sábado, 22 de outubro de 2011

O USO PÚBLICO DO MOSTEIRO DE CARBOEIRO


Teño que saír á palestra para dar luz sobre informacións que poden resultar equívocas ou dar lugar a más interpretacións sobre o uso do Mosteiro de Carboeiro.

Primeiramente direi que desde a Concellaría de Cultura, Educación e Turismo que eu goberno en Silleda, temos moi claro que o uso de Carboeiro debe ser sempre enfocado ao visitante, o estudoso, o turista e a súa xestion sempre debe ter unha titoria pública con base exacta na cultura, a educación e o turismo, e amais, que garanta a participación cidadá. E xa comento que en breve farei presentación dun proxecto que concibe Carboeiro como un monumento integral do románico e a época monacal no noso País.

Hai anos cando se coñecera aquel proxecto de Turismo da Xunta gobernada polo PP de convertelo nunha hospedaria -desbotado simplemente por cuestións da escasa capacidade das dependencias, isto é, que resultaba pouco negocio para privatizar o uso-, eu mesmo e tamén desde o BNG foramos dos primeiros en criticar a exclusivización privada dun ben monumental público, xoia patrimonial do románico galego. Mais non se debe confundir unha hospedaria coa actividade aberta no cenobio.

Desde hai anos teñense celebrado no Mosteiro concertos (eu mesmo organicei conxuntamente con asociacións do Concello e a comarca os Encontros de Musica tradcional que teñen sede alí desde o ano 2001 e son referente na revitalización da nosa cultura de raíz), teatro, conferencias, casamentos civís e relixiosos, misas, xuntanzas...a diferenza entre isto e a hospedaria ou calquera utilización que crebe coa posibilidade da visita do viaxeiro e que posúen un aproveitamento libre e social. A utilización "privada" no Mosteiro sempre foi posíbel, segue a selo e serao, sempre e cando cumpra con varias cuestións: a fundamental, o permiso do órgano municipal competente, a súa función social (esta pode ser turística, cultural, e mesmo reverter economicamente na zona), a sensibilidade patrimonial e a dinamización cultural do evento, e sobre todo, que o uso do mosteiro nunca supoña que no tempo de exclusivice para uns poucos, que era o camiño que levaba a hospedaria, e presisamente non se colleu agora.

Carboeiro ten 1000 anos e deberá acadar como Galiza outras 1000 esplendorosas primaveras máis ao servizo PÚBLICO dos trasdezaos e a humanidade, con racionalidade na sua difusión, e especial atencion, dedicación, cariño e respecto.

Matias R. da Torre

Portavoz do BNG e Concelleiro de Cultura en Silleda

domingo, 18 de setembro de 2011

DOS LOCALISMOS E A INVIDENCIA POLÍTICA I



Vou aproveitar este artigo para puntualizar varias cuestións referentes á resposta dada por varios políticos locais e comarcais no tocante á situación da Semana Verde, o localismo que pregoan algúns e a cegueira na politíca que posúen outros.

1.- Gobernando o PP construíuse o Recinto da Semana Verde - Feira internacional de Galiza, no que se investiron miles de millóns de pesetas para convertelo en internacional, o único internacional, apostar por un escaparate nos anos noventa e para o século XXI de presente e de futuro para os galegos e as galegas. Era esta unha aposta para desonvolver cos tempos un mercado feiral, empresarial, industrial.Que llo pregunte Crespo (ao cal se lle ve a veta localista lanzando o órdago de que quedemos co recinto para Silleda, xa que e o que faria el no caso de Lalín), pois que llo pregunte, repito, ao señor Fraga, ao exconselleiro de industria Juan Fernandez, a pesar das pexas que sempre se puxeron para este recinto en Silleda desde certos políticos lalinenses (entre os que se incluirá o Alcalde de Lalín).

2.- Pouco a pouco o PP, como partido que só atende e fai favores, foi dotando cidades e vilas galegas de chiringuitos para convertelos en novos recintos que acabaron todos competindo entre si. Grande responsabilidade esa de por uns votiños ir desagregando a visión comercial que teñen todas as sociedades modernas. Unha cousa é favorecer un mercado feiral interno e outra distinta é promover recintos que combaten entre si por un mercado semellante. Que llo pregunten a moitos expositores galegos que tiñan que ir paseando polo país de feira en feira para quedar ben con todos, cando o seu mercado era moito mais produtivo fóra de Galiza por se encontrar con auténticas feiras profesionais, onde podían optar a facer negocio e non gastar os cartos por gastalos. Non só chegando cos numerosísimos recintos feirais para diversificar os esforzos, mandaron construír a cidade da cultura, altamente produtiva para as arcas da Xunta e o peto dos galegos e as galegas. Iso é xestión, alta xestión!

