sexta-feira, 16 de março de 2012

O razoábel é ser razoábel


Lin con atención o artigo  de Xosé Crespo o Alcalde de Lalín sobre a razoabilidade na fusión de Concellos, postulándose de novo en artífice do Concello de Deza unido.
Á partida xunguir concellos pode parecer unha idea positiva no momento en que se poñan sobre a mesa datos incuestionábeis que o avalen, á parte da aceptación da veciñanza e a perda do localismo acirrado de moitos politiquiños e caciques que aínda andan por aí. Isto pode pintar ben  para concellos que compartan núcleos, que teñan unha proximidade ou afinidade vital, que precisen un do outro por seren interdependentes.
O que acontece é que o que nos propón o señor Crespo, novamente e de forma oportunista polos últimos anuncios a respecto das negociacións de fusión entre diversos concellos galegos, vén a ser a  anexión non sabemos en que pé de igualdade dos 6 termos municipais da comarca dezá. Eu, que non son localista –por ser precisamente o contrario do nacionalismo-, nin presumo de cacique, voulle dar unha visión política e de inviabilidade social, ou mesmo socio-económica.
Temos unha Deputación de Pontevedra que até o de agora nunca se preocupou por atender de xeito conxunto e equitativo a aqueles concellos que o necesitasen máis; temos unha Mancomunidade de Terras de Deza que nunca serviu para nada, só tivo como fin uns bacheos  de pistas e uns desbroces de comareiros que nunca xustifican o que teñen que pór anualmente moitos dos concellos mancomundados, unha Mancomunidade que nunca cumpriu a comarcalización e abaratamento dos 11 servizos básicos que propoñen os seus estatutos fundacionais.
Temos na palestra  un novo desafío para acadar un Concello de Deza que acumularía 1.026, 80 km” (unha das maiores extensións do País) para atender 161 parroquias, 1.063 núcleos de proboación, cunha dispersión brutal, unha cantidade inxente de lugares e un avellentamento da cidadanía moi considerábel. Amais coa responsabilidade de xestionar  7 vilas de referencia.
Coido que o futuro da comarca do Deza pode pasar por abrir o debate, mais nunca por acrecentar  tal cantidade de datos que tan só de por si xa invalidan grande parte da proposta. É ben certo que os concellos minúsculos poden non ter  razón de ser perante unha xestión que se podería dimensionar máis, de aí a importancia que teñen os servizos a nivel comarcal ou de País. No entanto, a futura ordenación do territorio non se debe facer para marcar tendencias ou modas, ou ser o máis listo dos alcaldes, ou os primeiros en que Feijóo nos pendure unha  medalla; senón que pasa por razoar a xenerosidade, o orgullo e a prepotencia.


Matías Rodríguez da Torre. Concelleiro do BNG en  Silleda 

sexta-feira, 28 de outubro de 2011

A oposición do PP en Silleda


Hai partidos,especialmente,coma o Partido Popular en Galicia,que cren que as campañas electorais son coma as do César. Por iso asimilan mal a derrota,a cal vén acompañada normalmente de abandonos e pequenas trifulcas.
Non será o BNG de Silleda quen lle teña que dicir ao señor Pin como ten que facer oposición, e menos neste momento, pero sí recordarlle ao seu partido e aos silledenses,a actitude responsable que veu monstrando o Bloque dende o ano 1995 en que comenzou a formar parte da corporación silledense.
O labor de oposición do BNG,sempre foi responsable,fiel aos seus ideais.Un labor,non sempre fácil,pero sí moi gratificante,de achega aos veciños e aos seus problemas,de aportar e elaborar propostas,para conformar entre todos un concello mellor. Incluso desde a oposición municipal o BNG foi quen de conseguir que en Silleda se ampliase o Polígono ou se costruíse a Galescola. O que demostra que a oposción serve para ser costrutivos, e tamén traballadores, pois as dúas cousas non se contraponen.
Un labor,o do BNG,de equipo,onde todos traballaron e seguen a participar,dende os militantes ata os simpatizantes,respectando os resultados electorais.Un labor,incluso,alabada,por tódolos equipos de goberno.
Por iso,dende o BNG de Silleda,queremos recordarlle aos concelleiros do PP,que este concello está formado por 13 edís,que prometeron ou xuraron ,asumir tódalas obrigas do seu cargo,tanto no goberno coma na oposición,sendo a principal responsabilidade: velar polo ben e mellorar a vida dos e das silledenses.
Tania Cornado Molina
Militante do BNG
Nº 2 da candidatura do BNG ás eleccións municipais de 2011