sexta-feira, 21 de maio de 2010

Mellor deixar as cousas como están


Este artigo pretende ser simultaneamente un acordante e unha reflexión sobre os riscos graves que poden ter as aspiracións de truncar a realidade histórica e social dun pobo, neste caso tamén da comunidade educativa, cando se xoga co elemento básico de comunicación do ser humano, que é a lingua.
Todas e todos temos ouvido falar algunha vez que o monolingüe galego-portugués foi un idioma de esplendor medieval, lingua da administración e da cultura, a través das marabillosas Cantigas dos nosos trobadores. Tamén temos ouvido falar de Frei Martín Sarmiento, aquel frade da ilustración galega que pedía aulas na nosa lingua materna. Asemade temos ouvido falar da renacenza política e literaria, de Rosalía, a poeta e ensaísta, de Curros, poeta do pobo, e Pondal, bardo celta. Xa no século XX escoitamos con grande frecuencia nomear a Castelao, o Partido Galeguista, o Estatuto de Autonomía do 36 (primeira tentativa por oficializar a nosa lingua). Logo todo estourou. O Golpe de estado de Franco, até a chegada da denominada Transición e o Estado das Autonomías.
Todas e todos temos sentido que o galego en seis séculos, os que van do XIV ao XX pasou de ser unha lingua cobizada polos máis prezados autores, a se converter en mal vista, acomplexada, autoodiada, proscrita, prohibida. Até recuperar un cativo, feble, mais eficaz consenso a partir das primeiras leis que comezaron a protexelo.
Sobre todo, de especial relevo son tres delas: A Constitución Española de 1978, O Estatuto de Autonomía de 1981 e a Lei de Normalización Lingüística de 1983. As cales veñen respectivamente e a grandes liñas a proclamar a nosa lingua como cooficial, propia e obxecto de especial coidado e promoción. Máis adiante virían outras normativas que concretarían esta protección e desenvolvemento nos seus ámbitos de uso, por exemplo, o ensino: o unánime Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e o Decreto 124/2007 sobre o uso e promoción do galego no sistema educativo.
Todas e todos imaxinabamos que a lingua galega, ese elo distintivo da nosa identidade na Terra e no mundo fóra, sempre estaría entre nós, nas nosas vidas, sendo a lingua que unicamente parolaba a avoa, a que lle escoitamos aos nosos pais falar na casa, a que nos explican na escola e algúns compañeiros se botan a falala, a que nos gustaría que lle aprendesen aos nosos fillos, porque forma parte da nosa esencia, da dos nenos da Coruña, os ghichos de Vigo, os copadores ás aulas de Pontevedra e Ourense, os do monte, que por certo, grazas a boureala, a preservaron por sempre, intra e extra muros.
No entanto, en 2009 houbo alteracións con esta entente cordial acadada, pois desde o Goberno da Xunta de Galiza tomouse a lingua como cabalo de batalla entre galegos, como chivo espiatorio dos problemas da necidade supina que supón pensar, que pensar nunha, dúas ou varias linguas merman a capacidade racional humana, que falar na lingua do país perante outros que falan outra lingua do país, é cando menos, de maleducados, que non ter o castelán como primeira lingua nas preferencias de comunicación é un síntoma claro de incultura. Mais os galegos sabemos que o noso é terreo cultivábel, rico, bo anfitrión e mesmo respectuoso cos inquilinos. Levámolo demostrando, primeiro con padecemento desde hai seis séculos, agora xa con visión parceira da que incluso nos podemos aproveitar para ir polo mundo con coñecemento de causa.
Con todo volvemos a 2009, annus horribilis, no que se presentou o borrador de Decreto do Plurilingüismo no ensino, convertido agora en proxecto e proximamente, senón mudan as “ideas”, en Decreto, isto é, determinación escrita emanada do goberno para o seu cumprimento. E esta orde, este mandato gobernativo pode romper consensos de hai trinta anos, de convivencia social e política, pode romper coa realidade coa que convivimos en Galiza no último cuartel do segundo milenio. En definitiva, ao noso xeito de ver as cousas pode complicar o eido educativo e a formación da sociedade futura ao romper a baralla do nada pretencioso Decreto de 2007, que puña a nosa lingua propia en “cando menos no 50% de horas lectivas no ensino”. Vaia ousadía tencionar a normalización para o idioma que leva o nome dun pobo enteiro! (GALEGO). Pola contra, si observamos pretencioso e abusivo acordar outro decreto, que para nós non vai máis que traer, como mínimo, as seguintes consecuencias:
- Continuar coa imposición do castelán sobre o galego, minorizando progresivamente a lingua propia e incrementando exponencialmente o número de analfabetos funcionais en lingua galega, nomeadamente na mocidade urbana.
- Ao querer ter en conta como algo case prescritivo a decisión dos pais na escolla linguística, supón ignorar criterios técnicos e dar pé á libertinaxe nos valores pedagóxicos e educacionais .
- A introdución do inglés non é máis ca unha máscara contemporánea e enganosa para efectivizar o predominio do castelán na escola. É evidente que a apredizaxe de linguas estranxeiras é fundamental, mais non se pode equiparar en dereitos á lingua propia.
Coidamos que poucas veces o refraneiro pode ser tan explícito como nestas dúas sentenzas, modismos reiterados en múltiplas ocasións, os cales e por esta vez, son totalmente realistas se nos referimos ao Decretazo contra o galego: “máis vale bo coñecido que mao por coñecer” e “atrás virá quen bo me fará”. Ás veces, aínda non sendo o óptimo, é mellor deixar as cousas como están.


