sexta-feira, 22 de maio de 2015


RESUMO DO PROGRAMA DE GOBERNO 2015/2019
BNG ASEMBLEAS ABERTAS DE SILLEDA

Resultado de imaxes para depende de nos

I.- UN CONCELLO ABERTO, TRANSPARENTE, ÉTICO E DEMOCRÁTICO
FINANCIAMENTO LOCAL
- Xestión pública dos servizos municipais. Non máis privatizacións.
- Oficina de recadación propia.
- Reducións nos impostos das propiedades con protección patrimonial.
 A PLANIFICACIÓN URBANÍSTICA
-Aprobación do Plan Xeral de Ordenación Urbanística (PXOM) dotando a Silleda de solo industrial e posibilidade de construción de vivendas nos núcleos rurais.
-Plan urbano de Rexeneración Integral e incremento das zonas verdes e espazos públicos:
. En Silleda: Casas Baratas, rúa Morón-Camiño do Castro, República Arxentina-praza do Emigrante-camiño do Foxo e os lugares de O Foxo, Toiriz, Toxa e Mourelos.
Apertura das prazas da Feira Vella; praza entre rúa Emilio Alonso Paz e Rúa Trasdeza. Humanización e zonas de aparcadoiro público. Ampliación espazo público Carballeira das Pedrosas.
. Na Bandeira: rúa da Empanada, calellos e renques e rúa do Parque, así como os lugares adxacentes ao núcleo urbano. Aperturas no entorno da Praza da Feira cara as ruínas do mercado. Humanización do entorno e aparcamentos públicos.
INFRAESTRUTURAS E TRANSPORTE
- Mellora acceso autoestrada AP-53 en Lamela e melloras na N-525: construción do 3º carril.
-Beirarrúas en Taboada e no treito Igrexa de Manduas con senda peonil até Pazos e senda de Silleda ata O Castro.
- Mellora das infraestruturas do rural: estradas Silleda-O Castro; Silleda-Laro, Silleda-Ponte e estrada Piñeiro-Cira. Mellora da sinaléctica dos lugares e parroquias.
- Cambio de situación da parada do bus de Silleda ao Barrio do Campo para acadar máis espazo e mellor identificación, luminosidade para a da Bandeira.
- Impulsarase e aplicarase o aforro enerxético, non o apagado, na iluminación pública.

