sexta-feira, 29 de abril de 2011

Hai memoria


Dise que o ser humano é o único animal capaz de tropezar dúas veces ca mesma pedra. A vida cotiá está chea de exemplos que así o demostran. Moitas veces isto ocórrenos por non recordar ou esquecer intencionadamente aquelas situacións xa vividas e das cales poderiamos aprender. Por iso é importante de cando en cando por ao día a nosa memoria colectiva como sociedade. O pasado 16 de abril os xornais daban conta do acto de presentación da candidatura popular en Silleda; e algún deles citaba declaracións do candidato a alcaldía que diante do auditorio afirmaba sen ningún pudor que votar á esquerda era un suicidio económico. Cada un é libre de afirmar o que queira, vaia por diante o meu respecto polo conxunto de ideoloxías existentes en Silleda; mais non deixa de ser curioso, e mesmo cómico, que os responsables do partido político que durante anos endebedaron este Concello sexan os que nos veñan dar leccións de despilfarro. Non se trata de cousa duns poucos cartos, falamos de millóns de euros que se gastaron sen estar orzamentados, facturas que aparecen nos caixóns do Concello asinadas por alcaldes populares e das que agora todos os veciños nos temos que facer cargo. Gastos a nome do Concello que aínda non foron xustificados. Débedas interminables que hipotecan o noso futuro e polas cales aínda vemos a comerciantes de Silleda achegarse periodicamente ante o Concello para reclamar o seu pago. Esa é a crúa realidade da que son responsables e polas que deben pedir explicacións a algúns dos seus compañeiros de lista. Non poden lavar as mans e pretender que os os habitantes de Silleda fagamos «táboa rasa» como se aquí non tivera pasado nada. Ofrecen caras novas e un «equipo con criterio» pero detrás desas bonitas palabras algúns vemos máis do mesmo. Son os mesmos lobos con pel de cordeiro. Nós, as xentes de esquerda, ofrecemos alternativas a este modelo. Comecemos por reducir os gastos correntes e poñamos a todo o persoal a traballar, facilitemos o asentamento de emprendedores no noso Concello, dinamicemos os mercados agrícolas e gandeiros de Silleda. Aproveitemos as nosasComo di o lema popular: «Silleda quere», vaia se quere pero un cambio de verdade. O cambio pasa polos que apostamos por este Concello e polas súas xentes, non polos que durante anos e anos nos levaron ao abismo no que estamos. Só agardo que a cidadanía de Silleda o 22 de maio non tropece unha vez máis coa mesma pedra. Merece un futuro mellor. potencialidades ambientais e paisaxísticas para potenciar o turismo. Vamos, todo o que ata agora non se fixo.
Xerardo Díaz.
Vice-responsábel do BNG de Silleda

domingo, 13 de março de 2011

Concello anticrise


Quero compartir convosco unha idea que nos anda a moitos de esquerdas a fedellar na cabeza porque non comungamos con máis do mesmo, cun sistema que aperta e abafa até afogar. Para min, para as persoas da esquerda real, a saída, ou cando menos o asentamento dunhas bases para ir saíndo da crise, pasan por construír outro modelo de sociedade diferente que se basee na xente, na economía real, na do día a día, na aposta pola economía produtiva, que defenda e desenvolva traballos dignos, estábeis, a que está cos comerciantes, co pequeno empresario, cos autónomos, auténticos motores do auto-emprego. Renegamos desa figura mítica, referente social en moitos casos, dos magnates que lles marcan as condicións aos gobernos, deses que se din empresarios e a súa única empresa é amasar diñeiro para acabar cos demais. Apostamos pola corresponsabilidade, pola alianza entre as clases populares e os sectores produtivos.

Dicimos isto nun Concello (como no meu caso é o de Silleda) e nunha comarca onde o salario medio está pouco por enriba dos 800 euros mensuais, onde comprobamos que o desmantelamento do sector primario (o lácteo, a agricultura) foi practicamente un feito, onde o futuro do comercio se complica. Isto é produto das máis duras condicións impostas polos grandes centros de negocios que promocionan a economía especulativa, a que non é real e se impón á produtiva, a que representamos a maioría. Esa economía especulativa foise interiorizando á forza, forzada e promocionada polo capital financeiro, a grande farsa de facer castelos no aire que significa “ese diñeiro inventado que é o da banca”. Ese que anda no aire e só se ve cando non se precisa, porque logo cando realmente fai falla, todo son pegas para conseguilo.

Mais hai persoas que estamos aquí para dicirvos que ten que haber unha alternativa. Unha alternativa que, por exemplo en Silleda, protexa os nosos autónomos, traballadores e traballadoras desenvolvendo un Plan Xeral de Ordenación Municipal, que permita novos asentamentos en áreas empresariais, que permita que a nosa cidadanía poida fixar a habitabilidade na súa terra rural, sen a necesidade de ter que mercar vivenda nas Vilas forzosamente a prezos máis caros. Unha alternativa que a nivel municipal pase porque o Concello sexa un dinamizador autenticamente prestador de servizos, de asesoramento e formación profesional e empresarial.

Como vedes, tamén no Trasdeza se pode intervir para tentar atallar a crise. Unha crise económica que, se ben é universal, tamén se fomenta desde a realidade social máis próxima, pois todo o mundo é consciente dos momentos que estamos a vivir. Non existe unha receita máxica, mais esta pasa por cambiar os hábitos de consumo, por apostar polo noso, por cambiar o capitalismo polo nacionalismo, por un cambio real dos gobernos que nos fornezan de políticas que favorezan a nosa economía produtiva. Repito: a dos traballadores, a dos gandeiros, a dos autónomos e comerciantes, e non a dos puramente especuladores co capital.

Matías R. da Torre

Concelleiro do BNG en Silleda