Matias R. da Torre
Concelleiro de Silleda

quarta-feira, 28 de abril de 2010

LADRAR EN PALLEIRA ALLEA


Cando os ex compañeiros de filas socialistas nos dician que Paula e Cuiña de cara aos medios de comunicación facían ver que o PP era o seu inimigo político pero portas adentro estaban obsesionados co BNG, nunca lle quixen dar crédito. Mais a carta de Cuiña ven a confirmalo. Rezuma odio. Eu pregúntome: Qué mal lle fixemos nós ao PSOE? Que eu saiba, só lle demos o voto para que fosen goberno en Silleda (de non ser así nunca terían cheirado o poder) e estarmos calados durante dous anos para non danar a que se supoñía alternativa silledense. Sr. Cuiña: se en Silleda vai o rio revolto, será responsabilidade do PP e do PSOE porque até onde eu chego o BNG non ten ningún tránsfuga que participase na mocion de censura. Foron do PP e tamén PSOE e era de dominio público a mala sintonía que reinaba no seo da candidatura “socialista” xa antes das eleccións. Aínda así presentáronse ante a cidadanía como alternativa seria, verdade? Pois agora, tócalles apandar coas consecuencias a vostedes, que non a nós. Estea tranquilo, que no cauce do río da clase politica de Silleda non hai nada que pescar porque vai cheo de lodo, só leva merda. A isto contribuiron na cota que queiran repartirse tanto o PP como o PSOE. Agora cada un ocupa o lugar que se forxou durante os dous anos da pre-moción EN NOME DO NOSO POBO UNS VAN DE VÍTIMAS E OUTROS SALVAPATRIAS. Nin vitimas nin salvadores. A propósito, agora que xa pasou un tempo prudencial podían dicir públicamente cales foron os motivos de desencontro para chegaren a unha moción de censura? A ousadía da clase política silledense lévanos a escoitar cousas como as que a continuación relato nas que se describen a si mesmos e deixan entrever o seu talante e o seu talento: Hai dous anos, o agora deostado, pero antes ben amado nas filas socialistas, Gerardo Lázara fixo públicas as conclusións ás chegaran nunha reunión do PSOE local: “os independentes xa os asimilamos, o BNG vai desaparecer porque leva un ano calado, o PSOE vai arrasar”. Despois saíu outro ilustrado político local, Aurelio, dicíndolle ao BNG que para falar dos problemas do centro de saúde da Bandeira antes tiña que pedirlle permiso a el. Agora sae o insigne bandeirense Manuel Cuiña, que aproveitando unha desputa de mozos, ataca ao BNG dicindo que de tanto falar corremos o risco de desaparecer. Agora seica é responsabilidade do BNG que o millón de € de débeda da Semana Verde ficou reducida a uns cantos euros, é que non se cobre máis seica é por culpa do BNG, e que os empresarios non cobren a débeda que os distintos gobernos silledense contraeron con eles tamén é por causa do BNG. Se tanto poder ten un só concelleiro na oposición, convirá conmigo en que vostedes e todos os gobernos que pasaron por Silleda foron uns inútiles. Vostedes sigan ladrando (e non dialogando) ao seu son, que nós seguiremos cabalgando ao noso trote e con respecto.

Óscar Ares Pazos
Responsábel local do BNG de Silleda