II.- UN CONCELLO PARA VIVIR E TRABALLAR DIGNAMENTE
DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE ECONÓMICA E O EMPREGO
- Concellaría de Desenvolvemento Económico como un verdadeiro axente de emprego con listas e bolsa municipal de emprego con igualdade de oportunidades para fomentar e facilitar o acceso ao emprego aos demandantes e empresari@s.
- Nave modular municipal gratuíta en Área 33 destinada a autónomos e microcréditos a emprendedores novos ao abrir a súa empresa. Intercambios iniciativas empresariais (I+I+E).
- Escola obradoiro de cultivos da horta e transformación, conservación e comercialización e posta en marcha unha cooperativa social de abastecemento. Marca de Calidade Trasdeza.
- Apertura de hortas e leiras para labrar e traballar a cidadanía nestes momentos de crise.
- Apoio a accións en materia de formación: cursos de formación ocupacional, escolas-taller, obradoiros de emprego, ...
DESENVOLVEMENTO RURAL
- Dotación de servizos ao rural, mediante a elaboración de un Plan de Lexislatura a catro anos para arranxar as pistas, abastecemento de auga e saneamento (sumidoiros-alcantarillado).
-Plans anuais de limpeza das  pistas e dos camiños do rural.
-Delimitación no PXOM dos núcleos de poboación e as áreas de expansión que posibiliten a construción no rural.
- Continuación das concentracións parcelarias en Parada, Oleiros e Graba.
-Impulso á creación de Unidades de Xestión Forestal para valorizar o monte.
- Limpeza das franxas dos núcleos rurais e camiños forestais e instalación de puntos de auga para loitar contra os lumes forestais.
- Impulso ás novas tecnoloxías e acceso á Internet.
TURISMO
- Escola obradoiro para traballar na posta en valor do noso patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural.
- Abertura da Axencia local de turismo para a xestión dos nosos recursos. Edición de Guías e planos de promoción turística sinalizando a hostelaría (onde comer, onde durmir) e dos lugares de interese a visitar. Punto de información turística no quiosco da Avenida do Parque.
- Xestión municipal do Cámping de Medelo como lugar de intercambio xuvenil e sociocultural
- Axeitamento de praias e espazos fluviais en Taboada, na Carixa, compartida con Vila de Cruces, nas tostas dos ríos. Recuperación de muíños e pontes dos ríos Deza, Toxa, Gouxa ou Cervañiña.
- Creación de diversos roteiros de sendeirismo e BTT: dos castros, do románico, das rutas fluviais, de montaña. (Mellora accesos e circuíto turístico Carboeiro-Fervenza do Toxa; Roteiro das fervenzas do Concello, área dos Muíños de Ponte…)
- Apoio e dinamización das festas do concello de interese turístico.
- Potenciación dos produtos da horta, o pan, etc. amparados pola Marca de Calidade Trasdeza e creación do Consello Municipal de Turismo con participación da hostalaría local.
COMERCIO
- Recuperación da feira tradicional da vila de Silleda e dinamización da feira da Bandeira.
-Apoio ás iniciativas de ECOS, a asociación de comercio.
BENESTAR SOCIAL E IGUALDADE
- Desenvolver un Programa de Voluntariado Social. Unidades de Traballo e Educación Social
- Construción e apertura do Centro de Día- Residencial para @s maiores dependentes.
-  Mellora na xestión municipal do Servizo de canguraxe nos CEIPs de Silleda e A Bandeira.
- Remunicipalizar o Servizo de Axuda no Fogar e fomento da teleasistencia domiciliaria. Dinamización dos servizos de farmacia a domicilio e xantar na casa.
- Atención directa á drogodependencia.
- Eliminación de barreiras arquitectónicas e mellora da accesibilidade.  
-Impulso aos Plans de Igualdade e de corresponsabilidade.Reforzar as accións do Centro de Información á Muller. Prevención e no tratamento da violencia de xénero.
SANIDADE
- Cobertura das baixas e vacacións dos profesionais. Dotación de medios para atender en función da dispersión da poboación.
-Dotación de medios o Centro de Saúde da Bandeira e se optimice o de Silleda con servizo de radioloxía e ambulancia medicalizada.
A VIVENDA COMO BEN SOCIAL
- Rehabilitación de vivendas e a mediación no prezo das xa construídas e baleiras a través dun banco de vivendas no rural para evitar o despoboamento e nas vilas garantir vivendas dignas a prezos razoábeis.
- Vivendas sociais nas Estacións de Taboada, Abades e Ocastro.
O DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL
AUGA
Elaboración dun Plan Municipal da Auga con:
- Análise con indicadores medioambientais da salubridade da auga en todas as fontes públicas e informe á poboación da situación sanitaria da auga.
- Xestión pública municipal do abastecemento, saneamento e depuración da auga.
RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS (Xestión do lixo)
Municipalizar o servizo de recollida do lixo, garantindo a recollida selectiva de envases, papel e vidro tamén no rural. Potenciación dunha planta comarcal de compostaxe para sensibilizar e colaborar definitivamente na redución, reutilización e reciclaxe.
- Medidas de control e disciplina para evitar vertedoiros incontrolados.
ESPAZOS NATURAIS
- As zonas de alto valor natural (sistema fluvial do Deza e Toxa, Fervenza d Férveda, Fervenza do Toxa, Cascaxide, Carboeiro, Brañas de Xestoso ou a Serra do Candán) serán obxecto de proxectos de inventariado, protección, de recuperación. Plan de protección do patrimonio medioambiental Rede Natura 2000.
CULTURA E PATRIMONIO
-Actividades culturais de calidade nas 33 parroquias.
- Música e danza: Impulsaranse desde o Concello os grupos de ensino artístico. Promoción dos grupos locais a través dun Circuíto Municipal da Cultura. Asentamento definitivo na Semana Verde da Escola municipal de música de Silleda.
-Consolidación da biblioteca da Bandeira no Centro Cultural Vista Alegre.
- Musealización e divulgación patrimonial e cultural do entorno do Mosteiro de Carboeiro.
- Rutas históricas coma a do Románico, a dos Pazos e outras épocas.
- Apertura dun museo agro-etnográfico e casa dos oficios tradicionais na Sindical.
- -Impulso ao teatro e posta en valor de castros, mámoas, petróglifos, alvarizas ou espazos singulares. (Roteiro arqueolóxico de Oleiros-Cortegada-Laro)…
- Rehabilitación da Torre de Cira.
- Creación da Hemeroteca e Arquivo municipal. Unha mediateca e cineclube municipais.
- Recoñecemento e investigación das vítimas da represión e divulgación dos autores locais.
EDUCACIÓN E NORMALIZACIÓN DA LINGUA
- Educación para adultos, alfabetización e formación básica e integración lingüística, cultural e educativa dos inmigrantes.
 - Programa de bolsas para os estudantes procedentes de familias de rendas máis baixas para material e transporte.
- Incrementarase o orzamento dos centros da Escola de Música.
- Utilización dos centros públicos fóra do horario lectivo. Cooperación cos centros de ensino no estudo e divulgación de unidades didácticas sobre o municipio e dos traballos dos centros.
 - Servizo de normalización lingüística e plan e ordenanza de normalización e dinamización.
O DEPORTE PARA O DESENVOLVEMENTO PERSOAL
- Fomentaranse as Escolas Deportivas municipais. Incentivarase o deporte feminino.
- Dotación e melloras nas infraestruturas deportivas (A Gandareira, O Outeiriño…)
- Reorganización do Consello Municipal de Deporte para a promoción dos eventos.
- Fundación para o deporte e convenio co Recinto da Semana Verde para convertelo tamén nun centro polideportivo  con atletismo, ciclismo e deportes alternativos.
- Dotación de espazos e material deportivos nas prazas e parques.
A MOCIDADE NO CENTRO DAS POLÍTICAS MUNICIPAIS
- Plan de emprego para a mocidade. Promoción do autoemprego, cooperativismo, bolsas cons institucións, empresa-universidade, etc. para ter a xente moza mellor saída laboral.
- Concesión de minicréditos para os novos emprendedores.
- Instituto Trasdezao da Mocidade para o lecer, con espazo para xogos, concertos, etc.
-Local para o ensaio para grupos na Casa da Música.
- Expedición do Cartón Municipal da Xuventude para descontos, conveniado co comercio local.