3. O PP permitiu todos os dispendios habidos e por haber sen poñer couto á anterior xestión da Semana Verde, aínda que ai tamén se viu moi acompañado por Méndez Romeu prececesor de Rueda no cargo de Presidente do Padroado da Semana Verde e campión das irrresponsabilidades, con promesa sobre promesa nunca concretadas. Entre o PP e o PSOE acabaron coa Semana Verde, porque nunca tiveron visión de Pais para ela. Nunca. E seguen sen tela.

4. Do BNG direi que é ben coñecido por todos aqueles que non teñan cortedade ou cegueira na visión, que nunca ocupou a Presidencia do Padroado da Fundación, mais sendo socio do goberno da Xunta co PSOE traballou a reo por ela, ou quen salvou a última edición da Semana Verde do goberno bipartito? So hai que mirar para a especial preocupación que poñen agora as consellarías de Industria e Medio Rural pola Semana Verde, pois iso e nada é o mesmo. Pola contra, quen leva a voz cantante segue a ser o Conselleiro da Presidencia, que non ten relación con sector. E de aí un dos grandes problemas da Semana Verde. Quen a rexe e tutotiza non ten responsabilidade directa co sector.

5. Podería falar moito e longo da Semana Verde, da súa historia e do seu presente, e non só como silledense e persoa que medrou con ela e a súa evolución, como cidadán que contempla a involución á que a conduciron, senón que como galego que cre que a Xunta de Galiza non pode tomar decisións de presunto aforro que só benefiecien ao final aos grandes grupos empresariais e faga que esmoreza todo o que non significa encher os petos de uns cantos, no prexuízo das grandes maiorias. Que algo polo que se apostou inicialmente non tivese a xestión política e profesional adecuada, non significa que a teñamos que afogar. E este á o caso da Fundación Semana Verde, a cal xestiona o maior recinto de Galiza, ao que lle teremos que dar contidos e non só pensar non que produce e deixa de producir para o peto da adminitración autonómica.

6. A Paula direille como lle dixen na Xunta de Goberno (a cal non está para render contas das posicións políticas de cada grupo, e si da xestion que se fai no Concello e só no Concello), que o Concello ten que tomar cartas neste asunto e vainas tomar queira ou non, e que eu son o portavoz municipal do BNG, non o secretario do PSOE en Silleda, e que o pacto de goberno non se pon en causa por tratar temas que afecten globalmente a Silleda (por certo, ben puido ter consultado os portavoces dos grupos municipais antes de ir á xuntanza do Padroado a tratar o tema que icluirá finalmente a proposta de inicio do ERE). Aínda que o Concello non teña o poder para decidir, si o ten para influir. Que non todos pensamos igual e temos liberdade para expresalo cando e onde queiramos, que iso e a democracia. E por iso a miña responsabilidade e a do BNG con Silleda e con Galiza. Nós non miramos só para o noso embigo. Finalmente, sobre a construción do edificio ese en Lalín, que lle pregute a Maril e a Crespo. Eles saben máis ca nós.

7.- Á asociacion feiral e tamén a representante dos silledenses no Padroado (a Alcaldesa), só lles repito de novo que o seu voto que non foi o axeitado. Non tiñan nin a informacion nin as garantías suficientes de que se cumpriran todos os tempos e explicacións precisas para iniciar este proceso proposto para os despedimentos como para dar o si no padroado.

7.- Por último, mais non menos importante, a Pin advírtolle que se deixe de esbardallar e se poña a traballar dunha vez como líder que é da oposición, e isto non o conclúo eu, é cousa dos seus votantes que xa temen como van ter que cabiar outra vez de cabeza, porque este non se lles move, e cando o fai é para non dicir nada relevante. Mais que faga as súas declaracións sobre a situación da Semana Verde, da que aínda non dixo nada de nada.

Eu son trasdezao e galego, preocupame a miña terra, o meu país, as súas xentes e o seu traballo. Penso no porvir de Galiza e non miro para outros intereses que non sexan os do noso benestar, o colectivo, e dentro disto entra a Fundación Semana Verde. Os que me criticaron e que tanto saber ao parcer dela , trátena co respecto e a preocupacion que non tiveron ate agora.. E logo sigan pregoando polas cactro esquinas o neolibralismo e as súas verdades e bondades absolutas, pois xa vemos o resultado do mesmo. E iso non é demagoxia, é unha realidade.


Matías Rodriguez da Torre.

Concelleiro de Silleda