sen máis cometido que avalar a xestión da xente que teoricamente non debe avalar o PP no futuro por transfuguismo recoñecido). Deste xeito se atopa o Partido Popular, sen clareza na organización do partido a nivel local, con problemas internos para escoller un candidato polo sistema tradicional do dedazo que os conduza á soñada vitoria absoluta, e cunha división tan forte como a que forzou a creba do CIS (eses críticos do PP, mellor dito de Roucho, que acabaron sendo independentes do PSOE, para finalmente gobernar dándolle a todos un pouquiño por onde o lombo perde o nome).

Eu, como membro do BNG, integrante da corporación máis circense das habidas en Silleda, e testemuña de hai tempo da política local, sigo sen saber hoxe por hoxe, cal era a estratexia político-electoral do PP. Así como tamén continúo sen comprender por que se programou unha moción de censura nun momento no que o único que se acadaron foi crispar á sociedade, entrar nun proceso de fanatización xunto co PSOE, o cal non beneficiou para nada os intereses e a vida dos silledenses, e chegar ao momento actual sen saber qué camiño coller, o da dereita extrema, o da extrema dereita ou o que lle marquen eses que volveron ao rego como sector crítico.

Ás veces penso que a censura foi proposta por Louzán, Roucho, a cúpula do PP local e os proscritos da lista do PSOE, simplemente, para autoemocionarse.

Matías R. da Torre

Concelleiro do BNG

Sem comentários:

Enviar um comentário

Opina e participa.