III. CONCELLO PÚBLICO E AO SERVIZO DO POBO
- Participación veciñal na elaboración dos orzamentos municipais. Consellos de participación cidadá a nivel sectorial e territorial. Elección democrática dos representantes.
- Radio e TV municipais e boletín informativo para asociacións e sensibilidades varias.
-Mellorar a Oficina virtual para facilitar realizar xestións as 24 horas durante os 7 días.
- Flexibilidade no horario do Concello coa abertura pola tarde un día pola semana.


terça-feira, 21 de abril de 2015


CANDIDATURA BNG ASEMBLEAS ABERTAS SILLEDA 2015 
1.       MATÍAS RODRÍGUEZ DA TORRE. (41 anos. Silleda. Lcdo. Filoloxía galego-portuguesa. Profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario. Portavoz municipal desde 2009. Candidato á Alcaldía)
2.       ANA ROSA CORNADO MOLINA “Tania” (Pazos. Diplomada en graduado social. Responsábel local do BNG)
3.       MIGUEL LÓPEZ SANMARTÍN (Independente. Silleda. Grao en relación laborais. Técnico de prevención)
4.       CARME FIDALGO COLMEIRO (Saídres. Diplomada en maxisterio. Concelleira do BNG 1995-2009)
5.       XOÁN CARLOS FERNÁNDEZ ANDÓN “Mudi” (A Bandeira. Diplomado en graduado social. Xestor de emerxencias)
6.       ALMUDENA SERANTES PUENTE (Independente. Silleda. Administrativa comercial)
7.       DIEGO FRADE AMIL (Independente. Ponte. Estudante de matemáticas na USC)
8.       SUSANA CONDE COSTA (Breixa. Queixeira)
9.       MARIO BREA ESPIÑO (Lamela. Traballador de mantemento. Militante de Galiza Nova Trasdeza)
10.   XOÁN XOSÉ SÁNCHEZ VARELA (Silleda. Comerciante)
11.   MARISA GARRIDO LÓPEZ (Margaride. Camareira)
12.   XERARDO DÍAZ CASAL (Independente. Dornelas. Lcdo. administración e xestión de empresas. Asesor Fiscal)
13.   ANA LÓPEZ PENA (Independente. Chapa. Polbeira. Nai loitadora contra a droga)
SUPLENTES:
1.       MATEO VARELA CORNADO (Pazos. Xeógrafo. Militante de Galiza Nova Trasdeza)
2.       ÓSCAR  ARES PAZOS (Silleda. Deliñante industrial)
3.       ARGIMIRA SÁNCHEZ BALADO “Cachita” (Silleda. Pensionista)



