sábado, 15 de janeiro de 2011

De noite, noitebús!


Ao longo desta semana milleiros de mozos e mozas galegos puidemos observar como ían desaparecendo as rutas de “Noitebús”. Unha iniciativa pioneira no país que fora posta en marcha polo anterior goberno e que facilitaba os desprazamentos nocturnos aos lugares de lecer.

A súa gran importancia residía non só no feito de que permitía o acceso á mocidade rural e do interior galego ao ocio, senón que o facía garantindo a seguridade e polo tanto diminuíndo a siniestralidade; un factor clave nunha comarca como a nosa na que nos últimos anos temos perdido a algúns veciños da man das estradas.

De nada serviron os chamamentos feitos por numerosas organizacións xuvenís, as mocións aprobadas por diversos concellos con gobernos de múltiples e variadas ideoloxías (incluído o de Silleda a instancias do BNG) ou os milleiros de sinaturas entregadas no Parlamento galego esixindo unha rectificación. A política antisocial da Xunta volvíase facer visible para recortar unha vez máis, e xa levamos unhas cantas, benestar á cidadanía.

Así, desaparecían os cartos adicados a subvencionar este servizo, que supoñía un custo anual semellante ao investido pola Xunta na visita do Papa; servizo que era usado por uns 400,000 usuarios cada ano.

Botándolle unha ollada ao programa electoral do PP para as pasadas eleccións á Xunta tentei descubrir se esta actuación respondía ao “compromiso” alí adquirido coa cidadanía. Mais que sorpresa levei ao descubrir que ao longo das 326 páxinas do mesmo a palabra “xuventude” só se mencionaba en tres ocasións. O grave é que en todo o programa non existe ningún epígrafe adicado aos problemas da mocidade galega, nin a analizar a súa situación, nin a proporlle solucións.

Pretendo dende a miña humilde posición facer un chamamento á reflexión á cidadanía e actuar como altofalante dunha mocidade farta de ver como se tenta criminalizar o noso tempo de lecer. A culpa ao parecer é da xuventude por querer divertirse e non da Xunta por eliminar as axudas. Este é o “delito” que nos queren facer cargar á mocidade.

Mais neste, como noutros moitos temas, existe unha alternativa. O BNG dende as concellerías de xuventude está a desenvolver programas de lecer nocturno alternativo. É o caso de “Noitenova” na Coruña ou “Noites Abertas” en Pontevedra que pretenden acadar unha maior implicación e dinamización dos mozos e mozas en actividades lúdico-festivas de carácter saudable.

Esperemos que algún día a “xuventude” forme parte das políticas de todos os Concellos, da Xunta e do conxunto de organizacións políticas. Por sorte, na mentres, quédanos unha alternativa!

Xerardo Díaz Casal

Militante de Galiza Nova

3 comentários:

  1. Son simpatizante de Galiza Nova e colaborei con xente vosa recollendo sinaturas no meu concello. Hai cousas que son evidentes pero considero que falta máis analisis. Por outra parte paréceme raro que sendo de Galiza Nova non a cites nin unha soa vez, porque fixo unha campaña que eu creo moi sensata e que repercutiu moito en xente coma min. Falas de asinaturas entregadas no Parlamento pero quen as entregou?? Galiza Nova, ninguén máis. Falas de que houbo asociacións xuveniles que se posicionaron en contra, eu non vin tantas, e si que vin que Galiza Nova daba a cara... creo que non sendo eu de Galiza Nova fago máis propaganda do que se fixo para que non o suprimiran distinguindo a "alternativa" do resto de grupos políticos que ti que estás dentro, metido no partido do BNG.

    ResponderEliminar
  2. Paréceme un corta e pega das roldas de prensa do BNG

    ResponderEliminar
  3. Os cartos dos galegos non se teñen que gastar en noitebús nin merdadas desas...
    Agora é cando. GaliCIa é onde!!!! ainda que joda...uns saben gobernar...outros fan que gobernan!!

    ResponderEliminar

Opina e participa.