domingo, 19 de setembro de 2010

28 anos facendo País

Cúmprense estes días 28 anos da histórica asemblea celebrada no Frontón de Riazor ( A Coruña) onde boa parte do nacionalismo galego formalizou a creación do que hoxe coñecemos como BNG. Nun esforzo colectivo de responsabilidade política nacía a organización que estaba chamada a recoller e continuar a labor de emancipación da sociedade galega, a loitar e facer valer os intereses dun pobo moitas veces esquecido e maltratado pola historia e polas dinámicas caciquís aínda hoxe existentes.

Ao longos dos primeiros anos continuou este proceso de concentración das forzas políticas do espectro galeguista no seo do Bloque, o que , ao abeiro dun activismo político contaxioso, supuxo un significativo aumento en apoio social. As claves do éxito foron a loita polos valores propios da esquerda e o exercicio inquebrantable de compromiso nacionalista co país.

Así, foi o BNG quen ergueu a voz perante a situación do sector agro-gandeiro e pesqueiro, enormemente perxudicados polas políticas europeas de cotas e restricións; perante o maltrato ao sector industrial; fronte á política de negación da nosa identidade cultural como colectivo, exemplificada nos ataques á lingua galega; diante dos ataques aos nosos ecosistemas naturais. O nacionalismo galego estivo sempre á vangarda na loita pola igualdade das mulleres; sempre loitando a prol dos dereitos dos traballadores e dos sectores sociais nunca antes escoitados.

Temas que, lamentablemente, seguen a estar de actualidade hoxe en día. A lousa do “fraguismo” e das máis de dúas décadas de gobernos de conservadores, fixeron e fan mella nunha sociedade galega que segue a padecer moitos dos problemas de entón. Así, as políticas de Feijoo, de ataque á lingua, de recorte en investimento educativo, de privatización da sanidade, de abandono do sectores produtivos primarios e de recuperación de vellas prácticas caciquís e antidemocráticas non parecen ser o mellor camiño para superar as eivas deste país.

E diante desta situación, 28 anos despois, o BNG segue sendo esa forza útil. Unha ferramenta válida para mellorar a nosa sociedade, para dar voz e solucionar os problemas da xente. Para trasladar as demandas e propoñer solucións dende o compromiso cos intereses galegos. Así o demostran a diario deputados, concelleiros e toda a militancia que compón o Bloque, forza sen a que non se podería entender o panorama político galego, especialmente nos Concellos, onde se fan máis próximas as políticas de país, pero tamén na Xunta e no propio Estado.

Sabedores das nosas eivas e sen esquecer de onde vimos, os nacionalistas miramos ao futuro e seguiremos traballando outros tantos anos por unha sociedade máis xusta, na que por fin os galegos sexamos donos dos nosos destinos. Seguiremos cumprindo os nosos compromisos. No noso 28 aniversario, a loita continúa.

Xerardo Díaz Casal

Militante de Galiza Nova Trasdeza

sexta-feira, 20 de agosto de 2010

Orde e Progreso


Nos últimos tempos houbo xente que tivo a reacción de cuestionar e recriminar algunha das posición públicas do BNG de Silleda a respecto do flagrante incumprimento por parte dalgunhas persoas ou do propio Concello das ordenanzas municipais ou a normativa básica ou leis superiores de ordenación urbanística. Os trasdezaos e trasdezás debemos ser definitivamente conscientes de que o noso urbanismo nun sentido amplo ten sido un escándalo de grande embergadura desde hai moitos anos, proba de todas as falcatruadas que se teñen cometido en nome do progreso ou do descarado beneficio individual son, por exemplo, as fantasmagóricas, enganosas e discriminatorias alturas permitidas ano tras ano para a promoción dunha habitabilidade irregular nos edificios de Silleda e A Bandeira; a desaparición das frondosas carballeiras que existían nas prazas da feira das nosas vilas; a escura falta de espazos verdes ou o mínimo sentido estético; as despropositadas eivas nas exixencias por parte do Concello na limpeza de terreos urbanos, vivendas, rúas, ou, como non, o patético incumprimento da normativa básica de accesibilidade para as persoas discapacitadas ou con mobilidade reducida, atrancos que seguen a ser obvios, e etc, etc, etc. A todo isto podemos engadir o clamoroso favoritismo que se ten dado cara algúns na concesión de licenzas ilegais decididas e asinadas polos gobernantes municipais, algunhas con sentenzas xudiciais en contra, que non farán máis que carrexar aínda máis gasto ás arcas públicas, ao diñeiro de todos, co que se xogou e se segue a xogar, ben por clientelismo ou manifesta inoperancia municipal. Todo isto demostra, pois, dúas necesidades fundamentais para levar a cabo xa no noso Concello: 1º O escrupuloso cumprimemento das normas das que nos temos dotado. 2º A aprobación inmediata dun PXOM que nos serva para poder progresar e ordenar dun xeito legal, xusto e equitativo para todos os cidadáns por igual. Un PXOM que se cumpra e do que nos beneficiemos tanto particulares, como emprendedores e, por suposto tamén, a empresa colectiva que supón a construción do noso Concello, logo da desfeita que até o momento se deixou facer no urbanismo e na xestión económica. É a hora de concienciármonos todos e todas, individual e colectivamente, que temos que ser iguais ante a lei, e esta non pode ser a da selva na que se fai e de desfai ao antollo dalgúns para lavarlles despois a cara. (Semella) que xa chegou o momento e este é o de cumprir co pobo, para que, porén, o pobo tamén cumpra. Esta é a liña a seguir polo BNG, a da reivindicación, defensa e posta en valor dun urbanismo ben entendido, solidario e normativizado, que nos dea deberes de verdade, co cumprimento dunhas normas, as únicas, que en todo o caso, permitan que todos sexamos iguais ante a lei (a de Silleda e non a da selva) para a acadar a orde e o progreso.

Matías R. Da Torre Concelleiro do BNG