O BNG ASEMBLEAS ABERTAS PRESÉNTASE EN SILLEDA PARA ACABAR CO CACIQUISMO COMO XEITO DE FACER POLÍTICA
Os nacionalistas consideran que PsoE e Pp son dúas caras da mesma moeda, con intereses persoais contrarios á maioría social
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO ASEMBLEAS ABERTAS fixo pública a súa candidatura ás eleccións municipais ao Concello de Silleda co obxectivo  de acabar coas políticas baseadas no caciquismo e os favores, mais de costas á xente, levadas a cabo en gobernos pasados e presentes tanto polo PP como polo PSOE.
O Bloque pretende devolverlle o Concello á xente, que esta sexa dona del e non dependa dos caprichos do alcalde de turno para levar a cabo o que lle peta. Para o BNG as persoas deben ser as protagonistas da política municipal e deden ter, polo tanto, capacidade para dicidir e mesmo xestionar os intereses públicos, e non ser considerados como meras masas de votantes para opinar cada catro anos nada máis.
Para o BNG Asembleas Abertas faise fundamental no Trasdeza recuperar os servizos públicos recortados ou perdidos coas políticas de dereitas de todos estes anos pasados, apostar pola economía podutiva e polo Concello cono axente de emprego e políticas laborais e sociais, que conduzan, por exemplo, ao apoio á mocidade e empresari@s autónom@s para traballar e vivir en Silleda, ou iniciativas orixinais e alternativas que transformen o Concello a partir da xestión política a nivel cultural, turístico ou ambiental.
O Bloque tamén considera fundamental unha boa previsión para a atención ao noso medio rural, a aprobación, ordenación e posibilidade de construción a través do PXOM, a construción do Centro de Día-Residencial, ou o establecemento de políticas para as urxencias sociais económicas ou de vivenda deste tempos.
Para todo isto, o Bloque AA pon ao dispor dos silledenses unha candidatura renovada ao 60% con respecto a hai catro anos e coa entrada de xente con carácter totalmente independente froito do proceso do contacto directo e plural aberto coa cidadanía na acción denominada Asembleas Abertas, a cal finalmente, se reflicte de xeito moi relevante na listaxe electoral.

Por todo iso, o BNG AA pretende ser o depositario da confianza dos trasdezaos e trasdezás para non perpetuar  maiorías  que van directamente en contra dos dereitos democráticos das persoas ao caer na tentación omnipotente de alcaldes ditadores, e por isto, se erixe  na voz e na  representación da alternativa e a pluralidade no Concello de Silleda, facendo á vez un chamamento a aquelas persoas que se sintan nacionalistas, galeguistas e de esquerdas, pois a candidatura do BNG AA diferénciase nomeadamente  das outras por non atender os intereses persoais, e si  os  comúns e xerais d@s silledenses.

sábado, 11 de abril de 2015

LOUZÁN PPLOTEIRO

Dous dos núcleos de poder que máis corrupción teñen orixinado nos últimos anos son a política e o fútbol. Tod@s coñecemos –ou cando menos sospeitamos de polític@s corrupt@s- e tod@s tamén batallamos que no mundo do deporte rei se dá a corrupción en moitos dos estamentos profisionais. E seguimos sen explicarnos como hai xente que sen vocación ningunha de servizo público –e din eles que tamén sen pretensións económicas- segue a troulear por estar nun sitio e noutro.

Hai días lin e escoitei nos medios que Rafael Louzán, Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, meditaba presentarse á presidencia da Federación Galega de Fútbol (outro niño que non se salvou da corrupción económica). E de seguro que non nos sorprenderá porque a afección a este deporte por parte de Louzán debe ser extraordinaria, pois hai ben anos que enche a provincia de Pontevedra de carísimos campos de herba artificial, fagan ou non fagan falta, sexa o investimento prioritario ou non, para agora tomar unha decisión na que presuntamente os clubes deberán renderlle pleitesía e devolverlle o favor, desta vez con votos que o entronicen no cargo directivo máis relevante do fútbol galego.

E nisto se afanou Louzán desde hai unha tempada, poñendo a traballar a todo  o Partido Popular e toda a Deputación Provincial, coma se as dúas cousas fosen a mesma, á procura de votos entre os clubes (tamén no Deza). Favor por favor piden. El tróuxovos ou tráevos o campo e vós xa sabedes… Todo moi democrático, ou polo menos, máis democrático que a súa elección consecutiva e reiterada como Presidente da Depo, porque para ostentar ese cargo a cidadanía nunca o votou directamente. Acceder a el, se cadra, é un proceso que debe ser semellante ao das eleccións futboleiras que citei: falo con este alcaldiño por aquí, con estoutro por alá, promesa de aquí, campo de fútbol por alá e xa está a presidencia.

Non sei se lle chegou o seu sanmartiño político; se hai medo por algo e procura esa presunta saída honrosa; se botou contas e venta que en 2015 talvez perda o poder da Deputación… O que si teño claro é que ao igual que as Deputacións (a de Pontevedra especialmente) non lle renden contas a ningún organismo público nen á cidadanía -porque a súa escolla é sempre indirecta- e meten os cartos caciquilmente onde lles peta. E agora os elementos do fútbol teñen a oportunidade de ver que é o Partido Popular, ese partido limpo, puro, impoluto e incorruptíbel, quen demanda o voto para que un dos seus xestione os designios do fútbol galego. Son ben ppeloteiros ho, e Louzán o primeiro!

Matias R. da Torre

Concelleiro do BNG en Silleda

sexta-feira, 16 de março de 2012

O razoábel é ser razoábel


Lin con atención o artigo  de Xosé Crespo o Alcalde de Lalín sobre a razoabilidade na fusión de Concellos, postulándose de novo en artífice do Concello de Deza unido.
Á partida xunguir concellos pode parecer unha idea positiva no momento en que se poñan sobre a mesa datos incuestionábeis que o avalen, á parte da aceptación da veciñanza e a perda do localismo acirrado de moitos politiquiños e caciques que aínda andan por aí. Isto pode pintar ben  para concellos que compartan núcleos, que teñan unha proximidade ou afinidade vital, que precisen un do outro por seren interdependentes.
O que acontece é que o que nos propón o señor Crespo, novamente e de forma oportunista polos últimos anuncios a respecto das negociacións de fusión entre diversos concellos galegos, vén a ser a  anexión non sabemos en que pé de igualdade dos 6 termos municipais da comarca dezá. Eu, que non son localista –por ser precisamente o contrario do nacionalismo-, nin presumo de cacique, voulle dar unha visión política e de inviabilidade social, ou mesmo socio-económica.
Temos unha Deputación de Pontevedra que até o de agora nunca se preocupou por atender de xeito conxunto e equitativo a aqueles concellos que o necesitasen máis; temos unha Mancomunidade de Terras de Deza que nunca serviu para nada, só tivo como fin uns bacheos  de pistas e uns desbroces de comareiros que nunca xustifican o que teñen que pór anualmente moitos dos concellos mancomundados, unha Mancomunidade que nunca cumpriu a comarcalización e abaratamento dos 11 servizos básicos que propoñen os seus estatutos fundacionais.
Temos na palestra  un novo desafío para acadar un Concello de Deza que acumularía 1.026, 80 km” (unha das maiores extensións do País) para atender 161 parroquias, 1.063 núcleos de proboación, cunha dispersión brutal, unha cantidade inxente de lugares e un avellentamento da cidadanía moi considerábel. Amais coa responsabilidade de xestionar  7 vilas de referencia.
Coido que o futuro da comarca do Deza pode pasar por abrir o debate, mais nunca por acrecentar  tal cantidade de datos que tan só de por si xa invalidan grande parte da proposta. É ben certo que os concellos minúsculos poden non ter  razón de ser perante unha xestión que se podería dimensionar máis, de aí a importancia que teñen os servizos a nivel comarcal ou de País. No entanto, a futura ordenación do territorio non se debe facer para marcar tendencias ou modas, ou ser o máis listo dos alcaldes, ou os primeiros en que Feijóo nos pendure unha  medalla; senón que pasa por razoar a xenerosidade, o orgullo e a prepotencia.


Matías Rodríguez da Torre. Concelleiro do BNG en  Silleda 

sexta-feira, 28 de outubro de 2011

A oposición do PP en Silleda


Hai partidos,especialmente,coma o Partido Popular en Galicia,que cren que as campañas electorais son coma as do César. Por iso asimilan mal a derrota,a cal vén acompañada normalmente de abandonos e pequenas trifulcas.
Non será o BNG de Silleda quen lle teña que dicir ao señor Pin como ten que facer oposición, e menos neste momento, pero sí recordarlle ao seu partido e aos silledenses,a actitude responsable que veu monstrando o Bloque dende o ano 1995 en que comenzou a formar parte da corporación silledense.
O labor de oposición do BNG,sempre foi responsable,fiel aos seus ideais.Un labor,non sempre fácil,pero sí moi gratificante,de achega aos veciños e aos seus problemas,de aportar e elaborar propostas,para conformar entre todos un concello mellor. Incluso desde a oposición municipal o BNG foi quen de conseguir que en Silleda se ampliase o Polígono ou se costruíse a Galescola. O que demostra que a oposción serve para ser costrutivos, e tamén traballadores, pois as dúas cousas non se contraponen.
Un labor,o do BNG,de equipo,onde todos traballaron e seguen a participar,dende os militantes ata os simpatizantes,respectando os resultados electorais.Un labor,incluso,alabada,por tódolos equipos de goberno.
Por iso,dende o BNG de Silleda,queremos recordarlle aos concelleiros do PP,que este concello está formado por 13 edís,que prometeron ou xuraron ,asumir tódalas obrigas do seu cargo,tanto no goberno coma na oposición,sendo a principal responsabilidade: velar polo ben e mellorar a vida dos e das silledenses.
Tania Cornado Molina
Militante do BNG
Nº 2 da candidatura do BNG ás eleccións municipais de 2011

sábado, 22 de outubro de 2011

O USO PÚBLICO DO MOSTEIRO DE CARBOEIRO


Teño que saír á palestra para dar luz sobre informacións que poden resultar equívocas ou dar lugar a más interpretacións sobre o uso do Mosteiro de Carboeiro.

Primeiramente direi que desde a Concellaría de Cultura, Educación e Turismo que eu goberno en Silleda, temos moi claro que o uso de Carboeiro debe ser sempre enfocado ao visitante, o estudoso, o turista e a súa xestion sempre debe ter unha titoria pública con base exacta na cultura, a educación e o turismo, e amais, que garanta a participación cidadá. E xa comento que en breve farei presentación dun proxecto que concibe Carboeiro como un monumento integral do románico e a época monacal no noso País.

Hai anos cando se coñecera aquel proxecto de Turismo da Xunta gobernada polo PP de convertelo nunha hospedaria -desbotado simplemente por cuestións da escasa capacidade das dependencias, isto é, que resultaba pouco negocio para privatizar o uso-, eu mesmo e tamén desde o BNG foramos dos primeiros en criticar a exclusivización privada dun ben monumental público, xoia patrimonial do románico galego. Mais non se debe confundir unha hospedaria coa actividade aberta no cenobio.

Desde hai anos teñense celebrado no Mosteiro concertos (eu mesmo organicei conxuntamente con asociacións do Concello e a comarca os Encontros de Musica tradcional que teñen sede alí desde o ano 2001 e son referente na revitalización da nosa cultura de raíz), teatro, conferencias, casamentos civís e relixiosos, misas, xuntanzas...a diferenza entre isto e a hospedaria ou calquera utilización que crebe coa posibilidade da visita do viaxeiro e que posúen un aproveitamento libre e social. A utilización "privada" no Mosteiro sempre foi posíbel, segue a selo e serao, sempre e cando cumpra con varias cuestións: a fundamental, o permiso do órgano municipal competente, a súa función social (esta pode ser turística, cultural, e mesmo reverter economicamente na zona), a sensibilidade patrimonial e a dinamización cultural do evento, e sobre todo, que o uso do mosteiro nunca supoña que no tempo de exclusivice para uns poucos, que era o camiño que levaba a hospedaria, e presisamente non se colleu agora.

Carboeiro ten 1000 anos e deberá acadar como Galiza outras 1000 esplendorosas primaveras máis ao servizo PÚBLICO dos trasdezaos e a humanidade, con racionalidade na sua difusión, e especial atencion, dedicación, cariño e respecto.

Matias R. da Torre

Portavoz do BNG e Concelleiro de Cultura en Silleda

domingo, 18 de setembro de 2011

DOS LOCALISMOS E A INVIDENCIA POLÍTICA I



Vou aproveitar este artigo para puntualizar varias cuestións referentes á resposta dada por varios políticos locais e comarcais no tocante á situación da Semana Verde, o localismo que pregoan algúns e a cegueira na politíca que posúen outros.

1.- Gobernando o PP construíuse o Recinto da Semana Verde - Feira internacional de Galiza, no que se investiron miles de millóns de pesetas para convertelo en internacional, o único internacional, apostar por un escaparate nos anos noventa e para o século XXI de presente e de futuro para os galegos e as galegas. Era esta unha aposta para desonvolver cos tempos un mercado feiral, empresarial, industrial.Que llo pregunte Crespo (ao cal se lle ve a veta localista lanzando o órdago de que quedemos co recinto para Silleda, xa que e o que faria el no caso de Lalín), pois que llo pregunte, repito, ao señor Fraga, ao exconselleiro de industria Juan Fernandez, a pesar das pexas que sempre se puxeron para este recinto en Silleda desde certos políticos lalinenses (entre os que se incluirá o Alcalde de Lalín).

2.- Pouco a pouco o PP, como partido que só atende e fai favores, foi dotando cidades e vilas galegas de chiringuitos para convertelos en novos recintos que acabaron todos competindo entre si. Grande responsabilidade esa de por uns votiños ir desagregando a visión comercial que teñen todas as sociedades modernas. Unha cousa é favorecer un mercado feiral interno e outra distinta é promover recintos que combaten entre si por un mercado semellante. Que llo pregunten a moitos expositores galegos que tiñan que ir paseando polo país de feira en feira para quedar ben con todos, cando o seu mercado era moito mais produtivo fóra de Galiza por se encontrar con auténticas feiras profesionais, onde podían optar a facer negocio e non gastar os cartos por gastalos. Non só chegando cos numerosísimos recintos feirais para diversificar os esforzos, mandaron construír a cidade da cultura, altamente produtiva para as arcas da Xunta e o peto dos galegos e as galegas. Iso é xestión, alta xestión!

3. O PP permitiu todos os dispendios habidos e por haber sen poñer couto á anterior xestión da Semana Verde, aínda que ai tamén se viu moi acompañado por Méndez Romeu prececesor de Rueda no cargo de Presidente do Padroado da Semana Verde e campión das irrresponsabilidades, con promesa sobre promesa nunca concretadas. Entre o PP e o PSOE acabaron coa Semana Verde, porque nunca tiveron visión de Pais para ela. Nunca. E seguen sen tela.

4. Do BNG direi que é ben coñecido por todos aqueles que non teñan cortedade ou cegueira na visión, que nunca ocupou a Presidencia do Padroado da Fundación, mais sendo socio do goberno da Xunta co PSOE traballou a reo por ela, ou quen salvou a última edición da Semana Verde do goberno bipartito? So hai que mirar para a especial preocupación que poñen agora as consellarías de Industria e Medio Rural pola Semana Verde, pois iso e nada é o mesmo. Pola contra, quen leva a voz cantante segue a ser o Conselleiro da Presidencia, que non ten relación con sector. E de aí un dos grandes problemas da Semana Verde. Quen a rexe e tutotiza non ten responsabilidade directa co sector.

5. Podería falar moito e longo da Semana Verde, da súa historia e do seu presente, e non só como silledense e persoa que medrou con ela e a súa evolución, como cidadán que contempla a involución á que a conduciron, senón que como galego que cre que a Xunta de Galiza non pode tomar decisións de presunto aforro que só benefiecien ao final aos grandes grupos empresariais e faga que esmoreza todo o que non significa encher os petos de uns cantos, no prexuízo das grandes maiorias. Que algo polo que se apostou inicialmente non tivese a xestión política e profesional adecuada, non significa que a teñamos que afogar. E este á o caso da Fundación Semana Verde, a cal xestiona o maior recinto de Galiza, ao que lle teremos que dar contidos e non só pensar non que produce e deixa de producir para o peto da adminitración autonómica.

6. A Paula direille como lle dixen na Xunta de Goberno (a cal non está para render contas das posicións políticas de cada grupo, e si da xestion que se fai no Concello e só no Concello), que o Concello ten que tomar cartas neste asunto e vainas tomar queira ou non, e que eu son o portavoz municipal do BNG, non o secretario do PSOE en Silleda, e que o pacto de goberno non se pon en causa por tratar temas que afecten globalmente a Silleda (por certo, ben puido ter consultado os portavoces dos grupos municipais antes de ir á xuntanza do Padroado a tratar o tema que icluirá finalmente a proposta de inicio do ERE). Aínda que o Concello non teña o poder para decidir, si o ten para influir. Que non todos pensamos igual e temos liberdade para expresalo cando e onde queiramos, que iso e a democracia. E por iso a miña responsabilidade e a do BNG con Silleda e con Galiza. Nós non miramos só para o noso embigo. Finalmente, sobre a construción do edificio ese en Lalín, que lle pregute a Maril e a Crespo. Eles saben máis ca nós.

7.- Á asociacion feiral e tamén a representante dos silledenses no Padroado (a Alcaldesa), só lles repito de novo que o seu voto que non foi o axeitado. Non tiñan nin a informacion nin as garantías suficientes de que se cumpriran todos os tempos e explicacións precisas para iniciar este proceso proposto para os despedimentos como para dar o si no padroado.

7.- Por último, mais non menos importante, a Pin advírtolle que se deixe de esbardallar e se poña a traballar dunha vez como líder que é da oposición, e isto non o conclúo eu, é cousa dos seus votantes que xa temen como van ter que cabiar outra vez de cabeza, porque este non se lles move, e cando o fai é para non dicir nada relevante. Mais que faga as súas declaracións sobre a situación da Semana Verde, da que aínda non dixo nada de nada.

Eu son trasdezao e galego, preocupame a miña terra, o meu país, as súas xentes e o seu traballo. Penso no porvir de Galiza e non miro para outros intereses que non sexan os do noso benestar, o colectivo, e dentro disto entra a Fundación Semana Verde. Os que me criticaron e que tanto saber ao parcer dela , trátena co respecto e a preocupacion que non tiveron ate agora.. E logo sigan pregoando polas cactro esquinas o neolibralismo e as súas verdades e bondades absolutas, pois xa vemos o resultado do mesmo. E iso non é demagoxia, é unha realidade.


Matías Rodriguez da Torre.

Concelleiro de Silleda

segunda-feira, 2 de maio de 2011

sexta-feira, 29 de abril de 2011

Hai memoria


Dise que o ser humano é o único animal capaz de tropezar dúas veces ca mesma pedra. A vida cotiá está chea de exemplos que así o demostran. Moitas veces isto ocórrenos por non recordar ou esquecer intencionadamente aquelas situacións xa vividas e das cales poderiamos aprender. Por iso é importante de cando en cando por ao día a nosa memoria colectiva como sociedade. O pasado 16 de abril os xornais daban conta do acto de presentación da candidatura popular en Silleda; e algún deles citaba declaracións do candidato a alcaldía que diante do auditorio afirmaba sen ningún pudor que votar á esquerda era un suicidio económico. Cada un é libre de afirmar o que queira, vaia por diante o meu respecto polo conxunto de ideoloxías existentes en Silleda; mais non deixa de ser curioso, e mesmo cómico, que os responsables do partido político que durante anos endebedaron este Concello sexan os que nos veñan dar leccións de despilfarro. Non se trata de cousa duns poucos cartos, falamos de millóns de euros que se gastaron sen estar orzamentados, facturas que aparecen nos caixóns do Concello asinadas por alcaldes populares e das que agora todos os veciños nos temos que facer cargo. Gastos a nome do Concello que aínda non foron xustificados. Débedas interminables que hipotecan o noso futuro e polas cales aínda vemos a comerciantes de Silleda achegarse periodicamente ante o Concello para reclamar o seu pago. Esa é a crúa realidade da que son responsables e polas que deben pedir explicacións a algúns dos seus compañeiros de lista. Non poden lavar as mans e pretender que os os habitantes de Silleda fagamos «táboa rasa» como se aquí non tivera pasado nada. Ofrecen caras novas e un «equipo con criterio» pero detrás desas bonitas palabras algúns vemos máis do mesmo. Son os mesmos lobos con pel de cordeiro. Nós, as xentes de esquerda, ofrecemos alternativas a este modelo. Comecemos por reducir os gastos correntes e poñamos a todo o persoal a traballar, facilitemos o asentamento de emprendedores no noso Concello, dinamicemos os mercados agrícolas e gandeiros de Silleda. Aproveitemos as nosasComo di o lema popular: «Silleda quere», vaia se quere pero un cambio de verdade. O cambio pasa polos que apostamos por este Concello e polas súas xentes, non polos que durante anos e anos nos levaron ao abismo no que estamos. Só agardo que a cidadanía de Silleda o 22 de maio non tropece unha vez máis coa mesma pedra. Merece un futuro mellor. potencialidades ambientais e paisaxísticas para potenciar o turismo. Vamos, todo o que ata agora non se fixo.
Xerardo Díaz.
Vice-responsábel do BNG de Silleda

domingo, 13 de março de 2011

Concello anticrise


Quero compartir convosco unha idea que nos anda a moitos de esquerdas a fedellar na cabeza porque non comungamos con máis do mesmo, cun sistema que aperta e abafa até afogar. Para min, para as persoas da esquerda real, a saída, ou cando menos o asentamento dunhas bases para ir saíndo da crise, pasan por construír outro modelo de sociedade diferente que se basee na xente, na economía real, na do día a día, na aposta pola economía produtiva, que defenda e desenvolva traballos dignos, estábeis, a que está cos comerciantes, co pequeno empresario, cos autónomos, auténticos motores do auto-emprego. Renegamos desa figura mítica, referente social en moitos casos, dos magnates que lles marcan as condicións aos gobernos, deses que se din empresarios e a súa única empresa é amasar diñeiro para acabar cos demais. Apostamos pola corresponsabilidade, pola alianza entre as clases populares e os sectores produtivos.

Dicimos isto nun Concello (como no meu caso é o de Silleda) e nunha comarca onde o salario medio está pouco por enriba dos 800 euros mensuais, onde comprobamos que o desmantelamento do sector primario (o lácteo, a agricultura) foi practicamente un feito, onde o futuro do comercio se complica. Isto é produto das máis duras condicións impostas polos grandes centros de negocios que promocionan a economía especulativa, a que non é real e se impón á produtiva, a que representamos a maioría. Esa economía especulativa foise interiorizando á forza, forzada e promocionada polo capital financeiro, a grande farsa de facer castelos no aire que significa “ese diñeiro inventado que é o da banca”. Ese que anda no aire e só se ve cando non se precisa, porque logo cando realmente fai falla, todo son pegas para conseguilo.

Mais hai persoas que estamos aquí para dicirvos que ten que haber unha alternativa. Unha alternativa que, por exemplo en Silleda, protexa os nosos autónomos, traballadores e traballadoras desenvolvendo un Plan Xeral de Ordenación Municipal, que permita novos asentamentos en áreas empresariais, que permita que a nosa cidadanía poida fixar a habitabilidade na súa terra rural, sen a necesidade de ter que mercar vivenda nas Vilas forzosamente a prezos máis caros. Unha alternativa que a nivel municipal pase porque o Concello sexa un dinamizador autenticamente prestador de servizos, de asesoramento e formación profesional e empresarial.

Como vedes, tamén no Trasdeza se pode intervir para tentar atallar a crise. Unha crise económica que, se ben é universal, tamén se fomenta desde a realidade social máis próxima, pois todo o mundo é consciente dos momentos que estamos a vivir. Non existe unha receita máxica, mais esta pasa por cambiar os hábitos de consumo, por apostar polo noso, por cambiar o capitalismo polo nacionalismo, por un cambio real dos gobernos que nos fornezan de políticas que favorezan a nosa economía produtiva. Repito: a dos traballadores, a dos gandeiros, a dos autónomos e comerciantes, e non a dos puramente especuladores co capital.

Matías R. da Torre

Concelleiro do BNG en Silleda